Pedrismo
Varias horas antes de que pechen as urnas no PSOE e se coñeza quen será secretario xeral, Pedro Sánchez xa é o gañador. Mesmo se finalmente non é el o elixido. Como cando un equipo pequeno chega lonxe nunha competición deportiva, pódese dicir que o vencedor moral xa é el. Igual que o Alavés meténdolle medo ao Liverpool na final da UEFA do 2001, igual que o Deportivo petando ás portas da final de Champions, igual que o Celta dominando a todo un Manchester United. Pedro Sánchez conseguiu que Susana Díaz, que pensaba que as primarias socialistas serían un paseo militar, tivese que aparcar as fanfarrias e poñer o traxe de faena.
Como no caso dos clubes de fútbol que chegan a metas maiores das que insinúa o seu orzamento, o maior activo do que dispón Pedro Sánchez é a fame de vitoria. Fame, neste caso, aberta polas ganas de vinganza que deixa entrever en cada mirada, en cada palabra, en cada xesto. Xa non é o protagonista da historicamente desacertada frase “este chico no vale, pero nos vale“, nin aquel descoñecido político que venceu as primarias socialistas de 2014 entre acusacións —non o olvidemos— de pertencer á ala dereita do socialismo. Coma os malos de película cando cumpren a súa ameaza de volver, na cara de Pedro adivíñanse hoxe as marcas do combate, é moito máis sombrío, ten menos pelo e máis enrugas.
Son as consecuencias da súa súa violenta deposición tralas eleccións galegas, nunha acción política digna das filmografías de Quentin Tarantino ou Álex de la Iglesia. Sangue, moito sangue, berros en Ferraz, Lagarder Activista á porta da sede e unha señora descoñecida que, nun momento para a Historia, reclamaba ser a única autoridade no partido. Os que querían apartalo polos seus pésimos resultados electorais fixeron que boa parte da militancia socialista se esquecese deles. Acababan de crear un mártir. Os movementos políticos de Pedro Sánchez desde o putsch de outubro foron máis intelixentes que todo o que fixera nos dous anos anteriores. Nas últimas semanas anulou a gran baza de Susana Díaz: ser o cabalo gañador, a única opción viable para alzarse coa Secretaría Xeral, algo que faría desaparecer as reticencias de moitos socialistas. Imaxinemos un militante crítico con Susana dalgunha das comunidades ferreamente controladas polo susanismo. Se ela arrasase en avais, ese militante quedaría na casa ou iría votar á andaluza coa pinza no nariz. Nas circunstancias actuais, é moi probable que perda o medo a coller a papeleta de Pedro, ese antiheroe rexurdido das súas cinzas.
O obxectivo de Susana Díaz e Pedro Sánchez é o mesmo, desprazar ao PP sen alimentar a Podemos, o que os diferencia é a táctica
Discrepo da prensa madrileña en que este resultado vaia definir a orientación ideolóxica do PSOE do futuro. Non creo que entre Susana e Pedro puidese haber grandes debates ideolóxicos, deixando os dimes e diretes sobre “el PSOE ganador” e “la abstención ante la derecha“. O obxectivo é o mesmo, desprazar ao PP sen alimentar a Podemos, o que os diferencia é a táctica. O pedrismo demostrou ter moita présa e, igual que en 2016 parecía disposto a ir a terceiras eleccións, agora sería perfectamente capaz de tumbar xa o Goberno de Rajoy. O susanismo, por contra, é máis paciente e parece ter como prioridade reconstruír por completo o PSOE antes de plantarlle cara frontalmente ao samurai pontevedrés, que diría Iván Redondo.
O asunto central destas primarias, pese ao discretísimo segundo plano que está a ocupar, é o resultado de Patxi López. Non porque pareza ter posibilidades reais de chegar xa a Ferraz, senón porque será un bo termómetro da crispación interna que se vive no PSOE. Un bo resultado significaría que hai moitos socialistas que cren que o seu partido debe asinar canto antes a paz interna. Un mal resultado, que o partido está dividido de xeito irreconciliable entre os partidarios do aparato (do actual e do de hai 30 anos, que en esencia é o mesmo) e os afíns a ese madrileño guapo con pinta de marioneta política que demostrou unha improbable contumacia. Neste segundo escenario, estariamos ante algo histórico: un risco real de ruptura do que un día foi o partido hexemónico de España.