Flavita Banana e a ironía do cotián

2

‘Las cosas del querer’, xa dispoñible nas librarías / © Instagram Flavita Banana

Litros de tinta e quilos de follas son as armas da raíña das tiras cómicas nas redes sociais. Flavia Álvarez-Pedrosa Pruvost, alias Flavita Banana, é a nova sensación nas plataformas de Twitter, Instagram e Facebook, onde mostra as súas frescas e perspicaces viñetas. Tal e como ela di “no momento que abrín a miña conta foi unha explosión”, e non é de menos pois conta con máis de 170 mil seguidores. A actual colaboradora en El Salto, Mongolia, S Moda Revista, e en Orgullo e Satisfacción; tenta chegar á cúspide do creativo mundo destes artistas.

Flavita Banana, graduada en Artes e Deseño e máis tarde en Ilustración defínese como unha caricaturista que quere amosar máis dunha circunstancia na que podamos recoñecernos facilmente. Os artistas que máis repercutiron no seu desenvolvemento foron Sempé, Jean Bosc, Chaval, Serge Bloch, Claire Bretecher, Quino e el Roto principalmente; aínda que afirma que Internet foi un factor fundamental para dar a coñecer as súas creacións. Os debuxos, caracterizados por sinxelos trazos acompañados de peculiares diálogos, reflicten situacións do día a día no que se mistura amor, desamor e amizade con ironías e sarcasmos que rematan por converterse en ingredientes indispensables. Nas súas ilustracións atoparémonos a maior parte das ocasións con mulleres protagonistas da acción. Non é por a existencia dun feminismo como fondo, pois como asegurou a autora: “Educáronme na máxima igualdade. Se nas miñas imaxes saen mulleres é porque son muller; pero pretendo que tanto homes coma mulleres poidan identificarse. Algúns seguen negándose a identificarse se o suxeito non é o eterno neutral: o home. Pero non podo escoller á miña audiencia”.

Nos case tres anos que leva adicándose á caricatura profesionalmente, conseguiu a publicación de dous libros: ‘Las cosas del querer’ e ‘#Curvy’, no que colaborou coa escritora Covadonga D’lom coma ilustradora. Este último é un libro entretido e ameno, que ten por obxectivo reivindicar a beleza das curvas daquelas mulleres grosas cansas de estar relegadas pola moda. Reivindícase a existencia de mulleres grandes aproveitando o tirón das novas modelos XXL. Repásanse con moito sentido do humor problemas cotiáns como o momento de enfrontarse á báscula ou mercar un suxeitador. Ademais, conta cun peculiar decálogo no que se recollen chistosas frases como: “Ser curvy é unha actitude”, “Unha curvy non segue a moda” ou “Unha curvy rompe moldes”Por outra parte; a obra ‘Las cosas del querer’ concíbese como un conxunto de historietas gráficas. Nela trátanse asuntos amorosos nos que por medio de simpáticos diálogos, Flavita Banana invítanos a reflexionar sobre os nosos sentimentos, desexos e aspiracións de forma desenfadada e festiva.

Segundo ela, a chave do seu éxito é que o artista se deixe inspirar polas súas propias vivencias e experiencias para máis tarde poder expresar as ideas no papel, pois o método de “asignar horas diarias estáticas para facer viñetas nunca funciona. As ideas veñen cando queren”.

99

Recompilación dalgunhas das súas tiras cómicas / © Instagram Flavita Banana