Xoaquín F. Leiceaga: “En España tamén falaban de sorpasso e fomos nós os que demos a sorpresa”
A de Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) é unha carreira política atípica. O destino levouno dende o BNG ata o PSdeG e, ademais de varios parénteses como docente universitario, tamén ocupou cargos públicos de todo tipo: concelleiro, deputado, voceiro no Parlamento… e agora candidato. Porén, o rostro de “Xocas” non lle resultaba familiar ó gran público cando, aló por maio, entrou na carreira cara á Xunta tras vencer nas primarias do seu partido a un peso pesado coma Méndez Romeu. O papel deste economista non é doado, xa que a súa loita é triple: ten que enfrontarse a un Partido Popular aparentemente invencible, a unha forza que ameaza con arrebatarlle a hexemonía da esquerda e, por se isto fora pouco, ós incendios que se veñen sucedendo no corazón do partido, xeralmente con foco en Vigo. En definitiva, estamos ante un candidato improbable que ten ante si unha tarefa case imposible.
A pesar de xa ter estado en política, o seu rostro, polo menos antes do comezo da campaña, non lle era familiar á meirande parte da cidadanía galega. Outros candidatos chegaron de fóra da política, como Luís Villares ou Cristina Losada. A que se debe esta tendencia a recorrer cada vez menos á imaxe de “político profesional”?
Nestes tempos, a política precisa de novos usos, novos perfís. Eu decidín presentarme como candidato do PSdeG á Xunta porque debemos darlle un futuro a este país, e creo que a miña traxectoria profesional e experiencia aválanme.
Como docente universitario coñece de primeira man as dificultades dos estudantes para atopar emprego, sobre todo dentro das fronteiras de Galicia. Que fará o PSdeG para ofrecer solucións laborais ós xóvenes talentos e evitar que marchen? E para facer que retornen os que xa o fixeron?
Unha das nosas prioridades é recuperar emprego a través dun Plan de Emprego Xuvenil con fortaleza que permita xenerar máis de 10.000 postos de traballo adicionais ao ano. Respecto á mocidade emigrada, deseñaremos políticas específicas de procura do retorno a Galicia, poremos en marcha un Plan de Retorno do Talento para axudarlles a voltar a traballar en Galicia.
As críticas dende a oposición ás políticas laborais de Feijóo e á súa ineficacia son xeralizadas. Que solución plantexa o PSdeG para reactivar a economía galega e crear emprego de calidade? E para recuperar o rural?
Levaremos a cabo unha nova política económica que priorice a creación de emprego a través da reindustrialización e a innovación. Estableceremos unha política industrial diferente máis comprometida con cada un dos sectores, por exemplo, necesitamos xerar capacidade de transformación nos nosos produtos derivados do leite, porque iso permite estabilizar os mercados, garantir a recollida e xenerar valor engadido en Galicia. Necesitamos tamén políticas de carácter máis horizontal, que teñen que ver coa dotación de solo industrial, coa formación dos traballadores, con un impulso á innovación e cunha promoción efectiva da internacionalización.

Leiceaga está a loitar por manter a hexemonía dentro da esquerda e do seu partido | ©Álvaro Ballesteros / La Voz de Galicia
As dúas lexislaturas do Partido Popular deixan outros frentes abertos, como pode ser a continua problemática cos incendios. Cal sería a política forestal a seguir nunha Xunta encabezada polo PSdeG?
Recuperaremos a política de prevención dos incendios forestais desmantelada por Feijóo. O monte ten que deixar de ser unha fonte de problemas para pasar a ser un territorio ordeado a través dunha explotación sostible e a nivel operativo temos que recuperar a distancia de seguridade coas casas que modificou o Partido Popular e mellorar as condicións de traballo dos brigadistas.
Que solución ofrece o PSdeG para o Álvaro Cunqueiro? É posible que os cidadáns de Vigo recuperen unha sanidade de calidade?
A nosa proposta é devolver ao sector público a infraestrutura do hospital que carga sobre os galegos unha débeda de 800 millóns de euros. Sen dúbida, unha sanidade de calidade é unha das nosas prioridades, e por iso instrumentalizaremos unha política de recuperación dos servizos públicos básicos. Haberá 1.500 novos profesionais en catro anos e un plan de mellora da atención primaria, especializada e hospitalaria, acabando coas listas de espera de máis de seis meses.
