Tabaré Vázquez: diagnóstico dunha vida uruguaia no poder
A ollada dalgunhas persoas pode revelar moitas cousas, moitas historias agochadas tras unha cortina tellida co tempo e o entorno. Como cidadáns de a pé, moitos de nós tivemos a fermosa fortuna de coñecer a homes e mulleres procedentes doutras nacións, compartindo de xeito recíproco as nosas costumes e a nosa forma de ver as pequenas cousas que nos brinda a vida. E por iso, aínda que a meirande parte das veces vexamos aos políticos como unha nave que viaxa moi alonxada de nós, a época e o ambiente tamén repercutiron e repercuten nos seus ideais e, en definitiva, nas súas vidas.
Todos coñecemos a Pepe Mujica e grande parte do tesouro gardado na súa retina, mais que sabemos do seu sucesor na Presidencia de Uruguai, Tabaré Vázquez, o cal xa estivo antes que Mujica no mandato como líder do Frente Amplio? Velaquí un breve diagnóstico da vida do actual Presidente de Uruguai.
Nado no barrio obreiro de La Teja, Tabaré Vázquez tivo unha infancia feliz, mais marcada pola pobreza
É o día dezasete de xaneiro do ano 1940 cando un neno nace co nome de Tabaré no barrio obreiro montevideano de La Teja , unha zona pobre e humilde da capital uruguaia. Criado xunto ós seus outros catro irmáns polos seus pais, Héctor Vázquez e Elena Rosas, cedo sería cando espertarían as desgrazas dentro da súa familia. En 1951, cando Tabaré tiña só once anos de idade, foi testigo da ausencia do seu pai no fogar. Héctor, obreiro na multinacional pública ANCAP- empresa orientada principalmente ao sector do alcohol, do cemento e do carburante- , veríase encarcerado polo conflito sindical de por aquel entón. Ademais, xusto un ano despois Tabaré sufriría a perda dun amigo seu por unha enfermidade pulmonar. Un feito relevante na súa vida debido a que comezou a sufrir unha forte tos días máis tarde, polo que a súa familia preocupouse o suficiente como para poñerse en contacto co médico de familia.
Unha vez descartada a enfermidade que acabou coa vida do seu amigo, Tabaré podía durmir tranquilo. Ese doutor que tanto impacto lle producira con cinco anos era, sen dúbida, un home moi respetado polos seus pais. A impresión que tiña deste médico levaríao a estudar Medicina na Universidad de la República e a tráxica morte do seu pai e dun dos seus irmáns por cancro influirían enormemente na súa especialización en 1972 no campo da Oncoloxía e da Radioterapia. A pesares da querer seguir estudando, Vázquez tería que deixar provisionalmente os libros e poñerse a traballar en mundos como o da carpintería, o dos almacéns e o da construcción. Sería catro anos máis tarde cando recibiría unha beca do goberno de Francia para alimentar as súas ambicións académicas e seguir especializándose no Instituto Gustave Roussy da capital gala.
No seu primeiro mandato houbo desde plans sociais de grande aceptación ata decisións polémicas
Xa a finais de xuño de 1973, a loita entre militares e tupamaros e o golpe de Estado que daría lugar á ditadura propiciarían a suspensión de case calqueira actividade de tipo político nos mozos de por aquel entón e o encarceramento de moitos, como o irmán de Vázquez, Jorge, quen pasaría catorce anos na prisión de La Libertad. En relación coa política, sería no ano 1983 cando Tabaré se integrase no Partido Socialista, sendo elixido Intendente de Montevideo en 1989. A cousa non quedaría na intendencia xa que, tras un intento errado de gañar as eleccións xerais de 1994, non sería ata dez anos despois cando iniciaría o seu posto como presidente; dez anos de espera fóra para rematar por obter cinco anos dentro do mandato(2005 – 2010) e agardar outros cinco anos para regresar. Dentro do mencionado mandato foron moitas as polémicas de Tabaré como presidente: tivo que pedir desculpas publicamente pola súa procura de apoio en George W. Bush por mor das tensións xeradas entre Uruguai e Arxentina-por un problemático caso dunha planta de gas- , as cales chegaron ata tal punto que ata o presidente uruguaio chegou a pensar en que provocaría unha guerra entre ambas nacións. Por outra banda e a gusto do que considere o lector, tamén tiveron especial presenza nos medios a súa postura en contra do aborto, a súa integración en 2010 no Grupo Asesor Rexional do Fondo Monetario Internacional, o Plan Gol al Futuro co fin de que os xogadores xuvenís de balompé estudasen ou o En el país de Varela: Yo sí puedo , un plan iniciado no 2007 para rematar co analfabetismo en adultos no país e que resultou un éxito para as tres mil persoas participantes no correspondente curso.
Poderíamos extendernos máis na súa traxectoria política aínda en contínuo movemento, poderíamos falar da súa desafiliación do Partido Socialista no 2008 e dalgunhas diferenzas ideolóxicas que ten con respecto a Mujica mais pase o que pase no mundo da política e no mundo futbolístico- do que tamén formou parte dun xeito moito máis discreto- ,Tabaré Vázquez ten claro que xamais abandonará a súa verdadeira paixón, a medicina, e iso é algo que non é capaz de esconder a súa mirada, aquela que atopa tanto seguidores coma detractores.