Cara a cara: Debemos asinar a petición para que a USC non teña convenios con universidades israelís?

O conflicto palestino-israelí non é de hoxe. Trátase dun tema complicado, con innumerables aspectos que é necesario ter en conta e que nos queda lonxe. Pero iso non quere dicir que cada un non faga o posible para defender a opinión propia desde esta esquina do mundo e intentar equilibrar a balanza a favor duns ou doutros. Aos estudantes da USC póñennos nun dilema ultimamente. Existe unha petición para eliminar os convenios que a Univesidade ten con cinco centros de educación superior de Israel promovido pola BDS (Campaña de boicote, desinvestimento e sancións). Debemos asinala? En Compostimes enfrontamos a dúas opinóns con argumentos. Por cal te decantas?

A favor de firmar a petición, Paula Fernández Franco

Esta petición lanzada en xuño, leva máis de 1.600 sinaturas do profesorado, PAS e estudantado da USC, e o número non deixa de medrar. Nela pídese rematar a colaboración con 5 universidades israelís que participan na violación do dereito internacional e están íntimamente ligadas ás políticas militaristas de Israel, como demostra unha investigación de BDS Galiza (Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel), dispoñible integramente nun anexo en internet, onde se pode asinar online. A petición está solidamente baseada no Código Ético e os Estatutos da USC. Velaquí algunhas verdades sobre o boicote académico proposto.

A frecuente acusación de antisemitismo é falsa. Un dos principios de BDS é o antirracismo e o boicote non é antisemita. BDS non se dirixe contra o pobo israelí en tanto que xudeu, senón contra Israel en tanto potencia colonial que viola os dereitos do pobo palestino. De feito, persoas xudías e organizacións, por exemplo Jewish Voice for Peace, e mesmo académicos israelís, como Neve Gordon ou Ilan Pappé, chaman a aplicar o boicote académico.

BDS non se dirixe contra o pobo israelí en tanto que xudeu, senón contra Israel en tanto potencia colonial

Cómpre aclarar que non viola a liberdade académica xa que é un boicote institucional, non individual. A USC poderá seguir mantendo relacións co profesorado e estudantado israelí. Posto que non se lle pide á cidadanía israelí que boicotee as súas propias institucións, o profesorado israelí con fondos estatáis pode ser convidado a conferencias.

O boicote é unha medida xusta porque trata precisamente de restaurar a liberdade académica xa que se soamente é desfrutada por un grupo privilexiado non ten sentido. Israel impide que as universidades palestinas poidan ter os dereitos educativos básicos e mesmo chegou a bombardear unha universidade en Gaza en 2014. Desta maneira boicoteamos unha situación desequilibrada.

Esta acción está baseada no dereito internacional e os dereitos humanos. O único obxectivo de BDS é que Israel se cinga ás resolucións da ONU que incumpre dende 1948, rematando a ocupación, as leis discriminatorias e permitindo o retorno dos refuxiados. Cando esas tres premisas se cumpran BDS deixará de existir. E cando as universidades israelís deixen de colaborar co exército israelí e a ocupación, o boicote cesará.

Ademais, é unha medida de presión internacional non violenta e totalmente legal, inspirada no boicote ao apartheid de Suráfrica. Un dos países onde máis éxito ten BDS é precisamente Suráfrica, onde polo seu pasado, compréndese moi ben o sufrimento do pobo palestino. Nelson Mandela dixo unha vez: “Sabemos moi ben que a nosa liberdade é incompleta sen a liberdade do pobo palestino”. Outro Premio Nobel da Paz surafricano, o arzobispo Desmond Tutu, chamou a boicotear a Israel e en especial as súas universidades por ser “unha parte íntima do rexime israelí, por elección propia”.

As directrices cristalinas da campaña parten da maioría da cidadanía palestina, que creou o movemento BDS en 2005 a través de máis de 100 organizacións civís. Calqueira boicote que plantexen as diversas campañas BDS do mundo debe respetar as directrices e estar plenamente xustificado mediante unha investigación exhaustiva, como a de BDS Galiza. Por suposto, apoiar boicotes tácticos e específicos como este non significa automáticamente aceptar ou rexeitar outros boicotes. Debemos avaliar se cada acción está xustificada e se pode ser efectiva.

Durante a última década este demostrou ser unha acción  moi efectiva. Entre os éxitos máis recentes do boicote académico destacan a adhesión da Facultade de Historia da Universitat de València e de máis de 300 académicos de institucións británicas como Oxford ou Cambridge. A principal proba da efectividade é a crecente preocupación do goberno de Israel pola campaña BDS, acusándoa de antisemita e definíndoa como unha “ameaza estratéxica”. O meu consello final como historiadora é que non te conformes co que leas aquí para saber a verdade. Entra na web de BDS Galiza, vai á fonte directa e xúlgao ti.

