O porqué das bágoas

Valentín Paz Andrade xa falaba daquilo polo que todo galego choraría. As emocións causantes de mareas de bágoas están recollidas en versos. Mais, por que choramos? A función máis técnica das bágoas é a de protexer ao ollo. As glándulas lacrimais producen unha certa cantidade delas para evitar irritacións. Aínda que a comunidade científica non estableceu un motivo fixo que explique o porqué das mareas de lágrimas tras experimentar unha forte emoción de alegría, tristeza, dor ou medo, si existen diferentes teorías que tratan de comprender este fenómeno.

As lágrimas poden ser un xeito mediante o cal os seres humanos solicitan axuda

Charles Darwin afirmaba que os choros dun ser humano constitúen un método mediante o cal pretende captar a atención dos seus semellantes, ao igual que un neno pequeno o fai para que os seus pais o consolen e o atendan. Sigmund Freud dicía que as persoas descargan tensión a través de vías motoras — por exemplo, camiñar— ou tamén a través de vías neurovexetativas. Dentro desta última atopamos a estimulación dos lacrimais por parte do sistema nervioso. Outra proposta que roza máis a parte emocional é a de Juan Murube del Castillo que asevera que as lágrimas poden ser un xeito mediante o cal os seres humanos solicitan axuda.

Cando choramos, as imaxes que se suceden ao noso redor pasan de estar enfocadas a aparecer borrosas polo fluír de bágoas. Isto fai que baixemos as defensas e nos convertamos en suxeitos máis vulnerables e submisos. Esta hipótese foi elaborada polo científico da Universidade de Tel Aviv Oren Hasson, que mantén que chorar nos achega emocionalmente aos individuos, nos fai empatizar máis con eles e fortalece as relacións persoais. Por outra banda, o bioquímico da universidade de Minnesotta William H. Frey establece que as bágoas conteñen endrenocorticotrópica, tamén coñecida como hormona do estrés. Deste deixo, o choro consegue liberar do corpo a tensión acumulada deixando unha sensación de calma e paz.

É curioso como tantos científicos tentaron explicar a natureza de tan común reacción sen chegar a establecer unha causa concreta para este fenómeno. Pode que, algún día, nalgún lugar do mundo, alguén chore de alegría ao descubrilo.

Fotografía de portada: © Blogspot