Cineuropa 2016: O ornitólogo
A película do cineasta portugués João Pedro Rodrigues non se aparta da liña marcada por este director ó longo da súa traxectoria. En “O ornitólogo” narrase a historia de Fernando, un especialista en aves que se atopa na procura de cegoña negra nun río do norte de Portugal. Tras un accidente co seu kaiak terá que sobrevivir na natureza durante varios días atopándose con personaxes do máis incrible e imprevisible: dúas peregrinas chinesas perdidas, a propia vida do bosque, un pastor xordomudo… Nesa natureza, coma na vida, nada é o que parece, e esa sorpresa é precisamente un dos xogos que o director lle ofrece o espectador nesta longametraxe, premiada no Festival de Locarno á mellor realización precisamente.

Cartel oficial do filme portugués, laureado como mellor dirección no Festival de Locarno / ©Facebook O ornitólogo
As primeiras escenas son case documentais pero logo o filme vaise achegando a un surrealismo claro e cada vez máis incipiente ata chegar a un final no que se pon de manifesto esa tendencia cara o absurdo. O remate, de marcada espiritualidade e cheo de referencias á figura de San Antonio de Padua, e o seu percorrido vital non fai máis que recordarnos que se trata dunha cinta fóra do común. Quizais demasiado extenso, o filme pide acudir ó cinema coa mente aberta, predisposición á reflexión e sobre todo un certo gusto polo surrealismo máis elaborado e imprevisible.
A música e o son dos paxaros coma base da banda sonora é un dos puntos clave para a impresión de ritmo no filme. Un ritmo pausado, pero que consegue manter e prolongar a tensión. Tamén o traballo do elenco, pero sobre todo do actor protagonista, Paul Hamy, resulta encomiable. Unha interpretación máis que complicada que resolve dándolle as doses xustas de forza, e sabendo transmitir cos ollos e mesmo co corpo a soidade absoluta dun home que se perde para atoparse. Un traballo esixente para os actores como confirmou Xelo Cagiao, un dos intérpretes do filme, que conversou cos asistentes trala proxección no Teatro Principal ofrecendo precisións técnicas e detalles da preparación da súa personaxe. Pero tamén para decantarse pola sinceridade máis absoluta. O propio Xelo pedía por favor que alguén ó que non lle gustara o filme se atrevera a dicilo (aínda que non se alzou ningunha man). E, ademais, confesaba que ningún dos actores, nin o equipo técnico, nin tan sequera o director cobraran aínda polo seu traballo no filme. Un dato que non fixo senón poñer en valor a súa presencia na sala e recordar que lonxe das grandes producións cinematográficas existe unha realidade crúa e descoñecida.
“O ornitólogo” é en definitiva todo iso. Algunha gargallada illada, unha certa tensión e a profundidade do seu tramo final fan o resto. Un filme que promete e consegue, para ben ou para mal, non deixar a ninguén indiferente. Mesmo cunha sensación de non saber se o que acabas de ver é unha peza brillante ou unha pretensión de surrealismo mal xustificado. Xulguen vostedes mesmos.