Alberto Núñez Feijóo: “Galicia merece seguir sendo unha excepción en España”
Nas eleccións autonómicas do ano 2009, o Partido Popular de Galicia presentaba un novo aspirante á Presidencia da Xunta para facerlle fronte a un bipartito entre o PSdeG e o BNG. Alberto Núñez Feijóo, Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e con carreira política dende os 23 anos, era o candidato máis xove. A súa figura chegaba para suceder o que fora presidente autonómico por 16 anos, Manuel Fraga Iribarne, un reto que moitos non sabían se podería chegar a asumir. Sete anos despois, leva dúas lexislaturas á fronte da Presidencia e é considerado como unha das persoas máis valoradas dentro do seu partido.
Que diferenza a este Alberto Núñez Feijóo que opta á súa terceira maioría daquel que substituíu a Fraga nas eleccións que gañou ó bipartito?
Desde o punto de vista persoal sigo sendo o mesmo, pero é certo que no aspecto profesional hoxe síntome coas mesmas gañas, pero moito máis preparado e capacitado que cando cheguei á Xunta por primeira vez.
Optei por quedarme por un exercicio de responsabilidade co meu país nunha situación excepcional
De darse o caso de revalidar presidencia, cumpriría once anos na residencia de Monte Pío. Sinte que a súa carreira se consolida xa ao nivel doutros casos coma o de Manuel Fraga?
Respondín a esa pregunta cando decidín presentarme a estas eleccións e a resposta foi “en Galicia si”. Agora, son os galegos os que deciden. Eu estou a súa plena disposición para os próximos catro anos.
Vostede mesmo criticou nalgún momento a insistencia de Beiras en permanecer nun cargo máis anos dos convintes. Ten en mente algunha data definitiva na que puidera dicir “ata aquí”?
Todo o mundo sabe que o meu compromiso era para oito anos porque creo que ese é un período razoable, pero o que non me parecía razoable neste momento é a inestabilidade na que está España pola irresponsabilidade dos dirixentes políticos. Optei por quedarme por un exercicio de responsabilidade co meu país nunha situación excepcional. Penso que podo aportar unha estabilidade que outras opcións son incapaces de garantir e, por iso, creo que os galegos teñen dereito a poder elixir entre ambas as dúas.
Qué prevalece para vostede, o grao que da a veteranía ou a bagaxe dos escándalos que acompañan a todo político ao longo da súa traxectoria?
Creo que, con estes oito anos como aval para acreditalo, podo ofrecer a Galicia a estabilidade que non hai no resto de España, e o compromiso de seguir traballando con humildade, e non coa soberbia de pensar que se logrou todo e se acertou sempre.
Un dos aspectos máis candentes ao longo destes sete anos levan sido as cifras de desemprego, sen dúbida un tema que preocupa enormemente aos galegos e galegas. Como é posible que, dacordo con cifras de distintas fontes, o paro baixe e suba a un mesmo tempo? ¿Por que considera conveniente guiármonos polas cifras do INE e non polas da Enquisa de Poboación Activa?
Facer guerras de cifras é unha frivolidade cando estamos a falar dun asunto tan importante para moitas familias, que é querer ter un traballo e non conseguilo. A realidade é que o paro rexistrado indica que hoxe hai máis de 85.000 persoas que abandonaron as colas do paro, e a Enquisa de Poboación Activa revela que a taxa de desemprego en Galicia está situada –con datos do segundo trimestre deste ano- no 17,7%, é dicir, 3,4 puntos menos que a inicio da lexislatura. Estes datos demostran que a situación está mellor que antes, pero desde logo eu non me conformo porque son consciente de que as cifras seguen a ser inasumibles e temos que seguir traballando para dar máis oportunidades. E non só para seguir reducindo o paro como leva ocorrendo de xeito consecutivo nos últimos 34 meses, senón tamén para mellorar as condicións laborais dos que xa están traballando.
Incorporará esta nova lexislativa algún plan ou paquete de medidas que axude a paliar as acusadas cifras de paro xuvenil?
