Ramiro Ledo: “Numax non existe sen a xente”
Numax está de aniversario, este venres 18 cumpre un ano en terras compostelanas
O pasado venres reuníame con Ramiro nunha pequena oficina chea de material por recoller e organizar e chea de traballo. Ramiro é, xunto con Irma, Pablo, Carlos e Antonio, un dos socios traballadores de Numax, e responsable do cinema. Todos eles tamén tiveron e teñen unha carreira profesional á marxe deste proxecto. Pero esta entrevista xira en torno a un só proxecto: Numax.
Como comeza a idea de Numax?
A partires dunha conversa con Margarita Ledo, que nos di que xa non quedan cines na cidade, que acababan de pechar os últimos e que era algo que se botaba de menos. Mostrouse disposta a apoiarnos e a botar unha man a nivel económico. De aí, puxémonos a traballar un grupo de persoas para dedicarnos profesionalmente ó que faciamos: traballar en cine, facendo filmes, docu, montando, na parte técnica… Irma é libreira. Leva traballando moitos anos na Libraría Central en Barcelona. Pablo e máis eu somos montadores de vídeo; e Toni e Carlos eran e son deseñadores gráficos. O que nos unía a todos era a parte do cinema. Carlos e eu estudamos xuntos e tamén traballamos no Cineclube de Compostela cando o fundamos nos 2000. Así empezamos a pensar en como montar un cine.
O problema máis grande era a cantidade de diñeiro que costaba. Ningún viña dun ámbito empresarial así que fomos estudando e aprendendo como facer un plan económico. En cursos de formación sobre cooperativismo que impartía Ugacota, Unión Galega de Cooperativas de Traballo, fálannos da cooperativa Coop57. Ofrecía un préstamo de 300.000€, que era o que a nós nos podía facer falta para facer a obra, sobre un custe do proxecto inferior a medio millón de euros. É un préstamo nunhas condicións diferentes ás que pon a banca tradicional. A diferencia está no tipo de aval. Coop57 permite ter o préstamo se consegues implicar a moita xente que avale pequenas cantidades sen necesidade de depositar diñeiro, nin comprometerse coas súas propiedades. É un xesto de confianza, sobre un plan económico presentado ás persoas que están dispostas a avalarte e que ademais confían en que vaia funcionar. Entón, asinan un papel no que se comprometen a depositar unha cantidade de diñeiro se isto quebra. Se acontecera, as persoas que avalaron ese préstamo terían que responder cada unha proporcionalmente pola parte que lle correspondera. Sempre en función do crédito que quedara sen devolver. Cando descubrimos o método vimos que era posibe conseguilo e non recurrir á banca tradicional. Comezamos unha campaña de avais dende maio ata setembro do 2014, seguimos co préstamo e abrimos.
Bueno, xa dixeches case un pouco de todo, e tamén da seguinte pregunta. Sodes un pouco de todo: deseño gráfico, librería, sala de cine convencional e tamén sodes unha cooperativa. Entón o seguinte é como funciona unha cooperativa por parte dos socios.
Somos unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro. Estamos a punto de pechar as contas de exercicio 2015 e é probable que vaiamos ter un resultado positivo. Non podemos repartir eses beneficios, pero si empregalos para devolver o préstamo, contratar novo persoal, boas condicións laborais… Somos socios de traballo e podemos contratar a algunha persoa. Cada socio de traballo ten que achegar unha cantidade de diñeiro ó capital social da empresa, que no noso caso foron 8.000 euros por persoa. E a socia colaboradora da que falaba antes, Margarita Ledo, achegou 24.000 euros.
Na páxina web, onde falades da cooperativa, fíxome graza que chamarades “colofón” á parte onde explicades o funcionamento e como montáchedes isto. Entón, se non houberades tido este tipo de apoio houberades montado igual este proxecto?
Non. Sería imposible. Numax non existe sen a xente. Primeiro sen as 182 persoas avalistas para poder conseguir o préstamo e para facer a obra posible, e despo sen toda a xente que vén aquí, a ver un filme, a comprar un libro, a encargar traballos … Nós o que temos aquí son seis postos de traballo cos nosos salarios.
E volvendo ó funcionamento interno…
En cada área temos un responsable. Cada unha ten un plan económico independente a nivel interno, e despois hai un plan económico global. As áreas de traballo funcionan por separado, pero facemos cousas que se poden aproveitar: probas de vídeo na sala de cine, imaxe gráfica que se extende á comunicación corporativa interna. Ó final todas están relacionadas entre si. Intentamos integralas o máis posible.
Que haxa un punto de unión entre elas.
Si. Porque tamén somos xente con intereses comúns, que compartimos a filosofía do proxecto.
