Matteo Renzi: A fatal arrogancia, versión italiana

Un erro consustancial á política de alto nivel é a crenza de que desde as capas máis altas do poder se é capaz de cambiar todo un sistema establecido con certa facilidade e pensar que a golpe de decreto se pode ordenar a vida de millóns de cidadáns. A isto Friedrick Hayek denominouno “Fatal arrogancia”, e dedicoulle todo un libro. O último (e quizá máis claro) dos expoñentes deste xeito de actuar foi, este mesmo domingo, o primeiro ministro italiano, Matteo Renzi.

O político nado en Florencia convocou un referendo (gran idea, logo do do Brexit e o de Colombia) sobre unha reforma constitucional que, para entendernos, viría a ser algo moi semellante a un soño húmido de Albert Rivera: recentralización do poder do Estado, eliminación das provincias como unidade administrativa, recurte de gasto político, limitación de poder do Senado, etc. A cuestión non era doada, con cambios moi fondos e non sempre ben explicados, e a contestación por parte dos resto de partidos creceu ante acusacións de falta de consenso coas forzas políticas. Renzi, sempre extremadamente seguro de si mesmo, decidiu redoblar a aposta e vencellar o resultado a consulta ao seu futuro persoal.

Chegados a este punto, debemos dar dúas leccións de política básica: 1. Non convoques unha votación que non sabes se podes gañar. 2. Se o fas, non digas que se perdes dimites. O punto 2 é de importancia crucial, porque conseguirás que todo o mundo que quere sacarche a patadas do cargo teña unha ferramenta para facelo. Así, Renzi conseguiu que fixeran frente común contra el desde a estrema esquerda ata a estrema dereita, pasando por unha parte do seu propio partido que tiña unhas cantas débedas que axustar con el.

Con este panorama, que podía saír mal? A medida que avanzaba o domingo, ao premier foi poñéndoselle cara de David Cameron e, por unha vez no que vai de ano, as enquisas acertaron, e aínda foron conservadoras coa patada que lle deron os italianos ao florentino. O marcador dicía que, con 60-40, non había xa moita batalla que dar.

O que si que hai que recoñecerlle a Renzi é que perde coma ninguén. Cando hai catro anos caeu contra Pier Luigi Bersani nas primarias para liderar o Partito Democratico, ofreceu o que para moitos foi o mellor discurso de derrota da historia de Italia. Onte, logo de 1.000 días no Palazzo Chigi, volveu poñerse ante os micrófonos co mesmo nó na gorxa e ton dramático para recoñecer o seu fracaso estrepitoso.

Catro anos na política italiana son séculos. Da tempo a que exploten gobernos, se funden partidos, volvan outros vellos e os líderes fracasen e rexurdan. Pero nas dúas intervencións hai moitos elementos comúns. O ata agora premier asumiu nas dúas ocasións a caída como estrictamente persoal. “Xa dixen que se gañabamos eramos nós, pero se perdía era eu”, foi a fórmula de 2012. “Asumo toda a responsabilidade da derrota. Perdín eu, non vós”, a de 2016.

Renzi presentouse sempre como un político diferente. “Se non cambio Florencia deixo a política e póñome a traballar” foi a frase coa que comezou a súa carreira. Intentou controlar o PD -e conseguinuo- cun discurso totalmente outsider, que por veces podía parecer dun partido de centro liberal moito máis que recoñeciblemente socialdemócrata. O solar que deixou na dereita o post-berlusconismo provocou que a ofensiva cara a centralidade xerase no seu propio partido unhas tensións internas que farían dun Comité Federal do PSOE recente un cumpleanos de preadolescentes.

O xa dimitido advertiu en 2012 que non soubo sacudirse a imaxe pública que tiña de “rapaz ambicioso con ganas de facer algo”. En 2016, e despois de faltar á súa palabra de non chegar ao poder sen gañar unhas eleccións, cabe dicir que nunca soubo facelo. Pensou varias veces que el só podía todo un partido e todo un país, e o que conseguiu foi deixar a ambos en bandexa de prata ao populismo de Beppe Grillo. A fatal arrogancia elevada ao máximo expoñente.