Corrubedo, natureza a pé de praia
O Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, famoso por posuír a maior duna móbil do norte da Península, é en moitos aspectos un gran descoñecido. Dende a observación de aves, o sendeirismo ou desfrutar da praia nun entorno natural paradisíaco, o parque ofrece un milleiro de alternativas para saciar todas as expectativas.
Case 5 quilómetros de praias de mar aberto rodeadas de duna e bañadas por ondas que fan as delicias de surfistas de boa parte da nosa xeografía avalan a este Parque Natural, situado no concello de Santa Uxía de Ribeira e que con case 1000 hectáreas protexidas, reclama atención por dereito propio.
A visita adoita comezar no seu centro de recepción de visitantes, onde recomendan as rutas máis axeitados para visitar e desfrutar do parque ou no que visitar unha pequena mostra sobre a formación do parque natural e as especies que o habitan. Pero sobre todo hai que recordar que achegarse ó parque é unha experiencia viva, construída por cada un dos seus visitantes, que o elixen cada vez máis (é o parque natural máis visitado de Galicia) como destino.

Os areais de Corrubedo, amosan que desfrutar da praia nun entorno privilexiado e natural aínda é posible | © María Losada
A duna móbil: a beleza do singular
De máis de un quilómetro de longo, 300 metros de ancho e 20 metros de altura é sen dúbida un dos maiores atractivos do parque. Coñecida como duna móbil da Ferreira e con máis de 3000 anos de idade, avanza varios centímetros ó ano impulsada polo vento. É o maior complexo dunar do norte da península e alberga grande variedade de especies, moitas delas en perigo de extinción. A panorámica da duna é unha desas imaxes que, sen dúbida, quedan na retina logo de visitar Corrubedo.
Lagoa de Carregal: fusión de auga doce e salgada
Nesta lagoa conflúen varios cursos de ríos de auga doce pero conecta directamente co mar, o que a fai someterse ó efecto das mareas e posuír auga salgada. Pódese acceder a ela dende a praia ou por terra e atópase rodeada por unha marisma chea de xuncais que albergan aves coma mazaricos, biluricos ou pillaras. A beleza e a mestura dos cursos de auga doce co mar, entre linguas de area e vexetación, e mesmo a posibilidade de descubrir a mítica cidade de Valverde, que segundo as lendas, se atopa soterrada baixo a lagoa, fan un imprescindible achegarse a ela.
Lagoa de Vixán: refuxio de aves

Diferentes especies de patos, coma o real, o azulón ou o friso conviven na lagoa de Vixán | © María Losada
Esta lagoa, de menor tamaño e illada do mar, encontrase rodeada dun extenso carrizal . É o lugar ideal para descubrir outro dos atractivos do parque: as aves. Na lagoa de Vixán sitúase un observatorio dende o que os visitantes, poden ver sen ser descubertos as aves que nadan e se mergullan na lagoa. Abundan as anátidas, as garzas ou as limícolas pero, o visitante se se achega en primavera e outono (épocas onde as aves migratorias fan paradas ocasionais no parque) e, sobre todo se ten paciencia, nunca sabe o que pode chegar a ver.
Praias: area fina e mar aberto
De parada obrigatoria e con moito onde escoller, o areal de O Vilar destaca e reclama o seu papel protagonista: rodeado de natureza e de aspecto case virxe atopamos esta praia de mar e natureza bravas: mar aberto e salvaxe, area fina e máis dun quilómetro por percorrer e no que cambiar por unhas horas o ruído dos coches polo bater das ondas.
Porén, as opcións son abundantes. Praia Ladeira, algo máis tranquila é outra opción ideal para procurar tranquilidade nun areal non moi concorrido e rodeado de duna.
Acostumados ás praias alborotadas e masificadas, ós paseos polo medio da cidade e á presa como forma de vida, o Parque Natural de Corrubedo é quen de mudar, polo menos por un día, o bulicio polo silencio, o urbano polo natural e o estres pola tranquilidade. E aquí reside o seu feitizo.