Abel Lage, produtor agrícola: “O cultivo da batata supón unha menor contaminación que o da patata”
Necesítase unha temperatura de cocción duns 20º e uns cantos litros de auga para obter unha receita triunfal e a Costa da Morte parece ser a cociña ideal para levar a cabo esta complexa elaboración. A pesar de que o ingrediente principal é totalmente comestible non estamos a falar de ningún tipo de menú estrela que revolucionará — máis se cabe— a gastronomía do noroeste de Galicia. A protagonista deste artigo, das portadas de xornais a longo prazo e de máis de duas mil hectáreas ao longo da xeografía desta zona da nosa comunidade é a batata.
Este tubérculo comestible, coñecido cientificamente como Ipomea Batata, que ten a súa orixe nos trópicos de Sudamérica e América Central e que se propagou como pólvora ao longo e ancho de toda a xeografía terrestre co fin de erradicar a fame chega a Galicia acompañado dunha inversión de trescentos millóns de euros. A súa finalidade: obter bioetanol a partir da planta da batata. Abel Lage, produtor agrícola do proxecto impulsado pola empresa Termo – Biológicas financiado con capital americano e mexicano, explica o proceso que se vai seguir para o cultivo e tratamento da batata no que, segundo el, teñen bastante liberdade de actuación tendo sempre en conta as directrices xerais marcadas pola compañía pioneira. Os ingredientes da receita están claros.
A base do cultivo será un solo fabricado con substratos para poder adaptalo ás necesidades de desenvolvemento da planta. Poderíase utilizar terra corrente máis esta non pode ser modificada e os resultados tardarían máis en obterse e non serían tan prometedores. Unha vez sementadas, os boniatos veranse sometidos día e noite á influencia de lámpadas de fotoperiodo para que exista unha continua fotosíntese. O vexetal estará en constante desenvolvemento, sen descanso. E tan minucioso coidado necesita moito persoal que o atenda. Estímase que por cada hectárea precisaranse catro traballadores e o proxecto en total pretende abarcar unhas duas mil hectáreas. Baixo estas condicións, aproximase que cada viveiro debe realizar seis colleitas anuais, o que supón a recolecta da planta cada dous meses.
Abel insiste en que o gran consumo de auga do que dende un primeiro momento alertaban os medios de comunicación non será tal posto que toda ela se reutilizará
A primeira fase xa está completa. Agora chega o momento de emplatar. Para unha correcta presentación a batata debe ser previamente moída, mesturada con auga e fermentada cunha bacteria para poder obter os produtos finais: gasolinas de alto octanaxe — que se servirán a avións especiais—, alcois industriais e gasóleo que o propio proxecto utilizará como combustible.
Abel insiste en que o gran consumo de auga do que dende un primeiro momento alertaban os medios de comunicación non será tal posto que toda ela se reutilizará. Segundo o produtor agrícola o que se necesita non é tanto un gran consumo como unha balsa de auga potente. Non obstante, moitas organizacións medioambientais manifestan o seu escepticismo— a nivel xeral, non específicamente co futuro proxecto que se realizará na Costa da Morte— en relación ao bioetanol como unha alternativa fronte combustibles fósiles posto que din que a comercialización da suposta alternativa “limpa” requiriría unha maior utilización das enerxías non renovables. Ante isto, Abel Lage reafírmase dicindo que a Unión Europea insiste en que se non se cumpre o mínimo de produción de biocombustible os países membros terán que pagar a correspondente penalización. Segundo el, é negocio.
Fotografía de portada: latroja.coecoceiba.org