As fronteiras da democracia
A noite facíase longa para a multitude reunida no Palacio de Congresos de Montreal. A ilusión polos primeiros resultados tornárase devagar nunha angustiosa incerteza e, finalmente, na tristeza que sobrevira á evidencia dunha nova derrota. O ambiente era xélido, a decepción pesaba tanto canto o cansazo e había tempo que as fleurdelisés deixaran de danzar ao son dos cantos do pobo soñador. Foi entón que apareceu o home polo que todos agardaban. Jacques Parizeau compareceu decidido a falar para a nación congregada. As palabras do seu discurso arroutado naquel serán de pesadume irían escreber unha páxina propia na historia, despois de asegurar que os francófonos do Canadá foran vencidos polo diñeiro e polos votos étnicos no seu empeño de se dotaren dun país de seu.
Hoxe hai vinte anos daquel outono de 1995 no que sesenta mil votos separaron ao Quebec da liberdade nacional. O protagonista maior, o Primeiro Ministro Parizeau, finou hai pouco máis de tres meses. No entanto, a herdanza histórica do home e do momento vai alén do discurso inflamado e do saudosismo polo que puido ser. O referéndum de independencia do Québec de 1995 –sucesor do realizado en 1980- supuxo un ponto de inflexión nos procesos de autodeterminación das diferentes nacións sen estado de Occidente e encetou unha nova expansión da democracia.
Ben logo da derrota independentista, en 2000, o Parlamento canadense aprobou como resposta a Clarity Act. O texto, previo debate doutrinal e consulta á Corte Suprema, estabeleceu as condicións so as cales o goberno canadense entraría en negociacións que poidan levar á independencia dunha parte do seu territorio. Elas poden ser resumidas en tres: a existencia da dunha pregunta clara sobre a separación, a concorrencia dunha maioria clara no seu favor e a interdición dunha secesión unilateral. A Clarity Act do ano 2000 é hoxe un paradigma citado e louvado en todos os debates sobre constitucionalismo e secesión. Porén, o menos importante da norma é o seu contido. A relevancia da Loi de Clarification ten a ver con ela ser o primeiro mecanismo democrático e legal polo que un estado moderno admite a división do seu territorio e a separación dunha parte integrante do mesmo. A Lei de Claridade é revulsiva porque democratiza as fronteiras do Canadá, e este é un feito excepcional.
Os sistemas constitucionais da Europa continental de hoxe estabelecen estados democráticos cun réxime de liberdades mais ou menos amplo. Porén, esta democracia remata na fronteira e os dereitos e liberdades só se entenden no seo das mesmas. Ou, noutras palabras: hoxe a maioría dos europeus poden elixir os seus representantes na comunidade política e mais non escoller a comunidade política onde queren ser representados. O paradoxo é ben evidente dado que se os dereitos e liberdades son exercidos en relación con esa comunidade política, portanto, ela é previa aos mesmos, máis básica, e no entanto a capacidade de decisión sobre a mesma élle substraída aos cidadáns pola maioría dos sistemas constitucionais vixentes. Se considerarmos que esas liñas que dividen os estados e nacións do mundo están marcadas en mapas polos designios de dinastías vellas e caprichosas, no mellor dos casos, e polo sangue de innúmeros caídos en toda sorte de conflitos e guerras, no pior, entón a súa condición de becerro sagrado é aínda menos xustificable.
A Lei de Claridade é revulsiva porque democratiza as fronteiras do Canadá, e este é un feito excepcional
Nas Españas, esta realidade é aínda máis evidente. O artigo segundo da Constitución española dispón que o texto constitucional se fundamenta na indisolúbel unidade de España, patria común e indivisíbel de todos os españois. No artigo oitavo, sen par no resto de constitucións europeas e refugallo do corpus normativo da ditadura franquista que chega até os nosos días, as Forzas Armadas fican como garantía desa integridade, precepto que algunhas interpretacións lembran non so aos inimigos externos de España mais tamén aos internos. Inmutabilidade pola forza das armas.

O Tenente Xeneral Mena amazou en 2006 coa intervención das FA na Cataluña caso da aprobación estatutaria.
Vista a situación na Cataluña, onde os comicios plebiscitarios do 27S non deron nun resultado claro, e tomados en conta os atávicos problemas de encaixe territorial das diferentes Españas, non fai sentido ningún continuar con este estado de cousas. Algúns comentaristas sinalan que as eleccións do 20D poden dar paso a unha reforma constitucional certamente urxente. Nese escenario sería desexable que a reforma se producir no sentido de estabelecer un mecanismo semellante ao da Lei da Claridade na constitución española que permitise unha resolución pacífica e estábel deste tipo de desputas. Unha reforma constitucional que democratice as fronteiras de España.
Lamentablemente, semella que o nacionalismo español de PP, PSOE e C’s non vai alén dun inmobilismo político como a súa cultura legal non ultrapasa un positivismo xurídico que leva á xa asentada e torpe tradición española de resolver meros problemas políticos pola vía do Código Penal. O Podemos, polo seu lado, divídese entre un patrioteirismo rancio e nostálxico de 1931 e un ambíguo dereito a decidilo todo que moi probablemente remate nun dereito a non decidir nada. Sendo isto así, semella que serán os partidos da periferia os que terán que loitar unha vez máis contra a España excluínte do centro, tal e como no Canadá Jacques Parizeau e o pobo do Quebec se bateu co establishment federalista para acadar as que hoxe no Canadá son as fronteiras da democracia. Mais por encanto esa batalla non comeza só podemos dicir: merci bien, Monsieur Parizeau.
Caricatura: ©Loiro