Epílogo (a vuelapluma): o día despois de ‘Copacabana’
Aínda me tremen as mans. Máncame a claridade. Estou como entumecido. Non pensedes que é cousa do alcohol, non serei eu quen ouse sementar a discordia no calculado tetris das espirituosas botellas irisadas da sala Capitol. E menos nesta ocasión, cando o proscenio acollía un fabuloso espectáculo de luces, sombras e música; matizo: boa música. Debeu de ser iso o que me sentou mal: o meu corpo non estaba afeito a un show de tal calibre. Agora ben, tendo en conta que Mikel, o vocalista de Izal, empregou ‘Alicante’ para apelar ó auditorio santiagués, comecei a sospeitar que non era o único que presentaba síntomas estraños. Máis salientable que este feito, se cabe, foi a maneira en que o público, facendo gala da retranca galega, chegou a corear o nome da cidade alacantina cun notable senso do humor.
Despachada a anécdota falemos da cerna do concerto. As pausas foron mínimas, unhas cancións foron engarzándose con outras, de tal xeito que non houbo momento para que os pés permanecesen quedos no chan. O demoledor despegue do tríade ‘Copacabana’-‘Asuntos delicados’-‘Hambre’ liberou ós asistentes de calquera preguiza para arrancarse a bailar e entoar os temas. Algúns destes últimos experimentaron variacións e cambios de ritmo co gallo de axeitarse e brillar na performance do directo. Tamén asomou un bonus track non previsto: un anaco de ‘Extraño regalo’.
Pero o concerto aínda deu para máis. O grupo madrileño ata se permitiu incorporar, mediante un efecto de son, un célebre diálogo de ‘Lo que el viento se llevó’, cando Clark Gable remata por dicir aquilo de “francamente, querida, me importa un bledo” como preludio dun dos novos cortes de ‘Copacabana’: ‘Hacia el norte’. E o benquerido ukelele volveu para lembrarnos éxitos de outrora como ‘Tu continente’, ‘Agujeros de gusano’ e ‘Qué bien’. A enigmática muller sempre vestida de verde esperanza foi quen nos deu o “ata pronto”, pechando unha noite épica. Sábese que un par de horas despois do concerto os integrantes de Izal se deixaron caer por un dos bares máis coñecidos da Virxe da Cerca. Agardo que, vós lectores, gozarades dese pracer do encontro inesperado, como din eles: “siempre fue mejor lo no buscado”.
P.D. O punto final deste insanio e apertado ciclo izalista serán unhas verbas de agradecemento a un home (de fino padal para a música) que nos agasalla non con simples fotografías, senón con instantes plenos de maxia e pracer (non en van comparte o alcume co mellor retratista da historia da pintura). Grazas, ‘Rafael’.
Fotografía de portada: © Víctor Rodríguez