A orixe da resistencia: o Partido dos Traballadores de Kurdistán
Actualmente, a información nos medios de comunicación adoita ser algo así como unha cebola: chea e rechea de capas, unha tras outra, mais o que remata por ser o máis top é aquela historia que nos pretende facer chorar. Neste artigo o único que van chorar son os caracteres nunha historia que cómpre saber polo que está a acontecer agora en Kurdistán: a da orixe do Partido dos Traballadores(PKK).
Coa morte de Karer, Abdullah Öcalan púxose mans á obra para fundar o PKK
No ano 1973, namentres o Estado español levaba desde 1936 en mans de Franco, en Kurdistán comezaba a dar os seus primeiros pasos o PKK, un partido de ideoloxía marxista e independentista, para facer fronte á invasión turca completada no 1938; unha ocupación que provocou entre outras cousas a prohibición da lingua kurda. Pero o líder do PKK, Abdullah Öcalan, tíñao ben claro. Tras realizar algúns estudos intensivos sobre a situación da súa terra e participar na Unión de Estudantes de Ankara(Ayod), considerou que dentro de Turquía existía outra nación: a kurda. Isto repercutiu enormemente no pensamento do resto dos estudantes, xurdindo desta forma un movemento de propaganda antifascista co ortodoxo método oral. Así pois, as ideas dos estudantes antifas tiveron un impacto enorme na clase obreira kurda, tanto que a policía segreda (MIT) tiña como obxectivo asasinar a todos os líderes do grupo ideolóxico que remataría por ser o PKK, o cal gañou forza e perdeu medo a pesares de que o MIT rematase coa vida dun dos camaradas máis determinantes de Öcalan: Hakki Karer. Coa morte de Karer, Abdullah Öcalan púxose mans á obra para fundar o PKK. Sería a publicación do manifesto denominado O camiño para a emancipación kurda a orixe do Partido dos Traballadores de Kurdistán.
Turquía non deu alternativa á loita armada
A influenza dos revolucionarios que abogaban pola independencia do Kurdistán foi tal nos sectores máis explotados da poboación que os terratenentes e o goberno turco optaron pola vía máis violenta ó ver cómo perdían o seu poder progresivamente. Exemplo disto atopámolo nos ataques de tipo militar por parte do goberno de Turquía ou no asasinato de Halil Cavus, un dos líderes do movemento kurdo, por parte dunha banda controlada polos terratenentes. Polo tanto, Turquía non deu alternativa á loita armada. É por iso polo que se formou a mediados de agosto de 1984 o brazo armado do PKK: as Forzas de Defensa Popular. A negativa turca de lexitimar un proceso de independencia pacífico por parte dos kurdos trouxo consigo unha guerra na que morreron máis de trinta mil persoas entre ese ano e o 2003.
O PKK comezou a cuestionarse o uso da violencia
Aínda que o socialismo combativo contribuíu á evolución independentista de Kurdistán, o PKK comezou a cuestionarse a comezos do actual milenio o uso da violencia, polo que xurdiu un pensamento confederalista democrático liderado pola Confederación dos Pobos do Kurdistán(KCK) co propósito de garantir unha autonomía notoria ós Estados membros da nación(Turquía, Irak, Siria e Irán). De feito, Abdullah Öcalan, en cadea perpetua en Turquía por cargos de terrorismo e separatismo armado desde finais dos noventa, chegou a pedirlle fai case dez anos ó PKK que deixara as armas agás que estivesen ameazados por unha destrucción total e absoluta; unhas palabras moi significativas dun líder supostamente envelenado con substancias radioactivas a comezos do 2007, mais aínda en pé.
Hoxe en día, os homes e mulleres kurdos están a ter un papel máis que determinante na loita contra o ISIS. A cuestión é: tería o pobo kurdo a mesma combatividade sen a existencia do PKK? E algo aínda máis importante: temos que chorar ou non?