O altivo asturiano que guionizou a Transición
É indubidable que o estudo crítico da Historia sempre é necesario. Esculcar o noso pasado e mirar para atrás sen os anteollos dos clixés e as ideas preconcibidas é un xeito moi necesario de intentar comprender mellor como chegamos ata o presente. Hai, porén, un lente deformante que moitas veces nos impide xulgar a Historia con rigor: o anacronismo. É anacrónico valorar figuras, feitos, ideas e palabras desvinculándoos por completo do contexto no que existiron.
Un dos defectos do revisionismo que certos sectores políticos aplican sobre a Transición española é precisamente este. O cambio de réxime que viviu España entre os anos 1975 e 1982 viuse condicionado por un complexísimo xogo de equilibrios. Non podemos valorar eses anos sen termos en conta a frenética actividade de ETA, os Grapo e os grupos terroristas filofascistas, a tensión que se vivía no Exército, a pervivencia nas institucións de elementos inmobilistas e a lexislación franquista que aínda imperaba.
Ler a biografía Torcuato Fernández-Miranda. El guionista de la Transición pode axudar a mitigar os efectos do anacronismo, ademais dos doutro vicio que pervirte —desde a raíz— estas críticas á Transición: a crenza de que se tiña que ter feito excluíndo a todos os franquistas. Hai dous modos de pasar dunha ditadura a unha democracia: manu militari ou pola vía dos acordos. Para lograr unha transición exitosa por esta segunda vía, é imprescindible integrar no novo réxime aos elementos reformistas do réxime anterior. Ese precisamente foi o gran éxito da Transición española: lograr que persoas afectas á execrable ditadura franquista se integrasen no sistema democrático.
Un dos pilotos desta integración, xunto con José María de Areilza, Adolfo Suárez e Manuel Fraga —cada un pola súa banda—, foi Torcuato Fernández-Miranda. Esta biografía, editada por Plaza&Janés e escrita por Juan Fernández-Miranda, sobriño-neto do protagonista, é a primeira que aborda toda a vida deste xixonés de 1915. Desde que se alista para combatir do lado franquista na Guerra Civil, aínda impactado pola visión da Universidade de Oviedo en chamas en 1934, ata que defende en solitario as súas posturas na comisión constitucional do Senado en 1978, enfrontado coa UCD, con Suárez e cáseque con todos.
Descubrimos unha figura altiva para o bo e para o malo, con dificultades para gañar amigos nos estertores do franquismo, pero tamén coa fortaleza de carácter necesaria para falar sobre Marx e sobre Ortega y Gasset na Universidade española dos anos 40 e 50. No libro podemos coñecer o meteórico ascenso de Fernández-Miranda: dúas veces catedrático, reitor da Universidade de Oviedo, alto cargo nos Ministerios de Educación e Traballo e Ministro-Secretario do Movemento Nacional, un asento complicado que obtivo sen ser falanxista e sen levar a preceptiva camisa azul o día do seu nomeamento. Tamén coñecemos a súa caída en desgraza, a súa saída da política despois de ser vicepresidente do Goberno con Carrero Blanco e, tras o seu asasinato, efémero presidente en funcións.
Unha das poucas amizades que gardou ata o final foi a que selou para sempre a súa presenza na Historia de España: a que o uniu a Juan Carlos de Borbón. Como preceptor do hoxe rei emérito, asesorouno en cada un dos seus pasos para converterse no xefe de Estado da España constitucional. A súa máxima, que a transición do franquismo á democracia debía facerse “da Lei á Lei”, condensouse na Lei de Reforma Política. Foi Torcuato quen redactou o primeiro borrador e quen orquestrou a súa aprobación desde a Presidencia das últimas Cortes franquistas.
En definitiva, é unha biografía que nos pode axudar a comprender mellor a evolución que levou a moitos políticos do franquismo a participar na construción da España constitucional: unha evolución ideolóxica, política e que, en moitos casos, tivo un elevado custo persoal para os seus protagonistas. Coñecer as figuras que deseñaron a nosa democracia e o apaixoante e complexo proceso que o fixo posible é imprescindible para valorar como se merece, con todas as súas imperfeccións, o noso sistema de dereitos e liberdades.
Torcuato Fernández-Miranda. El guionista de la Transición.
Juan Fernández-Miranda
Ed. Plaza&Janés, 2015
384 páxinas, 17,95 €