Un cupcake comunista

Trala caída do Muro de Berlín, o comunismo español entendeu que os novos ventos que soplaban en Europa esixían profundos cambios. O rigoroso loito da Pasionaria e o seu “Este hombre ha hablado por última vez” dirixido a José Calvo Sotelo en sé parlamentaria xa non vendían. O comunismo moderno, o verdadeiramente chamado a superar dunha vez por todas o capitalismo, tiña que apoiarse en avatares de “Gaspi” Llamazares en Second Life e en contas de Twitter que arrasarían nunha campaña para delegado de clase de 2º de ESO.

O cupcake do Partido Comunista de España aínda podía ser máis empalagoso. Nas últimas semanas botáronlle enriba unha densa capa de frosting morado, que a pesar dos corantes e conservantes aínda denota o potente sabor da cana de azucre do Orinoco que lle deu vida. Bautizaron a peza de confeitaría como “Unidos Podemos” e puxéronlle como eslógan “La sonrisa de un país”.

Pero ao animal sempre se lle acaba notando a estirpe. A aproximación ao amor, a amizade e o sorriso dos que asperxen o seu discurso de mencións á cal viva resulta tan crible como unha postal Hallmark de San Valentín asinada por Vladimir Putin. No intento de camuflar o acre sabor do odio, materia prima do seu discurso, resultan excesivos, recalcitrantes, pomposos.

Unha sobredose de corazóns que oculte cada vez que comparan os seus rivais políticos cos nazis. Bicos nos morros no Congreso que nos fagan esquecer os informes aconsellando a Chávez como someter a oposición. Emoticonas con chiscadelas e sorrisos que se superpoñen aos tuits de Pablo Hasel —vítima dos abrazos de Monedero— defendendo que se apedree a sé dun partido democrático que pretende ilegalizar. O único ao que se ve cómodo rodando pola pradeira da cursilería é a Pablo Echenique, cuxas redes sociais son indistinguibles das de Paulo Coelho.

 A aproximación ao amor, a amizade e o sorriso dos que asperxen o seu discurso de mencións á cal viva resulta tan crible como unha postal Hallmark de San Valentín asinada por Vladimir Putin

O Partido Comunista de España pasou en catro décadas das xuntanzas con Ceauşescu en Bucarest a pedirlle cita a Stephanie de Lazy Town. Entenderon que a adaptación ao século XXI das súas ideas fracasadas pasaba por rebozalas en azucre glas, poñerlle pegatinas con purpurina e vendelas nun food truck xunto cos seus amigos de marca blanca de Podemos. Pero non debemos caer na desesperanza. É importante que miremos polo lado bo a empalagosa campaña que nos toca sufrir: alomenos, xa teñen perdido o voto dos diabéticos.