Ada Colau, máis heroína ca alcaldesa
Hai xente que entende que a política debería ser unha actividade á que un debería chegar logo de presentar unha traxectoria profesional contrastada como aval, de modo que un empresario notable, un avogado de prestixio, un catedrático universitario, un reputado representante sindical ou outro membro calquera da sociedade civil acode á representación pública por un tempo para empregar o seu coñecemento á sociedade. Pola contra, de xeito crecente nos últimos anos a política converteuse nunha actividade profesionalizada na que os cargos públicos son expertos en entrar desde mozos na estrutura do partido e medrar ata acadar un posto de poder.
Nesta concepción que xa parece doutro tempo, houbo unha época na que para ocupar un alto cargo como pode ser (por poñer un exemplo totalmente ao chou) o de alcalde dunha gran cidade coma (de novo ao chou) Barcelona necesitábase dun perfil específico de acreditada solvencia xestora ou unha dilatada traxectoria. O último rexedor da grande urbe catalá, Xavier Trias, é licenciado en Medicina e Cirurxía con posgraos e experiencia internacional, aprendeu como funcionaba a institución que anos máis tarde dirixiría sendo concelleiro, e ademais chegou a ser un dos homes fortes da administración autonómica.
Pero os novos aires trouxeron cambios ata niso, e agora que xorden os grandes liderados apareceu a sublimación do novo perfil da xestión pública. A nova alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, fíxose famosa para todo o país por chamarlle “criminal” a un representante da banca e por ser a cara visible dos afectados pola hipoteca sen ter contratado unha. Cunha carreira universitaria sen rematar e sen máis oficio coñecido có de activista, alén dunha carreira como actriz que que saibamos nunca lle reportou ningún Oscar, comezaba a facerse unha cara coñecida e referente para moita xente.
Nestes tempos e con estas dotes, Ada Colau estaba predestinada a converterse en tertuliana ou en algo peor. Presumía naqueles tempos de que partidos coma a CUP ou ICV lle ofreceran entrar en política, pero aquilo de evitar que a xente quedase sen vivenda semellaba unha causa demasiado noble como para utilizala para encaramarse a un carguiño calquera de deputada no Parlament ou de concelleira nunha cidade, que son as cotas de poder ás que aspiraban esas formacións nese intre.
Pero chegou o 2015 e con el o que o fotógrafo Henri Cartier Bresson podería chamar o “momento decisivo” para unha persoa como a nosa protagonista. Co fenómeno Podemos en plena auxe e aínda con expectativas de ser a forza máis votada en España, un bipartidismo sempre feble en Cataluña caído ata as catacumbas e CiU en pleno proceso de implosión e afogamento nun mar de corrupción percibida pola sociedade, Colau era a heroína que a política barcelonesa necesitaba.

Ada Colau nun mitin de ICV, cos que acabaría indo ás eleccións// elperiodico.com
A activista converteuse en alcaldesa grazas a ser a lista máis votada, cunha sopa de siglas como poucas se viron na redonda e a un espazo fragmentado que deixa un Consistorio dificilmente gobernable. Fixo unha campaña dura e fundamentada en que se hai que preocupar do que realmente lle interesa á cidadanía, deixarse de batallas menores e evitar os desmáns propios da vella política. Por iso, dúas das primeiras medidas que tomou foron quitar o busto do Rei do salón de plenos e poñerlle un soldo no partido ao seu marido, que seguramente repercutiron con inmediatez de xeito positivo na calidade de vida da veciñanza. O run run xa funcionaba a pleno rendemento.
Probablemente Ada Colau non será a gobernante máis eficiente da historia nin a mellor a xestora, e seguramente os seus votantes non llo esixirán á hora de rendir contas, pero o que ninguén lle poderá negar é a súa intelixencia política á hora de escoller as batallas a librar. Agardou o momento idóneo para dar o salto, optou por non implicarse nunha campaña para as últimas autonómicas que a puidesen desgastar sen beneficio e a enfrontasen a formacións coas que se ten que entender no seu día a día, e voltou á area para unhas xerais nas que a candidatura que apoiou voltou a ser a máis votada. Deste xeito, Pablo Iglesias xa sabe que aínda que non forme parte do seu partido, se algún día quere facer algo en Catalunya, terá que contar coa alcaldesa, e seguramente facer o que lle pida.
Foto de Portada: El Confidencial