Inverno en Compostela: solpor mollado

© Compostela Daily Photo
O inverno marchou disfrazado dos raios de sol que lle toma de vez en cando prestados á primavera. Pero no “toma e daca” meteorolóxico, deixou tamén o seu legado. Choiva e frío, incluso tímidas folerpas de neve. Non é necesario presaxiar que, en Compostela, el sempre continúa presente sendo testemuña da vida da cidade. Unha testemuña que viviu o paso das luces de cores do Nadal ás do Entroido; que danzou entre as felicitacións de aninovo e os disfraces. Pasaron os meses e o ceo foi mudando de ton. Pero continúan sempre presentes as gotas de choiva que baten contras as ventás rodeadas de musgo e pedra, e que nas mellores noites acompañan ese ruído habitual que denota unha nova saída dos estudantes da cidade. Eles tamén pasaron o seu inverno, cos exames, os traballos e as máis filosóficas charlas entre os muros de Casa das Crechas ou do Nemenzo. O que non cambiará nunca será o sentir romántico e morriñento do solpor de Compostela.

© Compostela Daily Photo

© Compostela Daily Photo

© Compostela Daily Photo

© Compostela Daily Photo

© Compostela Daily Photo