Ana Pontón: “O que é necesario, é posible”

Soan tres tons ao outro lado do teléfono cando, de súpeto, responde unha voz de muller. Ao tratarse dun número cedido por persoal de prensa, a pregunta resulta absurda á par que ineludible. “- Bo día, con quen falo? -Ola! Son eu, son Ana Pontón”. A cabeza de cartel do Bloque Nacionalista Galego atende a Compostimes ao auricular, entre a dedicación e a présa. Esa mesma tarde dará un mitin na Alameda de Ourense, cidade dende a que se realiza a entrevista, polo que debe estar en camiño. Directa e programática, responde a cada unha das preguntas cunha seguridade notable, adquirida tras anos de experiencia parlamentaria. Con vostedes, Ana Pontón, unha das dúas mulleres que poderían ocupar a residencia de Monte Pío a partires do luns.

De cara a unha cita electoral que afronta como líder da terceira forza política de Galicia, cre que o discurso do medo de certos sectores que apelan á súa experiencia e tildan a outras forzas de experimentos resta marxe a unha posibilidade de cambio?

É un discurso moi pobre, porque realmente os feitos falan, e os feitos son que Núñez Feijóo deixa unha Galiza mais desigual, con máis paro, máis tocada na súa autoestima e cun deterioro social moi importante. Dende o BNG apostamos pola solidez do noso proxecto político.  Nós temos experiencias nas que moitos galegos e galegas se miran, experiencias municipais nas que os galegos e as galegas avanzan, onde non só somos nós os que miramos para o mundo, senón que o mundo mira tamén para nós, con premios e recoñecemento a nivel internacional. Iso é unha garantía de experiencia, capacidade e proxectos para avanzar, que é o que este vintecinco de setembro imos propoñer aos galegos.

Un exemplo de éxito do municipalismo do BNG podería ser Allariz, onde se acadou o poder tras unha revolta vecinal que uniu aos cidadáns na Praza Maior e rematou coa dimisión do entón alcalde. Isto poderíase entender como un precedente do 15M. Sen embargo, anos despois, os herdeiros dun e outro movemento non son capaces de pactar. Como está hoxe o panorama entre forzas de esquerdas de cara a unha posible aliaxe postelectoral?

En primeiro lugar, o BNG é unha organización política nacionalista, cun programa transformador moi avanzado social e democraticamente. Como nacionalista, tamén quero dicir que é moi contraditorio diluirnos nunha forza política de ámbito estatal, como pode ser Podemos. Non vexo a ninguén que nos diga que por que non nos presentamos en coalición co PSOE. Nós temos as portas abertas a todos e todas os nacionalistas. Outra cousa é o que dicía na campaña: o Bloque non vai cometer a irresponsabilidade do Partido Socialista el Podemos despois das eleccións de decembro, nas que lle regalaron unha vida extra ao señor Rajoy. Eu quixera dicirlle aos que nos veñen dicir agora, en campaña electoral que “derrotamos a Rajoy, derrotamos a Feijóo”, que Rajoy xa estaba derrotado en decembro. Foi a súa irresponsabilidade e o seu xogo de sillas o que fixo resucitar un cadáver político. E non só un cadáver político, senón as políticas da dereita. Nós non imos cometer a mesma irresponsabilidade.

Ana Pontón téndenos a man dende o cartel da súa campaña. Imaxe: @anaponton

Ana Pontón téndenos a man dende o cartel da súa campaña. Imaxe: @anaponton

Sen dúbida, un dos piares ideolóxicos do Bloque Nacionalista Galego é a cuestión identitaria. En materia de Educación, vimos das lexislaturas do Decreto do Plurilingüismo . Sendo como é unha competencia autonómica, que folla de ruta plantexaría o Bloque Nacionalista Galego para solventar as carencias que leva sinalado estes anos?

O BNG é unha forza política que defende un programa para as maiorías sociais, para avanzar. Nese ámbito o primeiro que defendemos é unha educación pública de calidade, con servizos e recursos. En segundo lugar, un ensino onde o galego non sexa tratado como unha lingua estranxeira  e, en terceiro lugar, mellorar os recursos destinados á educación. Por suposto que derrogaremos o decreto do plurilingüismo, faremos unha redución das ratios de alumnado e faremos unha aposta por unha educación pública que sexa  igualitaria e de calidade. Unha das medidas que faremos será eliminar os centros concertados que segregan a nenos e a nenas en función do seu sexo, porque non cremos que con cartos públicos podamos financiar a discriminación e a desigualdade.

Outro ámbito do que non nos podemos esquecer á hora de falar de educación en Galicia é o medio rural. Nun tempo de políticas de agrupación e peche de escolas, que medidas de mellora proporían ao respecto?