E o nome de onde sae?
Do filme Numax Presenta…, de Joaquín Jordà. Era un referente compartido por todas as persoas que estabamos cando sacamos o proxecto adiante. Todos coñeciamos o filme e a todos nos gustaba. E de aí saiu. A todos lles pareceu ben e supuxo unha homenaxe ós traballadores que aparecen no filme e ó director, ao que todos queremos moito… E tamén por manter viva a memoria. Ademais, a nivel de resonancia, parece que é o nome perfecto.
Xa falamos antes de que sodes coma un caixón de xastre porque tedes de todo. E eu creo que vos anunciades máis coma unha sala de cine. A nivel de público, ó mellor non moita xente sabe que tedes unha parte de deseño gráfico ou montaxe de vídeo. Tedes máis peso nalgunha?
Non exactamente. Tanto a libraría como a sala de cinema poden ser as actividades máis visbles, a fachada. Están cara ó público e réxense máis pola asistencia e polo día a día. Chaman máis a atención. O traballo que non está de cara ó público é o que menos se coñece. E sen embargo todo pode estar moi relacionado. Ademais, este ano traballamos tanto en gráfica como en vídeo con catálogos, imaxes corporativas, imaxes para festivais de música… Estaría ben que máis xente se decatara de que nós tamén ofrecemos outros servizos.
Na páxina web lín que funcionades como sala de exhibición e como distribuidora cinematográfica. Esta parte como funciona, como a levades?
Metémonos por probar e coñecer unha área que para nós era descoñecida. Cando queres exhibir un filme tes que falar coas distribuidoras. Vimos que era complicado: hai filmes que non se estrean e que non existen se non hai unha distribuidora moi concreta que se encargue de ofrecelos ás salas de cine. Comezamos a traballar cunha película colombiona chamada Los hongos. Estreámola o pasado setembro en salas de España. Estivo en Madrid, Valencia, Barcelona, Palma de Mallorca, Canarias… É moi satisfactorio ver que un filme que merece a pena saia adiante, grazas á túa axuda acercándoo máis á xente.
O 18 é cando facedes un ano abertos. 30.000 entradas. Esperábades ter tanto éxito?
Non. De feito as previsións de asistencia eran máis baixas.
E a nivel de abonados ou socios?
Tampouco. Non sabiamos moi ben como ía funcionar. Temos máis de 700 persoas abonadas. Por iso estamos moi agradecidos a todo o mundo, por axudarnos a existir. Depende moito da asistencia da xente, por exemplo, xa para conseguir filmes. Se viñera menos xente a ver os filmes non poderiamos conseguir todos os filmes que queremos coas distribuidoras, porque todo se rexe pola asistencia e os ingresos que lle ofreces. Mentres a xente acuda, neste caso ó cinema, nós podemos ofrecer case de todo.
O ano pasado cando inauguráchedes todo isto moitos titulares dicían que “o cine volvía ó centro da cidade”. Entón, o que pode ser é que aumentáchedes máis a oferta dos cines da cidade.
Non é o mesmo, pero o di moita xente. E tamén di que hai preguiza en ter que planificar o día para ir ata As Cancelas. Temos moita xente que vén coller a programación da semana a ver que temos, e que case vén a ver calquera cousa porque estamos cerca. Non é que sexa un sitio de paso, pero é moi doado achegarse. Estamos contentos de contribuír ó modelo de cinema de proximidade, de veciñanza no que as cousas son moito máis cercanas. Todos saben que somos nós os que levamos isto, que estamos ó tanto do programa, dos libros… de todo o que facemos. Normalmente é algo que está máis oculto. Aquí sabes que hai unhas persoas.
Iso é algo que o espectador agradece, que saiba que hai máis que unha pantalla.
Esperamos que sexa así, senón non hai moita volta que darlle. Para nós é importante que saiban que estamos aquí.
Nas seccións que tedes, tedes unha que intenta levar o cine ás escolas e Os ollos verdes. Xa todo o proxecto de Numax paréceme moi didáctico. Creo que o complementades coas dúas seccións, con Numax na escola e as aulas de Os ollos verdes. De onde sae facer das proxeccións algo máis didáctico?
