Pero… houbo algunha vez 20.812 emigrantes nun ano?
Resposta: moi probablemente si, pero non en 2016. Esta mañá, Galicia espertou cun estarrecedor titular de La Voz de Galicia, edición de Pontevedra: “La emigración desde la comarca en un lustro supera ya al censo de Caldas“. A xornalista sostén que, entre 2009 e 2015, “la emigración se llevó de aquí a nada menos que 9.593 vecinos“. A noticia está trufada de “datos curiosos” como que, por exemplo, o 84,5% da poboación do concello da Lama son emigrantes (segundo a RAG, “persoas que deixaron o propio país ou o lugar de orixe para establecerse noutro, en particular por razóns de traballo). É dicir, que dos 2.670 veciños deste penitenciario municipio pontevedrés, 2.257 son “exiliados económicos”, por adaptar a terminoloxía rupturista.
Todos os datos que recolle a noticia son mentira. A tenda de maletas de A Lama non está a piques de superar en cotización bursátil a Inditex, para a súa desgraza. Pero non é que a xornalista puxese cifras totalmente ao azar. A portada da edición pontevedresa de La Voz é mostra dun erro moi habitual na prensa: crer que “persoas con nacionalidade española que viven no estranxeiro” é o mesmo ca “emigrantes”. A xénese desta vaga de noticias sobre o “exilio económico” é a publicación o xoves 17 da Estatística do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro, o PERE, que elabora o Instituto Nacional de Estadística.
A portada da edición pontevedresa de La Voz é mostra dun erro moi habitual na prensa: crer que “persoas con nacionalidade española que viven no estranxeiro” é o mesmo ca “emigrantes”
O PERE contabiliza as persoas que teñen pasaporte español ou dobre nacionalidade e viven fóra de España. En 2015 rexistráronse no exterior 20.812 persoas españolas. Ora ben… significa isto que todas elas sexan emigrantes, é dicir, persoas que deixan Galicia? Nin moito menos. Todos os fillos de pai ou nai española, nacesen onde nacesen, teñen dereito á nacionalidade. Ademais, a lei 52/2007 de Memoria Histórica, na súa disposición adicional sétima, ampliaba este dereito aos netos de españois (sempre que solicitasen a inscrición antes de decembro de 2011).
No mesmo PERE podemos comprobar que o número de persoas nadas en España que se rexistraron no estranxeiro non é 20.812, senón menos da cuarta parte: 4.960. Mirando un pouco máis os datos, vemos que sete de cada dez galegos residentes no exterior naceron fóra de Galicia. Probablemente, moitos deles nunca pisaron a nosa terra. Mentres, a porcentaxe dos nados aquí que viven fóra non deixa de reducirse (do 41,55% de 2008 ao 29,78% do ano pasado). Dándolle aínda unha volta máis, vemos que os lugares onde máis se rexistraron eses 20.812 novos residentes no exterior son Arxentina, Cuba, Brasil e Venezuela. Non son destinos un pouco raros para un “exilio económico”?
O estrañamente elevado número de medios que confundiron emigrantes con residentes no exterior é froito dunha das grandes eivas do xornalismo: aferrarse a calquera dato (por absurdo que poida parecer) que probe a idea preconcibida do autor. Isto inclúe atacar frontalmente a quen intente sacalos do erro, sen deixar que os datos do INE estraguen unha boa (e demoledora) historia. Moitos xornalistas, especialmente os máis novos, traen da casa a conclusión a priori de que o número de galegos que emigra é insoportable. Por que? Porque moitos deles compartiron pupitre na Universidade con alguén que hoxe reside no exterior. Os xornalistas (e algúns políticos, especialmente os recén saídos do prelo) están dispostos a agrandar a importancia da emigración porque, agora, os que marchan fóra non son persoas sen estudos, coma hai cen anos: son titulados superiores. A total desconexión (en contidos e en número de prazas) de moitas titulacións universitarias coa realidade do mundo laboral obrou, nos últimos anos, este cambio no perfil do emigrado.
Os lugares onde máis se rexistraron eses 20.812 novos residentes no exterior son Arxentina, Cuba, Brasil e Venezuela. Non son destinos un pouco raros para un “exilio económico”?
La Voz de Pontevedra entrevista hoxe, para ilustrar a súa noticia eivada, a un “exiliado económico”. Chámase Enrique Rey e é controlador de contidos nunha televisión deportiva de Brasil. A xornalista explica así os motivos do seu exilio: “Enrique, en plena etapa universitaria […] conoció a Bruna, que había venido de Erasmus a España. Se enamoraron y él cruzó el charco. […] ‘Además de que queríamos estar juntos también pretendíamos aprovechar la buena situación que vivía entonces Brasil y así encontrar trabajo‘”. É dicir, que deixou Galicia por amor e coa lexítima intención de atopar un traballo ben pagado. 4.960 persoas nadas en Galicia rexistráronse en 2015 no estranxeiro. É este, forzosamente, un dato negativo? É condenable que haxa persoas que decidan deixar a súa terra para atopar un traballo relacionado co que estudaron, para cobrar máis que en Galicia, para coñecer outro país, para practicar un idioma ou para vivir coa persoa que queren? Cremos, en pleno século XXI, que a felicidade está en morrer no mesmo lugar onde nacemos?