Erros de concepto

Moito se ten escrito xa sobre o famoso incidente desta semana na Complutense, onde Pablo Iglesias botou aos lobos deste tempo de furia tuiteira ao xornalista de El Mundo, Álvaro Carvajal, e no que pouco menos que o acusaba de inventarse un inferno nese paraíso que son as dinámicas internas de Podemos para crecer no seu periódico. Isto a pesar de ser consciente de que todo é mentira e un xogo de poder porque de algo hai que comer ata que o partido dos círculos chegue ao poder e nos dea unha renta básica a todos por contemplar a paisaxe.

Podemos asumir que unha conversa semellante á que relata Iglesias se puidese ter producido, con Carvajal ou con outro, porque é difícil ser o xornalista que cubre a información dun partido contrario á liña editorial do medio. Estar empapado dun certo discurso e en relación cunha esfera determinada tece afectos e simpatías coas que non é doado poñer a cara logo de publicar unha información crítica.

Aínda podendo asumir isto, hai moitos erros de concepto nos dous bandos principais do suposto conflito, que son precisamente dous dos colectivos coa pel máis fina de toda España, os xornalistas e os membros de Podemos. Dunha parte, os profesionais dos medios de comunicación, tan acostumados a empregarnos con dureza contra todo o que non nos gusta, quizá deberiamos deixar de escandalizarnos cando alguén ousa criticar o noso traballo, e máis cando temos armas de sobra para defendelo publicamente contra quen sexa.

O que tamén incorre en tres erros fundamentais é Pablo Iglesias. Primeiro, o de crer que toda crítica a Podemos xorde dunha conspiración xudeo-masónica, dos intereses do grande capital e os poderes fácticos, e non da liberdade de opinión de quen analiza os feitos. Segundo, sinalar a un xornalista concreto, máis que nada porque levanta unha sombra de dúbida ante os seus xefes, aos que igual non lles fai gracia que un empregado vaia emendando a veracidade do seu medio. Terceiro, o de dicir que “esto es un ambiente académico, no una rueda de prensa”. Sen entrar a especular sobre se Iglesias quere dicir que é ou non sincero cando dá un rolda de prensa, quizá o líder de Podemos non debería esquecer que xa non é un profesor de universidade, senón un político que exerce como tal en cada acto ao que acode.

Pero o maior erro non é ningún destes, senón o deses universitarios que, sen importarlle nada do que acaban de escoitar, responden á bravuconada do seu guía espiritual cunha acrítica ovación pechada. O ton de voz, coma a frauta do conto, vainos levando cara o único final posible da aclamación. A triste imaxe dunha suposta elite intelectual deixándose arrastrar polo puro instinto irracional.