De demócratas a socialistas

Aqueles interesados na política estadounidense deberían ter unha primeira resolución para este novo ano que por clásica non deixa de ser ineludible: aprender bo inglés. Afacerse á lingua franca dos nosos tempos é o máis intelixente para comprender o que se coce naquel fervedoiro de ideas feito país e enmarcado polas rutilantes ribeiras do Atlántico e do Pacífico. Lamentablemente, as crónicas e columnas sobre a actualidade política dos Estados Unidos elaboradas para consumo galego, español ou europeo en xeral adoecen de simplismo cando non son escritas polo puro hooliganismo partidario e a vontade haxiográfica.

A cautela é precisa porque a unha semana escasa dos caucus de Iowa, os primeiros na carreira presidencial demócrata e republicana, espéranos a enxurrada inicial do tradicional alude de noticias provocado pola elección do líder do Mundo Libre, que ficará fechada a finais de este outono. Nesa rutineira cobertura mediática non é menos típico un xenéro de noticias ocupado en caricaturizar ou demonizar a dereita americana, e nomeadamente os candidatos do Partido Republicano, tan necesario para manter a superioridade moral na que habitualmente se empoleira a ingrata Europa.

O discurso da deriva radical, ultramontana e fanática do GOP nos nosos medios merece unha análise detallada por algún estudante de comunicación ou marketing político con vontade e tempo. A idea da toma do control do partido por un grupo de brancos brutiños aferrados coa forza da Fe ás súas armas para non pagar impostos é normativa hoxe en día. O problema é que tal imaxe serve para pouco máis que manter os caducados, por noventaoitistas, perxuízos de parte da dereita española sobre os EUA e alimentar o unánime antiamericanismo practicado á esquerda do espectro político. Aínda que desta vez poida semellar especialmente crible grazas ao falabarato arrogante e detestable de Donald Trump, a realidade é que é tan falso canto inútil para descreber a metade do eleitorado do país e os líderes que esta elixe.

Con certeza, é innegable que nas últimas décadas o Partido Republicano sufriu transformacións importantes do seu corpus ideolóxico. Eis a desaparición do pragmatismo dos vellos Rockefeller Republicans, radicados na progresista Nova Inglaterra, e a emerxencia do idealismo conservador e libertario, introducido grazas a intelectuais como William F. Buckley e líderes como Barry Goldwater, que permitiu a Ronald Reagan levar a América cara un novo amencer e cara unha vitoria sobre o Imperio do Mal. Ora, tratar exclusivamente das mudanzas do partido do elefante é focar o obxectivo da cámara nunha parte da paisaxe en canto se deixa a outra fóra do plano, porque os datos evidencian que as mudanzas ideolóxicas afectaron tanto a republicanos canto a demócratas.

O Bernie Sanders é quen mellor encarna esas mudanzas da familia demócrata. Despois de toda unha vida política, o antigo alcalde de Burlington chega desde Vermont -o estado máis desacomplexadamente esquerdista da Unión- para disputar a candidatura de Hillary Clinton pola esquerda e a confiar nunha reedición da remontada de Obama en 2008. Sanders contende cun programa baseado nunha orixinalísima intención da cal nunca antes sentíramos falar: crear un estado do benestar nórdico e setenteiro que xa non existe. E isto, evidentemente, convérteo nunha rara avis na arena politica americana.

Tratar exclusivamente das mudanzas do partido do elefante é focar o obxectivo da cámara nunha parte da paisaxe en canto se deixa a outra fóra do plano

E non só, porque a presenza dun candidato abertamente socialista con opcións á nominación demócrata dá conta da auténtica revolución acontecida no seo dunha formación que viña do liberalismo progresista de JFK. O feito de que Sanders queira converter o país que o republicano Lincoln chamou a última mellor esperanza da humanidade nun calco da Europa materialista e nihilista de hoxe non perturba a ninguén malia que as súas negativas consecuencias poderían ser notadas arredor do globo. Menos aínda se descrebe este proceso como unha radicalización. Canal de TV, rotativo ou dixital ningún dos que topamos á nosa volta descreben o descenso desa Santísima Trinidade esquerdista de clase, raza e xénero aos dominios terrenos do Partido Demócrata. Só por iso pode o lector ignoralos así chegue a conclusión desta humilde peza.