Principios? Para que?
Hai xa varios anos que me fascina a canción-performance Qualcuno era comunista de Giorgio Gaber. E fascíname porque me parece unha das mellores revisións que escoitei nunca dos motivos polos que un pode acollerse a unha ideoloxía determinada. Esta semana volveume a cabeza unha das súas moitas frases brillantes, aquela de que “algún era comunista por moda, algún por principios e algún por frustración”. Acordeime fundamentalmente por esta magnífica entrevista que lle fan a Pablo Iglesias en JotDown e, concretamente (para que nos imos enganar), polo seu titular.
Asegura Coleta Morada que, pese a que el se segue considerando marxista-leninista, é consciente de que as cousas non se cambian cos principios. Asaltado pola sorpresa, comezo a facerme preguntas inxenuas: Entón como se cambian? Isto da política non iba de aplicar un programa de goberno baseado nuns principios que á xente lle gustan e por iso che votan?
Desas dúas empezan a sairme respostas como que realmente non importan os principios, senón conseguir o poder; se os teus principios non son maioritarios, sempre podes cambialos para que conseguir algún votiño extra; ou, a ideoloxía non conta, total cando empezan a pisar moqueta todos teñen que facer o mesmo. Pero calquera das tres respostas me soan moito a vella política, non a “Cambio”, nin a “Pueblo”.
Quizá sexa bo momento para comezar a lembrar que Podemos se conformou ao abeiro da estrutura territorial dun partido que se chamaba Izquierda Anticapitalista, e cuestionarse para cando escoitemos dicir ao seu líder que “queremos ser un instrumento útil para la gente que no es de izquierdas” se un partido cuxos cadros de mando están copados por comunistas pode ser “transversal” ou “ocupar la centralidad”.
Mentres tanto, ao tempo que a caída libre nas enquisas se consuma, alguén lles podería ir dicindo que non volvan acceder a facerse entrevistas mutuas Iglesias-Monedero porque, salvo para os moi fans, dá unha impresión de conversa entre politólogos cuñaos ríndose do raro da facultade (a saber: Eduardo Inda) que queda moi rara en cámara.