Activistas e comprometidas
Nata un 4 de outubro de 1993 en Corea do Norte, Yeonmi Park é hoxe en día unha das activistas máis comprometidas coa liberación do pobo norcoreano. A súa historia caracterízase por reflectir con crudeza as duras experiencias que atravesan deceas de miles de norcoreanos que intentan fuxir do réxime ditatorial sen morrer no intento. Con tan só nove anos, Yeonmi foi testemuña da execución pública dunha amiga da súa nai cuxo delito consistira en ter visto filmes surcoreanos e prestalos ás súas amizades: “No momento no que os verdugos ergueron as súas armas, tapeime a cara pero volteime a tempo para presenciar o estalido de sangue e a muller desplomándose sobre o chan. Foi a primeira que sentín terror na miña vida”, rememora.

Yeonmi Park, unha das máis destacadas activistas norcoreanas, no One Young World (Dublín, 2014) / © theindependent.co.uk
O seu pai formaba parte do Partido dos Traballadores e tiña o seu empleo no concello de Hyesan. Non obstante a gran crise económica dos 90, que implicou milleiros de mortes por hambruna, empurrouno á venda ilegal; feito polo que foi penado cunha condea de 17 anos de cárcere durante os que recibiu brutais malleiras e privacións de auga e comida. Tras a súa posta en liberdade, a familia decidiu fuxir encamiñándose cara a fronteira chinesa coa axuda dun contrabandista: “O único que pensaba era que podían tirotearme. Corrín, corrín e corrín”, relata Yeonmi Park. Tras chegar á provincia China de Jilin, pediron axuda a traficantes para atopar a súa irmá, que se fugara meses antes. Estes négaronse e tras ameazalas con entregalas á policía, quixeron violar a Yeonmi mais a nai evitouno permitindo que abusaran sexualmente dela no seu lugar.
O relato remata coa morte do pai días despois do terrible suceso: “Non houbo funeral. Nada. Enterrámolo en segredo. Non chamamos a ninguén para contarlle que falecera por medo a que nos descubriran”. Cando tiveron oportunidad escaparon a Corea do Sur, onde puideron solicitaron a asistencia que se ofrece aos refuxiados norcoreanos. Meses máis tarde, o axente que levaba o seu caso advertiuna de que o seu nome fora engadido a unha lista de obxectivos declarados a eliminar polo réxime totalitario. Revelación que indignou a Yeonmi e a encamiñou a erguerse como unha das figuras máis destacadas da oposición ó ditador Kim Jong-Un, tal e como deixou amosar no One Young World de 2014: “Crucei o deserto de Gobi, perdín o meu pai, pero aínda non son ceibe. Todavía teñen poder sobre mín. Tratan de controlarme pero seguirei adiante ata que poda recuperar a miña liberdade”.

