Peches coordinados contra os recortes na USC

Tiña que pasar algún día. O curso 2015/16 estábase a desenvolver sen ningún tipo de protesta estudantil, aínda que as consecuencias dos recortes seguían a estar presentes. Pero ata febreiro o estudantado non decidiu alzar unha voz común para tentar cambiar a realidade que se vive nas facultades. Foron, concretamente, os alumnos de Filosofía e os de Maxisterio os que comezaron coas protestas a pasada semana, ás que hoxe mesmo se sumarán os alumnos da Facultade de Ciencias da Educación. O formato non é novidoso: recórrese ós habituais peches, o que permite prolongar no tempo a difusión da mensaxe dos estudantes que protestan e incrementa a atención mediática.

Non é a primeira vez que os estudantes de Filosofía se pechan na facultade para reivindicar os seus dereitos | © Peche Filosofía

Non é a primeira vez que os estudantes de Filosofía se pechan na facultade para reivindicar os seus dereitos | © Peche Filosofía

Aínda que non é a primeira vez que se dan protestas deste tipo (todos lembramos o Peche Historia ou o peche na Biblioteca Concepción Arenal para reclamar horarios decentes), nunca antes houbera peches simultáneos en dúas facultades, que hoxe pasarán a ser tres. Isto non fai máis que amosar que a falta de persoal é un problema endémico no seo da Universidade de Santiago de Compostela. Os estudantes do Peche Filosofía denuncian, por exemplo, que as prazas de doce docentes xubilados están a ser cubertas por tan só cinco interinos. Os que perden son, evidentemente, os alumnos que están a pagar por unhas materias que non lles poden ser impartidas nas condicións desexables.

Ademais da problemática global da USC, tamén hai quen observa unha tendencia no caso concreto de Filosofía. “Se seguimos así o grao desaparece. Vamos camiño de que Filosofía se convirta nunha formación complementaria para quen xa ten uns estudos superiores ou directamente peche a única Facultade de Filosofía do país”, afirma Iván Rodríguez, integrante do Peche Filosofía e membro do claustro. E é que o presuposto da facultade viuse reducido nun 90% nos últimos anos: pasouse de 60.000 a 6.000 euros, unha cantidade ínfima para manter unha facultade en funcionamento.

A universidade galega vén de soportar un recorte orzamentario dun 20% dende o comezo da crise, aínda que no último exercicio incrementou un 1% o presuposto. Aínda que a Universidade de Santiago de Compostela é unha afectada, lonxe de solidarizarse cos estudantes, a súa primeira resposta vía Twitter foi a que aparece unhas liñas máis arriba. Un estudante de Filosofía ironiza cun curso ofertado pola USC, avisando ós participantes de que “igual despois de pagar non poñen profesores”. Calquera diría que a conta de Twitter pouco menos que se ri do alumno. Mentres tanto, o estudantado segue reivindicando os seus dereitos. Hoxe mesmo está convocada unha concentración fronte á Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte ás 21.00 horas.