Festa do fútbol galego en Compostela

A Gala do Fútbol Galego 2016 reuniu o xoves no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela á gran familia galega do deporte rei. Premios dende o fútbol base, pasando polos grandes clubes galegos, ata os máis modestos de Preferente. Distincións tamén aos que levan toda unha vida dedicada a este deporte, e para aqueles que o melloran coa súa deportividade e xogo limpo. A gala do noso fútbol non se quixo esquecer tampouco dos que o patrocinan nin do colectivo arbitral.

A familia do fútbol galego no Palacio de Congresos | ©El Correo Gallego / A.H.

A familia do fútbol galego no Palacio de Congresos | ©Futgal.es

Eran as oito e media da tarde cando unha das salas do Palacio de Congresos compostelán comezou a verse totalmente chea ante o gran número de asistentes, que superou todas as previsións. Uns de pé, outros sentados nos laterais… cada un buscaba o seu oco pero ninguén quixo perder un evento tan especial para os que levan o fútbol no sangue. Nos asentos, caras moi coñecidas como a de Borja Oubiña que non quixo desvelar ningún nome de posibles fichaxes do Celta de Vigo. E tamén rostros de ilusión nos nenos das categorías inferiores, co chándal do seu equipo posto.

A presentadora do evento, Loreto Costa, comezou a narrar a lista dos galardóns ao traballo co fútbol base. Victoria SD, Galicia Caranza, CD Lugo, Ourense CF SAD, Pabellón Ourense, Salgueiriños, Bertamiráns CF e Val Miñor Nigrán viron premiado o traballo feito cos máis cativos. E os maiores recibiron tamén o seu recoñecemento na categoría Galicia en Goles, o coñecido programa da Radio Galega que foi unha das organizadores do evento. Os mellores de Primeira, Segunda, e Terceira foron premiados como xogadores, goleadores, porteiros e, incluso, árbitros. Tamén houbo recompensa á deportividade: o Trofeo Quinocho, que recaeu no Deportivo B.

A gala, interrompida nalgunha ocasión polo humor de Xosé Antonio Touriñán, non quixo deixar pasar a ocasión de premiar a aqueles que defenden os valores do deporte. Por iso, os cativos do Antas recolleron o seu premio ao xogo limpo. E é que nun partido de Liga contra o Monterroso, e cando perdían 2-1, decidiron fallar un penalti que cometera un xogador do Monterroso por erro: pensou que o árbitro detivera o xogo e tocou o balón coa man dentro da área. O Antas, que daquela non gañara ningún partido, deu un exemplo a todos. “O importante é formarse como persoas”, destacou a Federación Galega de Fútbol.

 “O importante é formarse como persoas”, destacou a Federación Galega de Fútbol

Os pequeños do Antas, premiados polo seu xogo limpo | ©Futgal.es

Os pequenos do Antas, premiados polo seu xogo limpo | ©El Correo Gallego/A.H.

Outra curiosa historia é a que propiciou o galardón para a Selección Galega Sub-16. Antes da final da Copa Coca Cola contra Cataluña, unha intoxicación alimentaria provocou baixas no equipo. Algúns xogadores non puideron xogar a final e outro que si o fixeron estaban tamén afectados. Un esforzo tremendo para unha final que, pese ao resultado favorable aos cataláns, sempre levará o nome do subcampión no recordo.

Nos premios aos campións de Liga, o fútbol feminino puido verse representado. As rapazas do El Olivo, Atlántida, Victoria e Portonovo recolleron os seus trofeos. Lucía Otero, capitá do Portonovo, falaba despois da gala da importancia de que as rapazas sigan buscando o seu espazo nun deporte dominado por homes. A xogadora do Portonovo e as súas compañeiras teñen claro que poden xogar igual de ben que os rapaces. Agradeceu ademais os ánimos que lles dá a súa afección no campo cada semana.

Nomes tan importantes como o de Santi Valladares, sempre ligado ao fútbol sala, tiveron mencións especiais a toda unha vida no gremio do fútbol. O fútbol sala levou máis premios, como a distinción ao Burela Pescados Rubén, campión nacional de fútbol sala feminino. Premiada tamén a traxectoria vital de Aurora Feros, por unha vida adicada á promoción e defensa do fútbol feminino. Houbo máis nomes, e moitas máis emocións. Como a que puxo Rosa Cedrón ao entoar o himno galego para pechar o acto. Unha vez máis, o amor polo fútbol fixo de unión.