A noite que Riazor foi o Fogar de Breogán
Riazor engalanouse para recibir á selección galega case oito anos despois do seu último encontro oficial, motivo polo cal afeccionados de toda Galicia acudiron a darlle a benvida á Irmandiña no seu regreso. A fatiga coa que se chegou ao final da tempada provocou que non estivesen no recinto coruñés todos os xogadores cos que se contaba, pero os que representaron ao combinado galego amosáronse sobradamente preparados para facelo.
Os prolegómenos do partido foron o que se pode agardar da meirande festa do fútbol galego. Os arredores do estadio estaban cheos de seareiros ataviados coa camisola de selección, e dentro del ondeaban a centos as bufandas e estreleiras. Rosa Cedrón entoou primeiro o himno venezolano, para interpretar logo aquilo de “Que din os rumorosos…” acompañada polas miles de gorxas que cantaban ao unísono, coas súas voces resoando no feudo deportivista. Galicia recendía a fútbol, e o que é aínda máis importante, o fútbol recendía a Galicia. O momento no que o himno da Nazón de Breogán encheu Riazor co seu son envolvente foi, sen dúbida, un dos máis emotivos do serán.
No tocante ao puramente futbolístico, a imaxe da Irmandiña foi francamente boa. A pesar das baixas, o control do xogo sempre foi do combinado galego. Con Mosquera, Fran Rico e Denis Suárez na sala de máquinas, o equipo dirixido por Míchel Salgado e Fran monopolizou a pelota. Destacou a selección galega pola súa facilidade para asociarse en terreo rival, tendo en conta que son xogadores que non están acostumados a adestrar xuntos. Será certo aquilo que se di de que os bos non precisan moito tempo para entenderse.
As sensacións que deixou Venezuela, en cambio, non foron demasiado alentadoras. Ante a inminente Copa América, o técnico da vinotinto aliñou unha especie de mestura entre titulares e suplentes, a fin de perfilar a convocatoria definitiva para o campionato continental. Foi un equipo que careceu dunha idea clara de xogo e que amosou certos problemas para crear ocasións. Se a isto lle sumamos que a motivación e a ilusión do combinado galego á hora de afrontar o encontro eran maiores, podemos entender doadamente a superioridade da Irmandiña.
Galicia gozou vendo xogar aos seus. A dianteira conformada por Lucas Pérez e Iago Aspas, referencias atacantes dos dous grandes clubs galegos, deixou varios detalles positivos, e ambos estiveron moi solidarios o un co outro. Foi precisamente o moañés quen anotou o primeiro gol do encontro tras empuxar a porta baleira un rexeitamento do porteiro venezolano Wuilker Faríñez, tras un disparo de Jota Peleteiro. Os xogadores da selección abrazáronse, celebrando o primeiro tanto de Galicia dende o ano 2008. A ocasión ben pagaba a pena. Nas gradas, os afeccionados coreaban con ledicia os nomes dos seus e reivindicaban o orgullo pola súa terra, pola súa nación, amosando o forte compoñente social e político do deporte. O fútbol, coa súa tendencia a propiciar afastamento entre rivais, nesta ocasión serviu para que todos nos sentísemos, por un día, portadores do mesmo escudo. Así, o comportamento dos seareiros foi digno de eloxio. Só houbo críticas e asubíos para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que viu dende o palco a unha selección galega que el mesmo prohibiu hai sete anos, un feito que espectadores se encargaron de lembrarlle.
No tempo de descanso, tivo lugar unha demostración de fútbol gaélico, un deporte irlandés que está adquirindo moita popularidade en Galicia no último lustro.

As seleccións galegas masculina e femenina de fútbo gaélico fixeron unha breve demostración. | ©Compostimes
Na segunda parte botouse en falta algún tanto máis da Irmandiña para pechar o encontro, pero os xogadores foron incapaces de materializar as ocasións que tiveron. Iago Aspas puido anotar o segundo cun balón picado que se estrelou contra o poste, pero a sentenza non chegou. Fran e Míchel realizaron varios trocos para dar minutos a todos os futbolistas convocados, pero iso non cambiou un ápice a dinámica do partido. Os cánticos e as ovacións dos afeccionados e o bo xogo galego estiveron en perfecta simbiose durante todo o partido, complementándose harmonicamente. Nin sequera o insospeitado tanto de Josef Martínez, que puxo as táboas finais no tempo engadido, truncou a festa do fútbol galego. O pobo gozou vendo xogar aos seus, e estes amosaron un compromiso encomiable coa súa terra. A Irmandiña está de volta, agardamos que, esta vez si, para quedarse.
Fotografía de portada: El Desmarque Coruña