Cineuropa 2016: Pepe Mujica – Der Präsident

Pepe Mujica – Der Präsident é un documental alemán dirixido pola suíza Heidi Specogna. Este filme segue ó expresidente uruguaio no seu día a día acompañándoo ó despacho, ós mitins e mesmo subíndose con el ó tractor que utiliza na casa de campo na que vive. Specogna, directora tamén de filmes como “Tania, la Guerrillera”, que conta a vida da única muller da guerrilla do Che, ou “La breve vida de José Antonio Gutiérrez”, que trata da historia deste soldado estadounidense de orixe guatemalteco abatido en Iraq por “lume amigo”. Unha directora especialista en contar historias sobre a esquerda guerrilleira de América Latina que realiza nesta ocasión un documental totalmente actual e próximo ó espectador. Mujica no seu ambiente. Sen espaventos nin complicacións. Con poucas referencias ó pasado do político (o tempo da guerrilla, o cárcere…). E, sobre todo, centrado en amosar momentos e conversacións co ex presidente uruguaio cun ritmo tranquilo e sosegado.

O coñecido coma “o presidente máis pobre do mundo” aparece acompañado da súa muller expresidenta do Senado uruguaio e tamén exguerrilleira, Lucía Topolansky. E practicamente son as únicas testemuñas deste filme. Unha aposta da directora que amosa o seu desexo de evitar opinións e valoracións externas e amosar simplemente a Pepe Mujica. Sen eloxios nin críticas explícitos, aínda que cunha evidente admiración pola figura do expresidente

Cartel do documental, guionizado e dirixido por Heidi  Specogna e estreado no 2015 ©

Cartel do documental, guionizado e dirixido por Heidi Specogna e estreado no 2015 | Numax

As escenas que se amosan no documental son do máis diversas. Mujica na súa casa, co seu coche (un “Escaravello” antigo), na súa horta, lendo o xornal, cos seus cans… Momentos que recordan máis a vida dun xubilado na aldea que a un presidente do goberno. Pero é no diálogo no que o filme gaña forza. O discurso e o mitin político atópase cargado de frases dignas do titular de calquera xornal. Pero son a parte persoal, a broma, a sinxeleza e a franqueza de Mujica as que soportan o peso do documental. Trátase, xa que logo, dunha obra amigable, na que o espectador case dialoga co propio Mujica e se identifica con ese home ó que sendo presidente lle costa deixar Uruguai para reunirse con Angela Merkel, ó que non acaban de convencerlle os smartphones e que se queixa de que o traten coma un actor mentres gravan o documental.

A directora escolle na obra unha narración sinxela e sen artificios, que se asemella, precisamente, ó home que está a retratar. O documental mostra o Pepe Mujica que un espera atoparse. Sen sorpresas. familiar, próximo e sen controversia. Así é Pepe Mujica- Der Präsident. Non rompe nin sorprende, pero chega.