É un dos obxectivos prioritarios para os próximos anos, do mesmo xeito que xa o foi nesta lexislatura. Está activo un Plan Especial contra o paro xuvenil, que permitiu aliviar a situación en certa medida, xa que a día de hoxe as cifras están un 4,1 % por debaixo das que había en 2012. En todo caso, imos destinar máis recursos a este ámbito nos próximos catro anos, incidindo sobre todo nun programa que facilite a primeira experiencia profesional aos mozos, porque estamos detectando que un dos maiores problemas que teñen as xeracións máis novas é dar ese primeiro paso de entrada ao mercado laboral.
Falando destes mesmos mozos e mozas, tanto dos que marchan como dos que quedan, o certo é que estamos ante unha xeración de galegos ben formada pero, en pleno debate nacional sobre a conveniencia dunha nova lei educativa, cómpre afondar nesta materia, de competencia autonómica. Que tipo de interpretación fará da LOMCE un goberno do Partido Popular en Galicia?
Temos dous anos para traballar aínda, e neses anos temos que ver cales son as fortalezas e as debilidade de todos os aspectos da lei, e tamén das reválidas. O que nós propoñemos é aproveitar ese tempo para orientar, corrixir e mellorar todas aquelas cuestións que están suscitando dúbidas.

Feijóo está obrigado a revalidar a súa maioría absoluta se quere gobernar | ©Cabalar / EFE
Pola súa parte, tras o remate dos estudos, un dos comportamentos máis habituais entre esta nova xeración tan formada é a emigración, ben cara outras comunidades españolas como ó estranxeiro. Que medidas implementaría o Partido Popular para evitar esta situación?
Cómpre aclarar ben os termos porque a realidade é que en 2015 Galicia foi a comunidade coa menor taxa de emigración en toda España, e tamén a comunidade da que saíron menos mozos en proporción á poboación desa idade. En todo caso, a mellor forma de garantir, non só que os mozos galegos permanezan aquí, senón que outros se sintan atraídos pola nosa comunidade, é darlles máis oportunidades desde o primeiro momento. Estámolo facendo, por exemplo, garantindo que estudar unha carreira sexa máis barato en Galicia que en ningures, dando máis recursos que nunca para a investigación nas universidades, ou garantindo transporte gratuíto nas liñas interurbanas para os menores de 19 anos.
Outra cuestión que compromete á política educativa é a política lingüística. Tralas críticas recibidas por parte de colectivos que reivindican unha educación que reforce a parte identitaria de determinadas materias, cómpre agardar cambios en medidas como o decreto do plurilingüismo?
Se calquera compara esta campaña electoral coa de 2009, cando aínda non gobernabamos nós, darase conta de que este asunto ocupaba con moita intensidade o debate político, e agora non. E iso é así porque temos consolidado nas decisións do goberno o sentir maioritario da cidadanía galega, que defende a liberdade e a cordialidade. En materia de idioma, a nosa principal preocupación é lograr que as novas xeracións aproveiten as oportunidades que dá o galego, por exemplo, no mundo lusófono; ou que dominen o inglés.
Falando agora do seu labor ámbito da sanidade, é convinte salientar un dos frentes abertos de maior repercusión nestes últimos anos: a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Se ben unha baza a favor destes anos de goberno pode ser a ampliación da infraestructura sanitaria, o seu aproveitamento semella non ser o máis eficiente. Que fallou na xestión e por que persiste a polémica entre a xestión privada ou pública desta infraestrutura?
Loxicamente, poñer en funcionamento un Hospital Público destas dimensións leva tempo ata que está a pleno rendemento. Pero o certo é que os errores que se detectaron foron corrixidos e que, con carácter xeral, a Sanidade Pública está cada vez mellor valorada polos cidadáns, tamén na área que atende o Álvaro Cunqueiro.
Tamén no eido da sanidade, durante esta lexislatura xurdiu a crise da Hepatite C. A Plataforma de Afectados por esta enfermidade levou este ano a xuízo o caso de sete mortes por falta de tratamento. Como explica esa falta de resposta por parte da Xunta á hora de suministrar os medicamentos que puideran ter evitado estas mortes?
Hai que respectar o traballo da Xustiza que, por outra parte, non esta a plantexar este caso xa nos termos nos que se iniciou a denuncia. Desde ese mesmo respecto á Xustiza tamén creo que hai que respectar aos profesionais do Sanidade Pública galega que son os que, conforme a criterios técnicos e profesionais, determinan quen debe recibir un tratamento que, neste caso foi ao 99% das solicitudes e facendo de Galicia unha das CCAA coa taxa máis alta de utilización deste novo tratamento.
