Postureu kantiano
Primeira semana da precampaña eleitoral. Os xefes engraxan a maquinaria propagandística e os candidatos quentan antes da carreira por chegaren primeiros ao Palacio da Moncloa. Actos, xuntanzas, paseos por platós e spots acumúlanse nunha sucesión de exercicios preparatorios para as dúas semanas que a Lei Eleitoral reserva ao convencimento de indecisos e sufrimento de apolíticos e desencantados varios. E tamén debates. En concreto, foi un o que marcou o peche da semana co novo encontro entre Albert Rivera e Pablo Iglesias na universidade Carlos III de Madrid.
Os líderes de Ciudadanos e do Podemos reencontrábanse despois daquela topada televisada por Jordi Évole en Nou Barris da cal o lider do partido laranxa saira triunfante. Pablo Iglesias traía vontade de deixar a contenda a pre aproveitando que xogaba na casa. Non era Somosaguas, mais ningún lugar está libre de se degradar ao seu xeito cando é gobernado prolongadamente por elites liberais e progresistas. Enfin, que todo corría ben, mais como xa se sabe que non só de pan vive o home, un asistente deu en pedir dos candidatos o título dalgunha obra filosófica que tivesen a ben recomendarlle. O podemita escolleu unha que Kant nunca escribira e o ciudadano outra do prusiano que nunca lera. E xa a tiñamos montada: mal acabou o debate, as redes sociais estouraron despois da kantada dos dous políticos.
Porén, se deitarmos un ollar máis serio no episodio, podemos albiscar o retrato último daquilo que chaman nova política. Dous líderes políticos a falar sobre unha cousa que coñecen nada ou pouco por ficaren ben diante do auditorio é a noción da imaxe antes do que a substancia elevada ao paroxismo. É esa maneira de actuar a que fai propagandístico o Pacto Antijihadista antes de ducias de persoas morreren en París, mais un documento de sinatura obrigada despois. É a razón pola cal o importante é cumprirmos incondicionalmente o imperativo moral que nos obriga a recibir refuxiados sirios sen pensarmos moito cal vai ser o seu futuro nun lugar que apenas xera oportunidades para quen as precisa por agora estar aquí.
O predominio da retórica por riba de calquera idea é o proceder que podemos agardar dunha clase política instalada no xesto permanente e coa fixación de saír na foto. É a consecuencia inevitable tamén duns políticos nados en época de escándalos e corruptelas. Obsesionados por se afastaren dos vellos corruptos, toman camiños e direccións que simplemente os levan cara novas formas de deshonestidade para cos cidadáns. Esta semana completamos a transición cara unha sociedade política de consumo, onde o marketing é o importante e o de menos son as políticas e as ideas que as apoian. En definitiva, se antes a muller do César tiña de parecer honrada alén de selo, agora corremos o risco de ela non o ser, mais tornarse en modelo público de virtudes.
A resposta á pregunta enunciada aos líderes dos dous partidos era ben doada e consistía en recoñecer a súa ignorancia sobre unha cuestión irrelevante para o bo goberno dun país. Podían telo adornado lembrando que para Chesterton a filosofía era o opio dos políticos. A fin de contas non é preciso ser un intelectual para ser un bo servidor público, cando menos Iglesias porque Rivera da a sensación de tamén non ter lido nada del. Non precisamos outro Tierno Galván que traduza a Wittgenstein entre pleno e pleno. Tampouco unha Dama de Ferro que leve no bolso tratados de filosofía política e se cartee con filósofos políticos de renome mundial. Ambos, por certo, eran representantes da vella política. A fin de contas, non penso que ninguén negue que ese operario sen estudos chamado Lula da Silva non foi un mal presidente do Brasil para o que podería ter sido.
Obsesionados por se afastaren dos vellos corruptos, toman camiños e direccións que simplemente os levan cara novas formas de deshonestidade para cos cidadáns
O que é preciso na esfera pública, en época de descrédito político, é simplemente humildade e honradez. As contestacións dos dous candidatos son a mostra clara da impostura soberbia, dunha fatal arrogancia que leva os gobernantes a tomaren decisións erradas por crérense máis espertos do que os resto. As respostas de Pablo Iglesias e Albert Rivera non son outra cousa que pequenos exercicios de falsidade que van ser reproducidos a grande escala, así as súas responsabilidades aumenten. Sabendo isto, non son merecentes do noso voto o próximo 20 de decembro e, sobretodo, non o son da confianza daqueles que de boa fe teñen algunha esperanza posta na renovación prometida. A conclusión que debemos extraer do episodio é que a rexeneración política non pasa por novos políticos. A corrupción e as malas prácticas públicas, posteriores á deshonestidade da que fixeron gala Pablo Iglesias e Albert Rivera, non é un problema coxuntural e persoal. É un mal que ten remedio cunha boa dose de ética e, sobretodo, cunha reforma estrutural do sistema político que limite o poder dos políticos e dos gobernos para, precisamente, evitar que estes pasen das palabras aos feitos deshonestos.
O maior paradoxo de toda esta situación é que quen fica como auténtico a carón das dúas novas pombas brancas das Españas é Mariano Rajoy. O Presidente español impórtase pola epistemoloxía kantiana máis ou menos o mesmo que os mais dos españois, isto é, moi pouco. Ou polo menos tanto como dar a cara perante o país que di gobernar no debate televisado do sete de decembro. O home ten un traballo do que gusta de desconectar, como a maioría dos españois, vendo un xogo do seu equipo e comentándoo con quen lle importe. A única diferenza é que el o fai na Cope e co seu cativo que é un lerchán. Ben por el. E se non che gusta non lle votes.