Hai que facer unha acción positiva para manter os servizos no rural. As ratios que se aplican no ámbito urbano non poden ser as mesmas que se aplican no rural. Se facemos unha aposta por revitalizar unha parte do país, por acabar cos desequilibrios e co despoboamento de zonas importantes de Galicia, isto require unha dotación de servizos. Do contrario, atopámonos coa pescada que se morde a cola, a xente non vive no rural porque non hai servizos e no rural non hai servizos porque a xente non vive alí. Temos que acabar con ese círculo vicioso nefasto.

Falando do rural e das súas problemáticas, no último ano puidemos ver a explanada de San Caetano chea de tendas de campaña da xente do Cerco. Tamén nos atopamos, durante varias semanas, coa cidade de Compostela chea de tractores. Falta na política galega unha toma de conciencia á hora de impulsar medidas acaben coa asfixia destes sectores?

Nós o que necesitamos é un goberno que defenda os nosos sectores produtivos. Non para ter unha foto fixa no pasado, senón para, utilizándoos, modernizaro país e apostar pola innovación. Hai que facer o que fan todos os países do noso entorno. Eu vexo que Francia defende o seu sector agrario e o potencia, vexo que Holanda respecta o seu naval e o defende frente á Unión Europea e vexo como Noruega defende o seu sector pesqueiro. E nós, por que imos a ser menos?

Repasando outro ámbito no que vostedes discrepan coa xestión do pasado goberno, damos coa Sanidade. Temos sobre a mesa as denuncias que plantexan unha posible falta de asistencia ante casos de morte por Hepatite C e mais a polémica desatada pola xestión do hospital Álvaro Cunqueiro. É posible plantexar un Sergas que non pase pola vía da privatización?

Eu o que creo é que o que é necesario, é posible. Á hora de plantexar unha xestión sanitaria de calidade, nós o que observamos é unha cuestión ideolóxica . É unha opción política e é máis cara, acabamos de velo co hospital de Vigo. Imos pagar máis do doble e do triple que custaría ese hospital, cun servizo de peor calidade e, ademáis, privatizando a Sanidade, o que sabemos que é un auténtico desastre. Nós o que vamos a facer é reverter estas privatizacións, apostar por eliminar os copagos, que son un imposto á enfermidade, e por recuperar máis médicas, máis enfermeiros, máis persoal… Porque fan falta medios, porque é a saúde das persoas.

Falando de recuperar, en plena situación de éxodo dunha das xeracións de universitarios mellor formadas da nosa terra… Queda realmente Galicia de abondo para ofrecer oportunidades e recursos a esta xente para que non se vexa abocada a marchar?

Nós somos un país rico e, se temos os problemas que temos, é porque estamos mal gobernados e non se nos permitiu desenvolver os nosos sectores. Dende o BNG defendemos que debe haber un impulso a que haxa un retorno da emigración, tanto desa xente nova formada coma de xente máis maior que tivo que marchar. Propoñemos un Plan Retorna, cun paquete de medidas para dar a oportunidade a toda esa xente que marchou e quere volver. Hai que recuperar todo ese potencial, toda esa xente que agora mesmo está producindo noutros países, en Alemaña, en Londres, en Holanda, en Chequia… E que necesitamos para poder seguir adiante.

Como candidata muller nun debate no que figura maioría de homes, considera que estamos preto dunha política galega equitativa que valore por igual as aportacións de cada unha e cada un de nós?

A política galega necesita feminizarse. As mulleres temos que estar nun primeiro plano. Ter conciencia de xénero, conciencia feminista, porque eu non me identifico con mulleres como poida ser Esperanza Aguirre ou Angela Merkel. Dentro do BNG hai un concepto claramente comprometido coa igualdade, coa violencia de xénero, con impulsar medidas de conciliación real e de corresponsabilidade. O feito de que haxa mulleres á fronte garantiza que vai haber persoas con conciencia real, que vai haber un impulso neste ámbito. Todos os avances que se conseguiron nos últimos anos tiveron detrás a mulleres que loitaron polos  seus dereitos. Dende o dereito ao aborto ata o dereito a que se recoñeza a igualdade legal. É dicir, que é clave que as  mulleres estemos participando e que teñamos un Goberno ao que lle preocupe e que se ocupe.

Despois dun ano dos chamados gobernos municipais do cambio, albíscase unha Galicia máis disposta a debater e participar para cambiar o que non lle gusta ou seguimos ancorados a un modelo do pasado?

Eu o que creo é que, neste país, os gobernos municipais que demostraron que teñen un proxecto de cambio real son os gobernos municipais do BNG. Pódelo ir ver a Pontevedra, aí podemos dicir que hai un espello onde mirar a Galicia que nós queremos construír. Pontevedra, Allariz, Carballo, Tomiño, Bueu… Cada un deles, no seu ámbito, demostrou que o Bloque si ten un proxecto para cambiar, mellorar e facer que Galicia avance. Iso mesmo que fixemos meses concellos é o que queremos facer en Galicia.

Unha entrevista de Nuria García, Carlos Rey e Aida González