O gaélico máis galaico

O fútbol gaélico, ou Peil Ghaelach en irlandés, é o deporte máis popular en Irlanda xunto co hurling e o rugby. Adoitase describir coma un híbrido entre o fútbol e o rugby, pero é moito máis que iso. O terreo de xogo é un campo con dúas porterías en forma de H, onde para anotar puntos existen dúas posibilidades: tres puntos por anotar dentro dos tres paus inferiores, ou un punto por pasar o balón por riba e entre os dous paus superiores. Trátase dun deporte vertixinoso de ida e volta onde non só se prima a velocidade, senón que tamén é importante a precisión.

Este deporte chegou a Galicia fai aproximadamente sete anos coa creación do equipo Fillos de Breogán en A Coruña. A raíz deste naceron o Estrela Vermella en Santiago de Compostela e Irmandiños en A Estrada. Son, por así dicilo, os pais do gaélico nunha Galicia que deste modo perpetúa aínda máis se cabe a irmandade coa terra irlandesa. Ao clima, á vexetación ou ao folclore úneselle dende fai uns anos atrás o fútbol gaélico. Tal e como conta o Lebor Gabála Érenn, o libro que recompila o conxunto de manuscritos que relatan a construción nacional irlandesa como a suma de distintas invasións celtas dende a súa creación ata o século XI, Galicia está presente na historia de Irlanda. Era Ith, fillo de Breogán, quen avistaba a illa de Irlanda dende a Torre de Hércules. Agora somos nós os que temos un pedazo da súa illa, xa que o seu deporte por excelencia está calando perfectamente en Galicia.

Equipo feminino do Estrela Vermello

Equipo feminino do Estrela Vermello |©Estrela Vermella

No ano 2012 fúndase a Selección Galega de Fútbol Gaélico, unha proba máis ca evidente de que o gaélico chegou para quedarse. Unha selección con equipo tanto masculino como feminino, que tivo a súa cita máis importante o ano pasado, en Abu Dhabi, onde se celebrou a primeira edición dos GAA World Games, ou o que é o mesmo, o primeiro mundial de fútbol gaélico. Os rapaces lograron o subcampionato do mundo, mentres que o equipo feminino conseguiu a terceira praza, estreándose por todo o alto nos GAA World Games.

Ánxela Estévez, xogadora do Estrela Vermella de Santiago e da Selección Galega, cualifica a experiencia do mundial como “inesquecible e incrible” e afirma que “volvería sen dubidalo”. O principal problema da selección é o tema económico, xa que sons os propios xogadores e xogadoras os que teñen que custear a maioría dos gastos. “A selección da o que pode, pero non chega para custear as viaxes”, afirma Ánxela, que tamén destaca que “a Abu Dhabi, ademais da convocatoria, fomos as que no lo podíamos permitir economicamente, porque todos os gastos correron practicamente do noso peto”.

En canto á busca de patrocinio, Ánxela resalta o difícil que é conseguir apoios económicos, debido a que o gaélico é un deporte inda moi descoñecido para os galegos. “Falamos coa Xunta e con Estrela Galicia pero non nos deron nada, o máximo que conseguimos foi o partido de exhibición que fixemos no descanso do Galicia-Venezuela que se disputou o ano pasado en Riazor, un feito importante que nos deu a posibilidade de darnos a coñecer”.

Ánxela volveu ser unha das integrantes da selección e estivo no mundial de este verán en Dublín. “A experiencia é incrible. Coñecer xente de todos os lugares do mundo e estar unha semana xogando naqueles estadios. Volvería ir mil veces”, afirma Ánxela, que tamén nos conta que lle sorprendeu o feito de que non se promoveu demasiado o mundial, xa que os estadios estaban practicamente baleiros. A pesar disto,  a emoción de xogar en Croke Park, estadio por excelencia do fútbol gaélico que conta cun aforo de 82.300 espectadores, foi un soño cumprido.

Membros da selección galega  en Croke Park, Dublín | ©Vice

Membros da selección galega en Croke Park, Dublín | ©Vice

Ánxela tamén destaca o que supón vestir a camisola de Galicia, xa que “levar o nome de Galicia escrito na parte de atrás é algo incrible”. Ademais, conta cun sorriso na cara a sorpresa do resto de seleccións ante a presenza galega no campionato: “chegas alí e ninguén coñece Galicia…están Nova York, California, Francia, China, Sudáfrica…pero todos se preguntan onde está Galicia”. O gaélico serve tamén para levar a bandeira galega ás costas, xa que se trata dunha maneira moi especial e orixinal de pasear a franxa celeste da propia terra polo resto do mundo.

E é a terra un dos elementos que está moi presente no fútbol gaélico. Unhas das diferencias máis marcadas respecto do fútbol e que se está tratando de manter é o feito de que non é posible realizar fichaxes entre os distintos equipos. Os xogadores e xogadoras teñen que xogar no equipo da súa terra, ou ben, no da zona onde viven, polo que non existen traspasos entre os clubs. Na categoría masculina, a Liga Galega conta con dúas divisións, cun total de doce equipos entre ambas. Na categoría feminina, a liga compóñena nove equipos. É unha liga a nivel autonómico, polo que cada desprazamento supón un gasto importante, tanto económico coma de tempo. A maioría dos clubs non conta cun sustento económico que permita custear nin os desprazamentos nin as fichas da GAA (Asociación Atlética Gaélica), polo que son os xogadores e xogadoras os que cargan con estes gastos.

Ademais do gasto económico, tamén hai que ter en conta o tempo que quita practicar fútbol gaélico. Aos adestramentos e aos partidos, hai que sumarlle o famoso terceiro tempo, que consiste en comer e beber algo co outro equipo unha vez finalizado o encontro. Ánxela destaca este terceiro tempo como elemento de unión e como unha das mellores cousas do fútbol gaélico. Este deporte proporciónalle o pracer de desconectar, xa que afirma que “ao traballar de luns a venres nun laboratorio, os partidos de gaélico o fin de semana danme a vida”, e que non só ela o pensa, se non que “moita xente practica gaélico pola desconexión e liberalización que provoca”.

Manterse en forma, socializar, divertirse ou desconectar son algúns dos moitos beneficios que proporciona o fútbol gaélico a aqueles e aquelas que o practican. Un deporte que chegou a Galicia como un xogo e que cada ano vai sumando efectivos, tanto a nivel de xogadores coma de equipos, convertendo Galicia cada día que pasa nun chisco máis gaélica.