A “sopa de siglas” dun galeguismo dividido
Non haberá unha lista única de partidos galeguistas nas vindeiras eleccións xerais. As principais forzas nacionalistas, Anova e BNG, acudirán en dous conglomerados diferentes: En Marea e Nós – Candidatura Galega.
O fenómeno das mareas cidadás triunfou no pasado 24M en varias localidades galegas, destacando a obtención do poder nos concellos de A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela. Foi entón cando comezou forxarse a idea de formar unha fronte común, representante da esquerda galeguista e da participación cidadá, cara ás eleccións xerais do vinte de decembro. A primeira pedra na construción deste proxecto de unidade puxérona o pasado verán dúas organizacións asemblearias xurdidas de movementos sociais: Encontro Cidadán por unha Marea Galega e Iniciativa pola Unión (IxU). Comezaba medrar un proxecto solicitado pola meirande parte do nacionalismo galego.

A coalición encabezada por Anova, EU e Podemos preséntase coma unha “Marea Galega polo cambio e a ruptura democrática” | ©Europa Press.
Porén, para levar o proxecto adiante precisábase un acordo entre as principais forzas políticas do galeguismo, o BNG e Anova, esta última nada coma unha escisión do Bloque hai tres anos. Non ía resultar doado que ámbolos dous grupos confluísen nun conxunto común debido ás súas discrepancias, o que xa se vira reflectido nunhas eleccións municipais nas que o BNG se mantivo á marxe das mareas e, excepto en Pontevedra, foi un dos grandes partidos derrotados. Non obstante, a falta de cooperación estivo presente tamén no diálogo entre as plataformas Encontro e IxU, xa que o primeiro grupo rexeitou a proposta de unión de Iniciativa por considerar que “non se dan as circunstancias para falar de confluencia entre as dúas plataformas”.
As diferenzas entre os grupos residen, principalmente, nunhas preferencias políticas diferentes. A coalición liderada por Encontro, Anova – Irmandade Nacionalista, Esquerda Unida, Podemos Galiza e varios integrantes das ‘mareas’ municipais defende, por riba de todo, os ideais da ‘esquerda rupturista’ e preséntase coma unha “Marea Galega polo cambio e a ruptura democrática”. Pola súa banda, ‘Nós – Candidatura Galega’ antepón o nacionalismo e a soberanía galega e está integrada principalmente por partidos políticos coma BNG, Coalición Galega, Compromiso por Galicia, Partido Galeguista, Agora Galiza, PCPG, Terra Galega ou FOGA, alén do foro Iniciativa pola Unión.
Xavier Vence: “O fracaso da confluencia é culpa de quen se supeditou ós intereses de Podemos”
Aquí sucede o de sempre, os uns botan as culpas ós outros. Mentres Beiras acusaba ó BNG de querer ter un excesivo protagonismo, o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, culpaba a Anova de ser o principal causante do fracaso dunha lista unitaria por “supeditar a candidatura ós intereses de Podemos, que actuou con arrogancia”. De feito, o partido de Pablo Iglesias impuxo dúas condicións nun principio irrevogábeis para a súa confluencia en Galiza: a non celebración de eleccións primarias –o cal contrasta cos intereses fundamentais do Encontro de acadar unha maior participación cidadá en todo o proceso–. Con todo, a formación morada cedeu e, finalmente, celebráronse primarias a través de candidaturas pechadas formadas por integrantes das forzas pertencentes á Marea. A outra condición era a aparición da ‘marca Podemos’ na candidatura, polo menos na papeleta, aínda que o nome rexistrado na Xunta Electoral Central será finalmente En Marea. Entre os principios ideolóxicos desta confluencia atópase recollida a defensa dos dereitos colectivos dos pobos, “especialmente o dereito á autodeterminación e á libre decisión”, así coma o laicismo. Así e todo, os tres partidos principais da coalición repartiron xa os candidatos de cada formación para cada unha das provincias atlánticas: Anova encabezará Pontevedra e o segundo lugar será para Podemos, mentres que o grupo morado elixirá ó cabeza de lista da Coruña, seguido de EU. Ademais, o primeiro voceiro no Congreso sería elixido por Anova.

