Maneiras de recordar o oito de marzo
“A forma máis común de que a xente che entregue o seu poder é que crea que non o ten”.
Alice Walker
Un oito de marzo de 1857 a cidade de Nova York vivía a primeira protesta formada integramente por mulleres. Era un grupo de obreiras do téxtil que anos máis tarde, o cinco de marzo de 1908, repetían escenario para crear unha das folgas con máis sona da época. Igualdade salarial, disminución da xornada laboral e maior conciliación familiar eran as esixencias polas que ese día saían á rúa. Este domingo en Compostela as imaxes repetíanse. Desta vez para recordar ese oito de marzo polo que se declarou o Día Internacional da Muller.
Dende a estación de tren santiaguesa e ata a praza da Quintana, escoitaríanse berros que facían eco daquela primeira manifestación. A orixe deste día non está de todo clara. Mentres algúns sosteñen que celebra esa primeira manifestación, outros enmarcana tralo incendio da fábrica de camisas Shirtwaist en Nova York. O sinalado como culpable sería o propio dono da fábrica e nel morrerían 123 mulleres e 23 homes. O que sabemos realmente é que en 1975 a ONU poñería nome a este día coa finalidade de revisar unha vez ó ano esas desigualdades sociais que ás veces deixan restos.

As rúas de Compostela este domingo l © Juncal Álvarez
A Plataforma Feminista Galega sería a encargada de convocar esta manifestación que tiña como mensaxe principal: “Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita”. Á chegada o punto final do traxecto, a praza da Quintana, leríase un manifesto no que se recordaron os principais focos de protesta. Un compartido por todos, aínda que con maior incidencia no caso das mulleres, como é o paro e a precariedade laboral, e outro máis concreto: a violencia de xénero.

O lema deste ano sería “Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita” l © Juncal Álvarez
Numerosos representantes políticos mesturáronse na masa violeta adornada con milleiros de carteis. Aínda que as razóns eran unhas, as pancartas tomaron forma de múltiples protestas mesmo a liberación animal. Algún dos nomes máis coñecidos foron o de Yolanda Díaz e algúns membros de Podemos, mentres que na súa maioría serían persoas anónimas con queixas que manifestar.

A liberación animal tamén formou parte das mensaxes da manifestación l © Juncal Álvarez

A rúa da Senra o pasado domingol © Juncal Álvarez

Os manifestantes entrando en Praterías, case o final do traxecto l © Juncal Álvarez
Compostela non sería a única cidade galega que quixo celebrar a data deste xeito. Vigo, Ourense e Ferrol tamén agardan a súa propia manifestación o propio día oito nas principais prazas das cidades. Unha maneira máis de recordar o que significa para cada individuo o oito de marzo. Día de protesta pero tamén día de orgullo do xénero feminino.