Sonita Alizadeh, activista e rapeira, concedendo unha entrevista (Londres, 2015) / ©BBCInterviews
Outro exemplo de superación constitúeo Sonita Alizadeh. Ela é unha xove de 21 anos que sente impotencia ao saber do asasinato doutra muller; é entón cando recurre ó único que a conforta: rapear. Raps que narran a vida das nenas que chegan golpeadas á escola tras negarse a casar; composicións que falan de “nenas tendo nenos”, tal e como conta Sonita ao rememorar a súa infancia e o intento da súa familia de vendela como noiva ós dez anos de idade.
Sonita provén dunha familia musulmá conservadora que escapou dos bombardeos aéreos e dos ataques talibáns que sufrían no seu país de orixe, Afganistán. A perigosa fuxida a Irán, na busca dunha mellor vida, estivo marcada polo perigo de secuestro dela e da súa irmá a mans soldados talibáns. Como ela nunca tivera acceso a ningún tipo de educación, ó chegar ao país veciño, tivo que traballar limpando nunha ONG mentres lle aprendían a ler e escribir; ata ser capaz de compoñer enfrontándose a un estado que prohibe ás mulleres cantar en público. A única axuda que recibiu foi a de produtores de música desafiantes á lei.
Foi no 2014 cando se viralizou un videoclip seu no que incitaba ós afganos a loitar pola súa patria e polo dereito ao voto. Logrou así facerse gañadora dun concurso estadounidense premiado con mil dólares que enviou a súa nai, que voltara a Afganistán. Sonita creu que a súa vida estaba mellorando cando a súa familia esixiu que regresara a casa: “Hay un home, e está agardando por ti”. O seu irmán necesitaba dunha dote de 7.000 dólares para a súa noiva e a nai pensou en obter 9.000 vendendo a Sonita como esposa. Rokhsareh Ghaemmaghami, director do documental que máis tarde levaría o nome da cantante, conseguiu aplazar dous meses a súa venda tras pagar 2.000 dólares á nai. Un tempo suficiente para compoñer “Noivas á venda” (Brides for sale) co que ambos captarían a atención internacional.
“Déixame murmurarte unhas verbas no teu oído
ninguén debe escoitalas, quero falar de “Noivas á venda”
ninguén debe escoitar a miña voz pois vai contra a sharia
eles din que unha muller debe permanecer en silencio, é tradición nesta cidade”
Semanas máis tarde, Strongheart Group ofreceulle unha beca completa para estudar en Wasatch Academy (EEUU), que permitiu que Sonita poidera seguir loitando contra o matrimonio infantil e o forzado, ademais de ser libre e independente. Porén, non rexeita a opción de voltar a súa terra natal para loitar polos dereitos das mulleres. Decátase de que é perigoso ser activista e muller nunha nación tan conservadora pero: “O meu país necesita unha persoa como eu. No caso da miña familia, eles cambiaron de opinión, se puiden cambiar a súa forma de pensar coa miña música, entón quizais poda cambiar o mundo”.

Graça Sanches, deputada de Cabo Verde e Presidenta da Rede de Mulleres Parlamentarias de Cabo Verde (RPM-CV) / © Sapoestudante
Por último, unha das figuras que recentemente está a coller moita sona é Graça Sanches, unha das deputadas máis novas de Cabo Verde e que actualmente tamén goza do cargo de Presidenta da Rede de Mulleres Parlamentarias (RPM).
Graça creceu no seo dunha familia humilde, na cidade de San Francisco (Cabo Verde) e aos 12 anos mudouse á pequena localidade de Praia para estudar o antigo ciclo de preparatoria. Tras concluír o ensino secundario no 2000, tivo a gran oportunidade de ir a Portugal onde estudou Historia especializándose no ámbito da ensinanza. “Foron anos complicados, mais estudar fóra foi unha das mellores decisións que teño tomado”, afirma a deputada cando lle preguntan sobre esa época da súa vida. Anos despois regresou a Cabo Verde, onde ocupou o posto de Directora do Ensino Básico no Ministerio de Educación. Segundo ela a súa principal inspiración foi a súa nai, sempre comprometida cos máis débiles e sempre disposta a axudala en calquera situación. O camiño que emprendeu ata poder ser parlamentaria non foi precisamente doado: “Cando conseguín ser membro do parlamento moitos dixéronme que a miña vida ía empeorar, que ser muller e xove non eran as miñas mellores cualidades. Atopeime moi desanimada e pensei en renunciar, pois xa tiña un bo traballo, pero finalmente decidín continuar.”
Unha das súas grandes motivacións é que a política se converta na ferramenta perfecta para conseguir unha sociedade máis igualitaria, na que as mulleres coñezan os seus dereitos e poidan reclamalos. Ela e outros membros da RPM achegáronse ás aldeas para explicar en que consistía a recente Lei contra a Violencia de Xénero, pois moitas delas aceptábano como algo natural. Graça foi a principal impulsora da Lei da Paridade, pero en todo momento quere deixar claro que: “Eu defendo os dereitos das mulleres como unha oportunidade para que avance a sociedade e prospere. Non quero a supremacía feminina, eu loito por unha sociedade igualitaria, con maior equidade. Sempre insisto na idea de que as mulleres e as nenas deben entender que son importantes para a sociedade. Deben estar seguras de sí mesmas e non darse por vencidas no que realmente desexen facer nas súas vidas”. Declaracións públicas como a anterior fixeron que fora unha dos catro xoves caboverdianos seleccionados para a Mandela Washington Fellowship, unha bolsa de estudos que oferta o programa Xoves Líderes Africanos, pertencente a unha iniciativa gobernamental impulsada polo Presidente Barack Obama.