Arrhythmia: “Férvenos o sangue por ver a reacción da xente co novo disco”
A música dos Arrhythmia invade o Club Clavicémbalo de Lugo, golpea as paredes e percorre con forza as veas de todos os corpos que comezan a saltar tentando alcanzar o ceo, ou o inferno, quen sabe.
Cando eles pisan o escenario, os sons explotan no corazón e expándense por toda a sala de concertos. O público canta, sentíndose identificado, as súas letras ao unísono. Porque eles non son soamente un grupo de rock, son tamén a voz que grita as inxustizas dun pobo oprimido; son a loita contra os poderosos e a mostra de que aínda existen recunchos neste planeta onde prima a verdade e a autenticidade. Porque, no tempo que dura o concerto, o mundo parece un lugar mellor, un mundo que non está gobernado polo diñeiro e o poder.
Os causantes desta loucura son Alberto Busto Pardo (voz e guitarra), Álvaro L. Barreiro (batería) e Álex Maciñeiras (baixo), que presentaron o pasado sábado, 28 de maio, o seu novo disco na cidade das murallas.
Como vos sentides despois do concerto? Que significou para vós?
Alberto: Era a primeira pedra dun camiño longo que nos levará este verán polas 4 provincias. Tiñamos ganas de comezar na casa e, a pesar de que o primeiro concerto dunha xira sempre é o máis difícil, quedamos moi contentos coa asistencia e as sensacións sobre o escenario.
“A pesar de que o primeiro concerto dunha xira sempre é o máis difícil, quedamos moi contentos coa asistencia e as sensacións sobre o escenario”
Hai diferenza entre tocar aquí en Lugo, na vosa casa, e tocar noutras cidades? Onde vos sentides máis acollidos?
Aínda que poida parecer o contrario, Lugo é un dos lugares máis complicados para nós. Por desgraza, non temos a escena que hai noutros lugares e os músicos lugueses somos conscientes disto e loitamos para cambialo.
Pode parecer raro pero a resposta adoita ser moito mellor fóra de murallas, mais estamos convencidos de que entre todos, público, salas e músicos, podemos reverter a situación e formar entre todos algo do que esteamos orgullosos cando o vexamos con perspectiva.
En canto ao deseño do novo disco, que significan os debuxos -a onda do mar, o barco de papel e o reloxo de area- da cuberta?
Gústanos que todo o noso material teña un sentido, os distintos elementos do disco xúntase nas camisolas que sacaremos nuns días.
A idea básica é como os poderes xogan cos tempos e espremen o sangue do pobo para navegar sobre ela nun barco de cartos a costa de morte e explotación. Tentamos plasmar do xeito máis gráfico posible esa cadea de inxustizas, na que para que uns poidan vivir con excesos, outros teñen que morrer.
“Tentamos plasmar do xeito máis gráfico posible esa cadea de inxustizas, na que para que uns poidan vivir con excesos, outros teñen que morrer”
Nas vosas letras hai temáticas máis sociais como na canción “Mensaxe” e outras máis persoais como “Onde todo empeza”, pero no caso de “Mil xeitos”, cal é a mensaxe que queredes transmitir?
Cada letra de cada canción pode partir dun momento diferente e depende moito dos estados de ánimo.
Si é verdade que estas dúas cancións teñen unha visión moito máis introspectiva, sinxelamente porque no momento da composición ese era o estado emocional.
As letras máis reivindicativas acostuman estar máis pensadas, e as máis persoais flúen soas. E é cando a rematas e a observas con perspectiva, cando comprendes que está a acontecer dentro de ti, como xa dixemos outras veces son desas cancións que aforran psicólogos.
Na canción de “Mensaxe”, cando cantades: “Na TVG hai máis coplas que Sés”, referídevos a que nos medios galegos hai moi pouca representación de grupos da nosa terra coma vós?
Si, usamos a Sés porque na canción pegaba perfecto e é un claro exemplo dunha muller que desborda talento e que parece que nos medios públicos ten moitísima menos relevancia da que realmente debería.