A alternativa galeguista a ‘En Marea’ é ‘Nós – Candidatura Galega’, coalición impulsada polo BNG | ©Europa Press.
Ante estes mandatos, varias forzas políticas alén do BNG propuxéronse abandonar o proxecto. Equo Galiza e Cerna, integrantes de AGE no parlamento galego, optaron por non formar parte da candidatura unitaria e, pola súa banda, o Espazo Ecosocialista Galego apoiará a coalición pero sen participar nela. Incluso o propio Encontro dubidou da súa continuidade no proxecto, aínda que finalmente todo parece indicar que integrarán dita lista electoral.
A esquerda rupturista galega precisaría, para obter representación parlamentaria, dun mínimo do 15% dos sufraxios naquelas circunscricións onde se presentase a candidatura ou ben o 5% dos votos totais a nivel de España. Ademais, sería necesario acadar polo menos cinco escanos para constituír un grupo propio e, no caso de non conseguilos, formar un grupo mixto xunto a outras forzas políticas pero mantendo a súa marca propia como xa fixera o BNG nas anteriores eleccións. Así e todo, a presenza de Podemos Galiza na ‘Marea’ engade outro inconveniente. O Regulamento do Congreso dos Deputados non contempla a posibilidade de que haxa máis dun grupo parlamentario constituído por deputados do mesmo partido. Xa que logo, en caso de gañar algún escano nas eleccións, a candidatura galega tería que elixir entre as dúas únicas opcións posíbeis: unirse ó resto dos deputados de Podemos baixo a denominación oficial do partido de Pablo Iglesias ou ben constituír un Grupo Parlamentario Mixto xunto con outras forzas para sumar os cinco escanos precisados e contar con representación no Congreso.
Pola súa banda, Nós – Candidatura Galega non tería ese problema para garanti-la súa presenza no Congreso, xa que consiste nunha unión de forzas políticas rexionais e galeguistas, no canto de prevalece-los movementos de esquerdas coma pasou no caso da Marea. Deste xeito, o Bloque tenta pór fin a unha fonda crise que vén de moi lonxe e que avanza a un paso moi rápido como xa se veu nas pasadas eleccións municipais en que foi un dos principais damnificados. Nesta lista unitaria prevalecerán os intereses do BNG, xa que a meirande parte dos candidatos presentados ás primarias de IxU pertencen ó partido de Xavier Vence. O cambio de rumbo é claro: téntase crear, a diferenza de Anova, unha confluencia de forzas preferentemente afíns ó nacionalismo e o soberanismo galego. O voceiro nacional do partido defende que o seu é “o único programa e a única candidatura netamente galega que se decide polos galegos e galegas, centrada integramente na defensa deste país. É a candidatura galega 100%, representa o BNG e moito máis, outras forzas políticas e, sobre todo, a cidadanía que quere unha voz potente en Madrid, que defenda Galiza por riba de todo”. En alusión á formación de En Marea, incide en que Nós é a verdadeira “representación xenuína de Galiza, sen candidatos, anagramas nin programas impostos desde as forzas estatais”.
En definitiva, a esquerda galega volverá sufrir un dos grandes problemas que historicamente acompañou ós movementos de esquerda de todo o mundo: a fragmentación fronte a unha dereita ben organizada ou, neste caso, os principais partidos estatais. A falta dunha confluencia vai provocar que o electorado galeguista teña que elixir entre a esquerda máis rupturista de ‘En Marea’ e o nacionalismo propiamente dito que propón ‘Nós – Candidatura Galega’. Xa que logo, terá lugar unha batalla particular entre Anova e o BNG da que probabelmente ambas forzas sairán derrotadas pola falta de unidade. Unhas pequenas discrepancias entre os dirixentes dos dous principais partidos galegos botaron por terra unha hipotética confluencia que podería ter axudado a lograr unha representación de grande importancia do movemento galeguista no Congreso e o Senado. Pero non puido ser, unha mágoa.