De cando o Spin 2016 desembarca en Compostela
O maior encontro de emprendemento universitario de Iberoámerica escolleu Santiago de Compostela como enclave na súa terceira edición. Dous mil estudantes inscritos e máis de 70 poñentes cun obxectivo: poñer en contacto a estudantes, emprendedores e empresas; aportar coñecemento e servir de base para o despegue de novos proxectos emprendedores.
Co lema “Creando cultura emprendedora”, os asistentes recibiron conferencias de referentes mundiais no sector da innovación como a Premio Príncipe de Asturias das Letras Nélida Piñón, o chef tres estrelas Michelin Joan Roca ou o exseleccionador Vicente del Bosque, quen compartiu as súas técnicas para dirixir, no seu caso, un vestiario: “que pareza que son eles os que mandan pero que fagan o que ti queres”, aconsellaba entre risas.
Durante o evento, o edificio do Museo Gaiás encheuse de estudantes e profesionais de 20 nacionalidades e 100 universidades diferentes que encheron os distintos espazos cos que contaba o Spin2016: o escenario OE!, onde se celebraban as conferencias, e cinco salas para seminarios e talleres. Ademais, instalouse un partnering no que os asistente podían concordar citas entre eles para crear vínculos, pedir asesoramento de profesionais ou buscar socios.
En exteriores, foodtrucks de comida e un simulador de Fórmula 1 que non parou de recibir visitantes durante os tres días do evento confirmaron o éxito dun evento que se ven a celebrar cada dous anos dende o 2012, e que estivo organizado por RedEmprendia, o Banco Santander, a Fundación Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención na inaguración do Spin 2016
As xornadas iniciáronse o xoves 29 de setembro coa intervención de Gustavo Santaolalla, músico e compositor merecedor 2 premios Óscar e 17 Grammy, que non dubidou en facer un percorrido pola súa traxectoria vital e profesional, cuns comezos difíciles nos que destacou a importancia do traballo e da constancia para emprender. Non dubidou en confesarlle á audiencia un dato que non deixa de ser curioso nun mestre coma el: non sabe ler nin escribir música.
A ceremonia de inaguración do Spin2016 estivo presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e nela interviñeron tamén Rebeca Grynspan, Secretaria Xeral Iberoamericana; o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a a Educación, a Ciencia e a Cultura, Paulo Speller; Antonio Zago, presidente da RedEmprendia e Rodrigo Echenique, vicepresidente do banco Santander. A actuación inédita do propio Gustavo Santaolalla co gaiteiro galego máis internacional, Carlos Núñez, puxo o broche de ouro do acto.
Pero quizais un dos momentos máis emotivos do evento, aconteceu esa tarde cando nunha mesa redonda, Sakena Yacoobi, fundadora do Instituto Afgano da Aprendizaxe, destacou a importancia da educación para as mulleres de todo o mundo, e a empatía como chave para lograr a igualdade. A forza e a loita desta muller afgana fixo que o auditorio se puxera en pé para despedir a súa intervención, cargada de humanidade.
Tampouco escasearon as charlas motivacionais, coma a de Anxo Pérez, creador do método de aprendizaxe de idiomas 8 Belts e autor de “Los 88 peldaños del éxito”. Dominando 9 idiomas, e tamén 9 instrumentos, este galego sabe do que fala cando afirma que o “enemigo da vida non é a morte, senón o desaproveitamento” ou que o “o perigoso non é estar perdido senón quedar quieto”.

A innovación é unha das claves do Spin, como amosa este Robot de “NaoTherapist” que axuda a realizar rehabilitacións ós nenos
Pablo Pantaleoni, considerado por Forbes como un dos “xóvenes chamados a cambiar as regras de xogo do mundo” pola súa aplicación médica, Medtep, non se quedou atrás cando, recoñecendo os sacrificios que conleva a vida emprendedora, aconsellou a todos os presentes ter como lema “sentirse útil cada día da súa vida”.
E non faltaron as irreverencias. José Luis Cuerda, director e guionista de cine afirmou atoparse “indignado” coa Cidade da Cultura, na que nunca antes estivera, e calificou a obra coma o “paradigma da estupidez humana” ante un público que non fixo senón aplaudir as súas verbas.
O sábado 1, pechouse o evento coa entrega de premios ós ganadores do Spin Way, que premiaba proxectos desenvoltos durante unha experiencia de catro días no Camiño de Santiago; o Model2Market, ós mellores modelos de negocio, e do SmartMoney4Stars, ás empresas novas máis innovadoras. Este último repartiu 10.000 euros a cada un dos cinco proxectos que conseguiron o recoñecemento, entre eles un proxecto da universidade de Santiago de Compostela de medicina personalizada: Gen Dr.
Fotografías: © María Losada Miguéns