10 festivais galegos para todos os gustos (e petos)
Imaxinar un verán sen festivais resulta impensable. Festa, gastronomía, turismo, natureza.. pero, sobre todo, música. E en Galicia agárdannos uns meses repletos de concertos e experiencias que cada ano melloran en calidade e variedade.
Moitos aínda estarán relambendo nos beizos os concertos do Resurrection Fest, pero, coa vista posta no verán que temos por diante, chega a hora de marcar no calendario estas dez datas imprescindibles :
1. Ortigueira
Declarado evento de Interese Turístico Internacional, o Festival de Ortigueira converteuse xa por méritos propios nun imprescindible da nosa xeografía. O mundo celta e a música folk son os dous piares nos que se asenta este encontro. De Milladoiro a The Pipes and Drums Clan Gathering London, o festival demostra cada ano co seu cartel por que se converteu xa en todo un referente nacional. As datas deste ano son o 14, 15, 16 e 17 de xullo e, coma sempre, é de balde.
Un plus: O escenario Runas ofrece a oportunidade de presentarse ós grupos emerxentes. E deben esforzarse xa que, a mellor banda estará presente ó ano seguinte no escenario principal.

Público desfrutando nun concerto do Festival de Ortigueira ©Festival de Ortigueira
2. Portamérica
Amaral, Love of Lesbian, Izal, Molotov, Bunbury ou León Benavente son só unha pequena parte do cartel desta edición do festival Portamérica que se celebrará entre o 15 e o 16 de xullo en Nigrán. O abono con cámping custa 66 euros (máis gastos) e permitirá ós asistentes desfrutar dos dous escenarios do festival, e empaparse de música ou percorrer o mercado de talentos do recinto, con novas creacións de deseñadores emerxentes, moi preto da Praia América.
Un plus: A gastronomía será un dos puntos fortes deste festival, cun showrocking a cargo de 15 chefs internacionais e oito estrelas Michelin que crearán pinchos exclusivos para os asistentes.
3. Festival SinSal Son Estrella Galicia
É moi difícil definir este festival, pero quizais a palabra sexa diferente. Galardoado nos premios Fest 2015 como o mellor festival español de pequeno formato, o Sinsal ten de que presumir. E non é para menos. Celebrase na illa de San Simón, e só poden acceder a el 800 persoas cada día, exclusivamente en barco. E o máis importante: o cartel é totalmente segredo. Os asistentes só coñecerán os grupos que van ver unha vez se atopen na illa. O jazz, a world music, o rock ou música electrónica son algúns dos xéneros que se poden escoitar neste festival que se define coma “de calidade e sen complexos”, e promete unha “experiencia musical máis aló dos nomes concretos”. A entrada diaria é de 35 euros e aínda que o festival se celebra entre os días 22 e 24 de xullo, xa só hai dispoñibilidade para o venres 22.
Un plus: A súa singularidade pero, sobre todo, o espazo natural no que se atopa.
4. Love Festival
Pop, rock, electrónica e mesmo indie daranse cita neste novo festival celebrado en Silleda entre os días 28, 29 e 30 de xullo.
O lugar escollido será o recinto Ferial de Silleda e por alí se pasarán artistas coma La Habitación Roja, Nach, Macaco ou Dorian. Cunha filosofía baseada na paz e no respecto, esta edición está dedicada a recordar dous problemas ós que poñer fin: o maltrato e a queima de montes. O prezo para os tres días é de 35 euros e inclúe a acampada gratuíta.
Un plus: Dispoñen de autobuses que saen da estación de tren de Santiago de Compostela, e mesmo organizan saídas dende Valencia, Málaga e Madrid.
5. Sonrías Baixas
A deste ano será a súa XIV edición e defínese como “un festival de festivaleiros para festivaleiros”. Poucas dúbidas pode haber sobre esta cita que se levará a cabo en Bueu entre os días 4 e 6 de agosto. Os abonos custan 29 ou 50 euros e inclúen acampada para poder desfrutar non só dos concertos, senón vivir a experiencia completa do festival a artistas coma Boikot, Soziedad Alkoholika, Lendakaris Muertos, Heredeiros da Crus ou La Gran Pegatina. E para rematar de melloralo, está situado ó lado mesmo da praia.
Un plus: Dende tapas preparadas polos músicos ata unha festival de curtametraxes, existe toda unha programación paralela para desfrutar, aínda máis se cabe, do evento.
6. Why not Here Fest
Outro recen chegado á escena musical galega, pero que pisa xa con forza co seu cartel: Los Suaves, Mago de Oz, Loquillo, Macaco, Soziedad Alkoholika, Reincidentes, Dakidarria… Un elenco sen desperdicio que actuará en Foz entre os días 11 e 13 de agosto.
Un plus: Por cada abono de 3 días (que custa 56 euros), regalan 30 euros en tickets de bebida.
7. Armadiña Rock
Siniestro Total, Sés, Banda Bassotti, Nao ou Terbutalina daranse cita do 26 ó 28 de agosto en Combarro, nun festival de balde, con acampada libre á mesma beira do mar. Os datos falan por si sos para que non esquecer marcar a data no calendario.
Un plus: A vila de Combarro, un dos lugares máis pintorescos das Rías Baixas famoso polos seus hórreos ó pé do mar.
8. WOS Festival
Este evento, que abarca non só xéneros musicais, senón tamén moitas outras artes escénicas, celebrase en Santiago de Compostela entre o 7 e o 11 de setembro. Os abonos para os 3 días custan 30 euros. Neste momento xa sabemos que actuarán artistas como Triángulo de Amor Bizarro ou Duister. O festival celébrase no centro de Santiago de Compostela, en distintos recintos e localizacións.
Un plus: A aposta pola música e artes contemporáneos e de vangarda.
9. Festival de La Luz
Entre os días 9, 10 e 11 de setembro a cita está en Boimorto. Promovido pola cantante Luz Casal, que pretende dar a coñecer con este evento o rural galego, atópase xa na súa quinta edición. Un cartel do máis variado: dende Hombres G a José Mercé, pasando por Miguel Costas, Susana Seivane ou Rosa Cedrón. Os tres días teñen un prezo de 15 euros, con dereito a cámping.
Un plus: A recadación do festival irá destinada a Oxfam Intermón en beneficio dos afectados pola guerra de Siria.
10. Rock in Rian
Celebrado o sábado 10 de setembro na vila de Rianxo, e con grupos galegos coma Dakidarría, Nao, Zënzar ou os Cuchufellos, aumenta cada ano a calidade do seu cartel, que procura reforzar a música de Galicia, aínda que este ano, incorporan ó grupo valenciano Mafalda.
Un plus: É totalmente de balde e celebrase nas festas da Guadalupe, as máis importantes da vila.