Tropos e traxedias
O humor é unha das ferramentas políticas máis importantes que existen. Durante o comunismo, por exemplo, os países ao leste da Cortina de aceiro foron territorios fértiles para os chistes políticos, que servían como válvula de escape para fuxir dun sistema opresor e experto en anular o individuo: “Que pasaría se se construíse o socialismo en Groenlandia? Primeiro, a neve só estaría dispoñible a través de cartóns de racionamento; despois, a neve se distribuiría só aos axentes da KGB e as súas familias”. Pero non é necesario ir tan lonxe: abonda con darse un paseo por Twitter para ver como a crise agudizou o sentido do humor dos españois, sempre presto a ser estimulado.
Os mesmos que loitan por implantar o pensamento único, que funcione como ideoloxía oficial dese Pueblo do que todos os individuos seremos partes inseparables, están a traballar tamén a prol do humor único. Todos puidemos ver hai unhas semanas como o copresentador dun dos espazos de humor máis pretendidamente acedos da televisión, Dani Mateo, baixaba as orellas ante a bronca dun dos comisarios políticos máis sinistros da España do século XXI. O humor único —quería dicir o profesor Monedero— non pode ser bidireccional: o Pueblo non debe rirse do Pueblo.
Os mesmos que loitan por implantar o pensamento único están a traballar tamén a prol do humor único
O humor axuda a facer comunidade, o humor pode empregarse para ferir, pero nunca é máis perigoso ca cando se usa para insensibilizar. Cando unha persoa, un país ou un acontecemento concreto empeza a ser munición habitual para os chistes, deixa de vivir preto de nós e pasa a ser só iso: unha figura humorística. Sería a mesma a nosa reacción ante un truculento crime en Madrid ca ante un en Lepe?
A astucia dos proxenitores do pensamento único combinouse coa torpeza dos seus opoñentes para enxendrar un monstro: o proceso polo cal certas traxedias da Historia da humanidade quedan reducidas a tropos, a figuras humorísticas. Non podemos reflexionar sobre os xenocidios dun comunismo que volveu sacar a carauta sen que alguén, con sorna, multiplique por 10 ou por 100 o número de vítimas que provocou, como se así fosen quedar reducidas a cero. Non podemos recordar os vínculos financeiros e laborais da Venezuela chavista cos seus deseñadores sen que alguén replique cun espantallo de ficción chamado Cubazuela del Norte, que oculta a miseria que xeraron eses tres sistemas inspirados no comunismo. Xa hai uns cantos anos que non podemos falar sobre o terrorismo que oprimiu a miles de vascos sen que alguén replique con tres palabras, “todo es ETA“, que pretenden facernos crer todo o contrario: que ETA non é nin foi nunca nada. Que os tiros na nuca pegábaos alguén tan ficticio coma Jaimito.
O humor é un dos piares de toda democracia, pois sen humor libre non hai liberdade de expresión. Pero é importante que saibamos separar o gran da palla e que non permitamos que o noso discurso público se vexa invadido polos atallos intelectuais que nos proporciona o humor. Se queremos seguir rindo en liberdade, non podemos permitir que estas gargalladas nos impidan escoitar os berros de dor que hai detrás dalgunhas figuras do humor único.