Cando Pdro cantou un fado

Seguramente o secretario xeral dos socialistas españois nunca se sentiu atraído politicamente por Portugal. Na campaña das lexislativas non foi dar ningún mitin alá, e tampouco chamou a António Costa para que viñera apoialo en ningún momento, como si fixo, por exemplo, con Manuel Valls. Pero logo do 20-D, o candidato á presidencia do Goberno do PSOE, sabedor de que dentro do seu partido o ambiente non era o máis amable, comezou a ter que mirar cara fóra para atopar alguén que o entendese. Deste xeito, Pdro espertou un día con antoxo de bacalhau ás natas e de regar a súa sobremesa cunha copa dun tawny xeitoso. Completou a súa epifanía de Nadal mercando un disco de fados e emprendeu viaxe cara Lisboa para sacar unha foto co que se acababa de converter en referente para el.

Socialistas ambos, seguramente o que máis une a Costa e a Sánchez é o seu gusto pola moqueta. Os dous quixeron chegar ao goberno por riba do resultado electoral e das correntes internas que pedían a súa dimisión. O español agora quere copiar a un home que se presentou ás eleccións cun discurso máis próximo ao da coalición conservadora gobernante que ao dos partidos que o apoiarían para ser investido primeiro ministro, e logo de que as urnas falasen xurou e perxurou que non faría parte dunha “maioría negativa” contra Passos Coelho. Costa mentía, igual que o facía Sánchez cando xuraba e perxuraba que nunca pactaría co “populismo”, ao que daquela aínda non se atrevía a chamarlle Podemos.

Ningún partido portugués ameaza a hexemonía da esquerda do PS

Pdro é obxectivamente moito máis guapo ca António, pero seguramente o seu colega lisboeta ten maior capacidade de lectura dunha situación política que, malia que o madrileño a queira comparar, pouco ten que ver. Para comezar, para ser primeiro ministro Costa só debía apoiarse en dous partidos, e casualmente ningún ameaza de momento a hexemonía da esquerda do PS portugués. E para rematar, ningún dos dous lle esixía que convocase un referendo para a secesión do distrito do Porto.

Pdro quere parecerse a António, aínda que a António boa parte da opinión pública (incluso a favorable) tardará en perdoarlle as manobras que realizou ata chegar ao poder. E António tivo bastante sorte, porque cando chegou a hora da verdade e tivo que aprobar uns orzamentos, malia que os seus socios non se quixeron entender con el, en frente atopou a uns conservadores que tiraron de responsabilidade de estado e lle van permitir continuar co seu proxecto. Pdro segue afinando o fado, pero quizá aínda pensa que gobernar é só pisar a Moncloa.