A Coordinadora Galega de ONGD publicou hoxe un informe sobre os programas dos catro principais partidos que se presentan ás eleccións do 25-S. Afirman que todos prometen aumentar os fondos de cooperación, pero que nin PP nin PSdeG ofrecen cifras concretas. A que se debe esta indefinición?
O importante dos programas é marcar prioridades, marcar grandes obxectivos, a concreción virá despois cando se coñeza o teito de gasto para a elaboración dos presupostos.
A crise levou a moita xente a perder os seus fogares e a verse obrigada a vivir na rúa. As solucións plantexadas dende a Xunta, como a RISGA, seguen sen atallar as problemáticas de moitas destas persoas. Que alternativas ten en mente o PSdeG?
A RISGA carece de dotación orzamentaria suficiente, polo que a súa aplicación é moi restritiva. Dende o PSdeG impulsaremos un Sistema Galego de Protección Social para rematar coa intolerable ineficiencia do actual caos e fragmentación das políticas sociais en Galicia. Melloraremos o Ingreso Social Básico para que ninguén neste país poida vivir sen un nivel económico digno. Ademais, promoveremos un sistema integral de protección á infancia. A nova RISGA establecerá tres liñas de axuda: unha para casos de emerxencia, outra para persoas con discapacidades, e outra para persoas dependentes de prestación sociais pero con perfís de accesibilidade ao mercado laboral.
En Galicia temos unha das taxas de suicidio máis elevadas de España. Aínda que este adoite ser un tema tabú, pensouse nalgunha posible solución a esta problemática?
Galicia sofre desde hai anos a situación deficitaria da atención á saúde mental. Poremos en marcha un Plan Estratéxico en Saúde Mental, que volva a un modelo de saúde mental comunitario, integrador e interdisciplinar. Tamén impulsaremos un Plan Galego de Prevención do Suicidio, coordinado pero independente do anterior. Por outro lado, queremos promover a incorporación normalizada de profesionais da psicoloxía nos centros de saúde e nos servizos médicos hospitalarios. É tamén necesario reverter a privatización da atención psicolóxica e de saúde mental que se estivo a producir nos últimos anos e que incumpre toda normativa sanitaria e laboral.

Leiceaga tivo que saltar en tempo récord das aulas ós mítins | ©juliotq
Que importancia se lle outargará á loita por acadar novas transferencias de competencias á autonomía? Hai algunha que considere de particular importancia?
Unha cuestión que considero básica é a transferencia de competencias sobre a autopista AP-9, a súa titularidade pódese transferir sen ningunha dificultade porque tanto a vía como as súas conexións discurren íntegramente pola comunidade. E tamén seria de grande utilidade as competencias de tráfico e de lexislación laboral.
Das enquisas parece desprenderse que a loita entre En Marea e o PSdeG pola hexemonía dentro da esquerda será, cando menos, axustada. Pase o que pase o 25 de setembro… a que se debe esta perda de terreo fronte a alternativas coma esta?
Nas pasadas eleccións xerais ía haber un sorpasso en España e fumos nós os que demos a sorpresa, mantendo o número de votos e iniciando a senda da recuperación en porcentaxe. O PSdeG é a forza que está en mellores condicións de liderar a alternativa a Feijoo.
Abel Caballero ameazou no seu momento con non facer campaña, aínda que logo cambiase de opinión. Síntese respaldado pola totalidade do partido e, en particular, polo alcalde de Vigo?
Fun elixido como candidato a través dun proceso de primarias para ofrecer aos cidadáns unha alternativa sólida e capaz de gobernar. E durante toda a campaña estou sentindo o apoio e respaldo de todos os militantes. Todo o partido comparte a necesidade de que Galicia cambie a partir do 25 de setembro e traballamos co obxectivo común de derrotar a Feijoo.
A única alternativa posible a Feijóo é un tripartito entre PSdeG, En Marea e BNG. Que vostede ocupe a presidencia da Xunta será unha condición para pactar, aínda en caso de ser terceira forza? Xa ten en mente quen vai ocupar as consellerías nun hipotético goberno?
Ser terceira forza é un escenario que non contemplamos, a nosa traxectoria e os resultados deste último ano o demostran. Temos claro que o PSdeG é a forza que está en mellores condicións de liderar a alternativa a Feijoo. Do goberno falaremos despois do 25 de setembro.
Unha entrevista de Nuria García, Carlos Rey e Aida González