Esta letra coincidiu coa destrución, por parte dos poderes políticos, dun programa emblema da nosa música contemporánea como era o “Planeta Furancho”, e nesa frase tratamos de englobar toda esta política regresiva, onde se gastan máis cartos en traer á Pantoja ao Luar que en promocionar a nosa cultura.
“Tratamos de englobar toda esta política regresiva, onde se gastan máis cartos en traer á Pantoja a “Luar” que en promocionar a nosa cultura”
Tamén me chamou a atención a parte de: “Sopa de letras, subliminal, enferma. Plumas cargadas, balas de tinta nos rodean”. Que queredes dicir con esta crítica aos medios?
Dóenos moito cando vemos xente completamente dirixida ideoloxicamente pola opinión dos medios de comunicación, basta ver exemplos como o venezolano, onde todos parecemos ser auténticos expertos ultimamente coas doses inxectadas de información intencionada á que estamos sometidos.
Non están a ocorrer en toda Latinoamérica decenas de procesos golpistas financiados polos veciños do norte? Por que solo poñemos o foco en Venezuela? Terá algo que ver que sexa unha das maiores reservas petrolíferas do mundo e que estea a poucos días en barco dos Estados Unidos de América? Os medios, no lugar de facer estas preguntas, focalizan onde lles interesa; e manipulacións coma esta témolas a diario. Fáltanos moitísima independencia ideolóxica, de aí “balas de tinta nos rodean”.
Ademais no videoclip de “Mensaxe” saen xornalistas como Alfonso Rojo ou Eduardo Inda, credes que hai algunha formación política que pode mirar polos intereses da nosa cultura?
O único que temos claro é que aos xornalistas de esta especie soamente lles interesa o circo mediático e afastar a atención dos problemas reais da xente. Son mercenarios do poder, e mentres o poder sexa o que é, a cadea para eles funciona. A Cultura non é dos partidos políticos, é da xente.
No caso dunha canción como “Diñeiro”, na que moita xente pode sentirse identificada, como foi a reacción do público?
“Diñeiro” foi a canción que nos colocou un pouquiño na escena galega e á que lle temos un aprecio moi grande, mais gustaríanos un día ter que deixar de tocala porque a súa letra xa non estea vixente.
Foi unha canción de apoio a toda esa xente atracada polas estafas bancarias das preferentes e, en especial, ós nosos vellos. Faise difícil atopar unha maior sensación de raiba que a de cando os de garabata arrincan o esforzo de quen deu a súa vida enteira por deixar unha estabilidade para os seus. Hai que romper a baralla.
Partindo de que gran parte da vosa música é de carácter reivindicativo, que cousas credes que necesitan un cambio inmediato e urxente na sociedade hoxe en dia?
A alianza entre medios, elites económicas e políticos. Xogan cos tempos e coa paciencia da xente pero cada vez que chegan unhas eleccións teñen as regras de xogo e os medos do pobo listos para unha nova maioría absoluta.
Cales son os próximos concertos de cara ó verán?
Non todos se poden citar porque hai festivais que aínda non anunciaron os seus carteis, pero estaremos en festivais nas 4 provincias. O máis próximo será o Ourenrock, estaremos na Coruña con Gatillazo e Now I Am, o Peneda Rock, o Why Not Here Festival…
Como rematariades vós esta entrevista? Que preguntas botades en falta?
Imos a aproveitar o espazo para facer algo de publicidade e dicir que en calquera momento estrearemos o primeiro videoclip deste disco e a posteriori aparecerá en plataformas como Spotify, iTunes ou Bandcamp. Estamos moi contentos do resultado e férvenos o sangue por ver a reacción da xente.

Os Arrhythmia consegue levantar a todo o público do Club Clavicémbalo durante o seu concerto |©Paula Martínez Graña
Coma eles mesmos cantan nunha das súas letras:
“Son como drogas intanxibles que caen do aire Son tan só notas, burbullas de papel que estoupan diante”E é a música, adición para os Arrhythmia, o sangue que circula polas súas venas.
Mentres tanto, podemos escoitalos na súa conta de Youtube ou no seu sitio web. Ademais, se queredes seguir toda a actualidade do grupo Arrhythmia, podedes facelo a través do seu Facebook, Twitter ouInstagram.