“Todo o poder para os círculos!”

Cando non se falaba de xente decente senón de proletariado, cando a casta era a burguesía e a revolución non se chamaba Segunda Transición, existiron dúas persoas: Iosif Stalin e Liev Trotski. Ata que os dous confluíron no primeiro Politburó, alá por 1917, as súas traxectorias vitais foran moi diferentes. Stalin era fillo dun zapateiro e dunha empregada do fogar. Nacera en Xeorxia, lonxe dos centros de poder da vella Rusia zarista. Trotski viña dunha familia de campesiños xudeus relativamente acomodados, dun estrato social moi similar ao daqueles kulaks que acabaronnas estepas siberianas durante a época stalinista. Se en vez de falarmos do Imperio Ruso estivésemos a falar de Madrid, diriamos que un pasara a súa infancia en Vallecas e o outro en Pozuelo de Alarcón, a cidade máis rica de España.

Stalin tiña unha visión idealista da revolución. Consideraba, seguindo a Marx, que había unhas “condicións obxectivas” que facían inevitable o cambio de sistema. Para Trostki, unha revolución non era máis ca un golpe de Estado. Podía darse tanto na decadente Rusia da I Guerra Mundial como en Francia, Alemaña ou mesmo o Reino Unido, sen que estes últimos países entrañasen unha dificultade maior. O revolucionario ideal do xeorxiano sería un intelectual, un artista das ideas, un escultor de insurreccións. Trotski bosquexaba un sorriso escéptico cando oía algo así. Estaba convencido de que o goberno de Kerenski só caería a mans dun grupo de enxeñeiros, de reloxeiros fedellando nos mecanismos que facían funcionar o Imperio.

O revolucionario ideal de Stalin sería un artista das ideas, un escultor de insurreccións; o de Trostki, un reloxeiro fedellando nos mecanismos do Imperio

Nas salas do Instituto Smolni, cuartel xeral dos bolxeviques durante aqueles días de outubro de 1917, ámbolos dous comunistas movían as súas fichas e intentaban convencer a Lenin do seu xeito de concibir a revolución. Trostki xa tiña o seu destacamento: soldados letóns, rexos obreiros das fábricas Wiborg e Pontilov, telegrafistas, ferroviarios, os despiadados mariñeiros de Kronstadt (que masacraría catro anos máis tarde). Este pequeno exército de mil homes sen piedade pasaba o día ensaiando manobras polas rúas de San Petersburgo. Organizábaos e supervisábaos un dos máis fieis trostkistas: o experto estratega e xadrecista Vladimir Antonov-Ovseienko. No entanto, Stalin formaba parte da comisión do Comité Central encargada de organizar a folga xeral que, ao seu xuízo, traería a gloriosa revolución bolxevique. Soñaba cunha masa de obreiros e soldados desertores apoderándose do Palacio de Inverno.

Trotski (c) e Stalin (d) levan o cadaleito de Félix Dzerzhinski, creador da KGB

Trotski (c) e Stalin (d) levan o cadaleito de Félix Dzerzhinski, creador da KGB

Se os bolxeviques quixesen con tomar por asalto a España de 2016, a Trotski non lle importaría entrar no Goberno. Quizais traizoase os seus principios revolucionarios, pero lograría colocar aos seus homes nos resortes do Estado, listos para dinamitalo cando fose tacticamente necesario. Stalin, probablemente, buscaría un movemento máis ortodoxo: mobilizar a xente decente ata que as portas do Palacio da Moncloa se abrisen ante el.

Se os bolxeviques quixesen con tomar por asalto a España de 2016, a Trotski non lle importaría entrar no Goberno

Acabou triunfando o golpe de Estado de Trostki. Antes de que os bolxeviques tomasen o Palacio de Inverno, o destacamento do revolucionario xudeu xa tomara os ferrocarrís, o servizo de telégrafos, as centrais eléctricas, os gasómetros, as pontes sobre o río Neva. O cerebro da capital rusa aínda era do Goberno Provisional, pero o sistema respiratorio, o circulatorio e o locomotor estaban xa en mans dos revolucionarios. Trostky e o seu fiel secuaz Antonov-Ovseienko conquistaran o Estado. Stalin, tras ser derrotado nesta loita de egos, decidiu conquistar o Partido.

Os dous foron hábiles presentando a súa batalla persoal como unha batalla ideolóxica. A “revolución permanente” trostskista e o “socialismo nun país” stalinista eran ferramentas na loita dos seus inventores por suceder a Lenin. A caída en desgraza de Antonov-Ovseienko foi paralela á do seu mentor, que foi executado dous anos despois ca el.

O Comité Central que expulsou a Trotski do PCUS en outubro de 1927 pode reencarnarse no Consejo Ciudadano de abril de 2016

Noventa anos despois, os sóviets transformáronse en círculos. O Comité Central que expulsou a Trotski do PCUS en outubro de 1927 pode reencarnarse no Consejo Ciudadano de abril de 2016. As “condicións obxectivas” son moi diferentes, pero a ambición, as formulacións estratéxicas e os egos son similares. Quizais, só quizais, pode que outro revolucionario obsesionado coa táctica volva ser derrotado polas forzas do capital. Daquela por un Mercader, hoxe en vinganza por un Monedero.