Pasando agora ao eido dos sectores produtivos, cómpre afondar no mundo do lácteo. Tras as tratoradas do pasado mes de setembro parecía que se conseguira alcanzar un acordo entre distribuidoras, productores, ganadeiros e o Ministerio de Agricultura, pero as denuncias por un precio máis baixo da historia seguen a producirse, mentres que milleiros de gandeiros galegos seguen sen poder cubrir os custes de producción. Contémprase algunha medida que consiga acabar con este problema de maneira permanente?
Acábase de confirmar que este ano vai a comezar a construción dunha planta de transformación de leite en Curtis, con capacidade para asumir case 1 de cada 4 litros que se producen en Galicia. Consolidar proxectos coma este, que aportan valor engadido ao sector e por tanto un prezo superior aos produtores, é o que temos que seguir tentando. Actualmente, hai axudas da Xunta a disposición de calquera investidor que teña un proxecto industrial para o sector, porque estamos convencidos de que ese é o mellor camiño para fortalecer o lácteo e, por tanto, a situación dos gandeiros.
Pola súa parte, o cerco tamén realizou unha serie de protestas durante este pasado ano arredor de San Caetano e foron moitas as críticas realizadas pola ausencia de atención prestada pola Xunta a estas demandas. Cambiarán as tornas no mar se resulta elixido nestas eleccións?
Nós imos a seguir traballando da man do sector do mar en todos os ámbitos, como fixemos sempre e tamén no caso do cerco. Grazas a iso, hoxe temos máis cotas e con maior valor. Por exemplo, no caso polo que vostede me pregunta, pasamos de pescar o 21% da cota de xarda a dispor de case o 26% da mesma, e temos o 44% da cota do xurelo.
Do mesmo xeito, tamén se criticou en varias ocasións a eliminación de Consellerías tras o regreso do Partido Popular á Xunta de Galicia. Haberá modificacións ou amplificacións no número de departamentos administrativos?
Non creo que ninguén cuestione que, nun momento de crise como o que vivimos, tentaramos facer máis pequena a Administración para gastar menos no funcionamento diario e máis nas medidas que benefician aos cidadáns. Independentemente do número de consellerías, non renunciamos nin durante a crise nin agora que comezou a recuperación, a facer máis eficiente a Xunta e alí onde hai marxe para funcionar mellor, facémolo.
Galicia merece seguir sendo unha excepción en España cun goberno estable, responsable e inconformista que poida gobernar desde o día seguinte ás eleccións
A precampaña viuse fortemente afectada polos numerosos incedios forestais producidos na comunidade que, según indican as investigacións, foron na súa maioría provocados. Como trataría de solventar a nova lexislatura esta situación?
É certo que segue a haber actividade incendiaria en Galicia que debemos esforzarnos en combater desde o punto de vista colectivo, como país. Temos un servizo de extinción de incendios que fai un labor excelente, e tamén axentes da Policía Autonómica facendo tarefas de prevención e investigación ao máximo posible. Eu nunca me cansarei de pedir toda a colaboración cidadá para, entre todos, evitar os lumes e tentar que os que os provocan intencionadamente paguen por iso. Non cabe dúbida de que facer máis rendible o monte contribuirá tamén a iso, e así o levamos tentando facer desde os últimos anos. Por exemplo, promovendo a plantación de un millón de castiñeiros en Galicia.
Ao longo da campaña, vostede leva repetido unha consigna en gran parte das súas intervencións: “Fálase facendo”. Cada vez queda menos tempo para falar, cada vez se achega máis a hora de facer. Que lle queda por dicirlles aos galegos antes da gran cita?
Que pensen no día despois, no día 26, e no 27 e nos seguintes. Só hai dúas opcións de goberno. Unha a que eu represento, cun programa e cun candidato coñecido. Outra é unha opción multipartita, con partidos divididos entre sí, propostas contraditorias e sen candidato consensuado. Galicia merece seguir sendo unha excepción en España cun goberno estable, responsable e inconformista que poida gobernar desde o día seguinte ás eleccións. Iso é o que ofrezo e iso é o que lles pido aos galegos.
Unha entrevista de Nuria García, Carlos Rey e Aida González.