En contra de firmar a petición, Simón Caaveiro

Ben logo da entrada na Granada musulmá, en 1492, Isabel I de Castela asinaba o Decreto de Alhambra. O documento rexio ordenaba a conversión forzada dos xudeus das coroas castelá e aragonesa ou a súa saída dos territorios dos varios reinos das Coroas en tres meses. Quen desobedecer sería castigado coa pena capital. Así, os monarcas remataron con séculos de vibrante vida e cultura xudía na maior parte da península. Centos de ribadavienses, monfortinos, tudenses ou baioneses deixaron as súas terras e espalláronse polo mundo para non voltar máis a Galicia.

Hoxe, seis séculos despois, o BDS chama a refrendarmos aquel erro histórico cunha decisión semellante. Desta volta as vítimas da discriminación non son galegos de nome hebreu e cultura levantina. O albo é o único país xudeu na comunidade das nacións. Nomeadamente, serían expulsas as súas empresas dos nosos mercados e as súas universidades das redes de coñecemento partilladas con universidades galegas. Con efecto, as implicacións humanas e materiais do propositado boicote a Israel serían hoxe menores daquelas do Decreto de Alhambra. Porén, a inmoralidade deste non palidecería ao lado daquela da decisión rexia.

O BDS quer expulsar os científicos israelitas –e só eles- dos nosos laboratorios, quer impedir que os profesores israelitas –e só eles- pisen as nosas aulas e quer desuniversalizar a nosa universidade rexeitando coñecemento e innovación se esta provén do país xudeu. As razóns para opornos a tal propósito son múltiples, tan numerosas que o espazo para enuncialas se antolla ben reducido.

O boicote é profundamente inxusto, porque se fai coa intención de rematar cunha presenza militar en Xudea e Samaria encanto se ignora que esta apenas é causa dunha agresión xordana en 1967 e se ignoran as tentativas israelitas por rematala en 2000 e 2008. O boicote é descaradamente hipócrita e demostra que non está pola paz mais simplemente por atacar o país do pobo xudeu. Se fose doutra maneira, o BDS instaría primeiro á USC a revisar os seus programas de mobilidade con países de pior histórico cos dereitos humanos do que Israel, como o Iran ou o Iemen, agrupados no programa Erasmus Mundus Marhaba.

Porén é doado sinalar que non é preciso entrarmos en elevadas consideracións morais para rexeitar este boicote. É só preciso ollarmos a cuestión desde un punto de vista utilitario. É útil a acción proposta polo BDS para resolver o conflito árabe-israelí e avanzar a paz? A resposta é claramente negativa. O boicote académico a Israel supón a asunción dunha narrativa sobre o conflito árabe-israelí que responsabiliza a unha das partes encanto apoia acríticamente a causa palestina. Dada a natureza do conflito, a solución do mesmo apenas pode vir do diálogo e o acordo entre as partes, mais que incentivo tería a dialogar a dirixencia palestina se vise que nós e o resto do mundo responsabilizamos de todo a Israel e non os consideramos a eles nen un bocadiño responsables polo sufrimento do seu propio pobo?

 Está na nosa man non repetirmos os erros do pasado cunha decisión máis propia da Granada do século XIV que da Europa do século XXI

Aínda máis, o BDS é un movemento fracasado. Foi fundado en 2005 académicos e profesores palestinos coa idea de esganar Israel desde un punto de vista económico, académico e mesmo deportivo. O espectacular crecimento do PIB israelí desde aquel ano ou a posición de vangarda atinxida polas universidades israelitas é proba palmaria de que o BDS é inútil. Non sería un bo negocio para nós facermos caso deste movimiento frustrado e pechar as portas da nosa universidade a algunhas das institucións de ensino máis relevantes do mundo en materia médica ou tecnolóxica. Para tal movemento é lóxico pedir moito máis que simplemente alegar que tales universidades colaboran coa ocupación porque dan facilidades para estudar aos estudantes que teñen que cumprir un servizo militar obrigatorio nun país odiado polo seus veciños e ameazado por Irán, con quen non temos problemas facer tratos.

A semana pasada a Corte Suprema da República Francesa sentenzou que as accións do BDS promoven a “discriminación e o odio nacional, racial e relixioso”. A USC non debe apoiar tal boicote académico como persoa decente ningunha debería apoiar o movemento BDS. A acción proposta por tal colectivo non é útil para nós nin para palestinos ou israelitas porque non axuda a resolver o conflito. Está na nosa man non repetirmos os erros do pasado cunha decisión máis propia da Granada do século XIV que da Europa do século XXI.