Xa cando redactamos o proxecto e o plan económico tiñamos obxectivos e liñas que queriamos traballar, e fómolo dessenvolvendo pouco a pouco. Por capacidade, ó principio non podiamos facer todo á vez. Agora é moi gratificante ver á xente que vén dos institutos ou das escolas. O comparamos con cando nós estudabamos no instituto. Hai de todo, pero sempre intentas facer o que pensas que se pode agradecer que exista, ou que ti agradecerías. O da aula é un proxecto moi complicado, que por falta de apoio económico non puidemos facer. Parece que o Concello de Santiago e a Concelleía de Cultura poden apoiarnos para facer as aulas. Nós co prezo da entrada non podemos pagar a estancia a convidados, pero con axuda podemos facer a asistencia gratuíta. Agora nós estamos poñendo diñeiro e despois xa se verá que acontece. Pero dalgunha maneira nos anima porque vemos que a xente o agradece. A primeira aula que fixemos, foi a de Luis Aller, e tiñamos a de Pere Portabella que non puido ser e imos anunciar as seguintes.
Hai un espectador tipo ou que hai moita variedade?
Hai variedade de media de idade. Segundo foron pasando os meses fomos chegando a máis xente, ó mundo da universidade, ás escolas, os alumnos fálanlle ós pais dos filmes e veñen os pais… Dise que é moi difícil que a xente nova vaia o cine, sobre todo se son cines en versión orixinal e máis de autor, e sen embargo hai moita xente nova. Pouco a pouco temos dende xente maior ata xente máis cativa. A verdade é que hai un espectador máis tipo: o profesorado, por exemplo. Pero creo que está moi relacionado coa composición social da cidade.
Tedes pensados máis proxectos para chamar a un público moito máis amplo? Por exemplo, con Numax nas escolas. Facer algo a nivel máis autonómico.
A nosa idea co programa Numax na escola pretende favorecer a asistencia a unha sala de cinema en versión orixinal para alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional, ensinos artísticos… Pero o cinema é algo físico que está nun sitio. Estaría moi ben unha implicación maior por parte da Administración, pero nós non temos capacidade para chegar a un instituto en Vigo. Non temos acceso a todos os centros de ensino e moitas veces o contacto é por mail ou porque os profesores veñen ata aquí. Non sei se estamos falando dunha utopía, pero non sería nada negativo que a Administración decidira poñer en marcha algún tipo de iniciativa parecida a esta. Pero nós non o imos facer porque o noso ámbito de actuación é un cinema local.
Neste ano cal foi a actividade ou o filme que vos fixo sentir que isto estaba funcionando?
Son moitas cousas: cando chegan proxectos bonitos a vídeo, a gráfica, ves que a xente empeza a vir ós filmes ou que enche a sala, que na librería a xente pregúntache por libros… Botamos moitas horas e moito diñeiro, e seguramente cando ves que as contas saen e que conseguiches poner noventa e pico filmes, que temos o premio ó mellor proxecto cooperativo, que a libraría ten repercusión… é cando te podes sentir satisfeito.
Tedes algo especial para o día do aniversario?
Nada especial. Anunciamos que imos facer o día de entrada gratuíta para persoas abonadas ou avalistas. Queríamos ter un detalle especial aínda que fora un día coa xente que se fixo o abono ou que nos apoiou desde antes de abrir. Do que se trata é de seguir ó día seguinte. Esperemos que pasen moitos anos, entón igual dentro de dez ou quince, igual o celebramos.
Contades con algunha sorpresa coma a da inauguración? (O ano pasado Aki Kaurismäki, director finés, presentouse por sorpresa na sala nun pase privado e inaugural previo á apertura ó público. Proxectábase un dos seus filmes: Nubes pasaxeiras)
Non… Pero se o dixera xa non sería sorpresa. Non, non creo que vaia haber nada.

Cartaz de Nubes pasaxeiras e entrada da sala de cine. | ©Ada Seoane Alló (Todos los derechos reservados)
Se tiveras que escoller unha película que resumira ou definira este ano, cal sería?
Supoño que cada un diría unha. Eu dígoche Nubes pasaxeiras que é coa que abrimos.
E un libro?
Non sei. Pregúntalle a Irma.
Logo pregunto. Pensades que ides seguir crecendo, traballadores, socios…?
Nós esperamos que este ano veña máis xente ó cinema, á libraría ou con encargos a gráfica ou vídeo. Dende que abrimos xa ven e nos coñece máis xente, e queremos que siga así. Non temos unha ambición esaxerada como montar cinco salas. Queremos estar aquí o máximo posible e que funcione ben, manter as nosas condicións. E que a xente que o disfrute o poida seguir facendo moitos anos máis.
Pregunteille a Irma ó rematar. “Un libro?”. Pensouno moito ata dicir que unha película sería moito máis fácil, Numax presenta…, por razóns obvias. Seguía pensando cando bromeei e dixen “Está por escribir”, ó que respondeu “En todo caso estará por ler”. Pablo e Ramiro escoitaban a conversación e Pablo bromeou con que podería ser un libro sobre como construír unha sala de cine.