Jorge Suárez: “No naval hai voitres dispostos a convertir o público en privado”

O reloxo da Praza de Armas marca as once e cuarto cando Jorge Suárez, novo alcalde de Ferrol, aparece fumando un cigarro. Este militante de Esquerda Unida pasou en pouco tempo tres veces polas urnas. E en todas as ocasións aprobou este exame democrático. Primeiro gañou o posto de líder de Esquerda Unida de Ferrol; despois, na confluencia con outros partidos que desembocou en Ferrol en Común, tamén saíu elixido; e a última das citas foi o 24 de maio cando logrou sacar os concelleiros necesarios para gobernar nunha coalición de esquerdas. Os seus socios potenciais eran Beatriz Sestayo (PSOE) e Iván Rivas (BNG), pero só a primeira se vai apuntar a un goberno en coalición.

Decidimos tomar un café e charlar na terraza dunha rúa paralela ao Concello. Suárez danos corenta e cinco minutos para expor as nosas cuestións. Todo un privilexio nestes días tan ocupados: “Ás doce teño outro compromiso”. Pide un café ben cargado e apura o cigarro. Nós dispoñémonos a preguntar. Pero, tamén se animan a expoñer as súas preguntas varias cidadás que pasan por alí. Ata en tres ocasións interrompemos a conversa para atender as peticións e comentarios do público que pasa. Foron tres voces femininas as que non dubidaron en pedir resposta ás preguntas que lles quitan o sono; desafiuzamentos, desemprego e desesperación. “Si dices que vas a ser cercano este es el precio a pagar” advirte unha delas. Parece que, antes de tomar posesión Jorge Suárez xa se enfronta ó escrutinio cidadán. O novo alcalde responde con seguridade e calma sen que ningunha pregunta logre alterar o seu ton sereno. Aquí a valoración destes meses e o futuro que Jorge Suárez soña para un Ferrol que moitos ven derrotado.

Ⓒ Marta R. Suárez

Ⓒ Marta R. Suárez

A unidade popular

Ti militas en Esquerda Unida, un partido vencellado a unha tradición e podemos dicir que vello. Crees que é xusto que un membro de EU encabece unha candiatura popular coma Ferrol en Común?

Eu creo que o moderno non ten por que ser sempre novo. Estou moi orgulloso de ser militante de Esquerda Unida, como Martiño Noriega é militante de Anova, outro partido ao uso. Nós non temos nada que ver cos partidos tradicionais no sentido de que Esquerda Unida se autodefine como movemento político-social. Nós cremos que é un momento de xenerosidade, e por iso renunciamos ás nosas siglas. Vou ser alcalde de Ferrol en Común e non de Esquerda Unida.

Creo que criminalizar a todos os partidos políticos por igual é un erro. Eu reivindico sempre, e sobre todo nesta cidade, a loita obreira, a loita política que se deu desde antes da Transición. Iso foi relevante para que Ferrol colaborara neste modelo de democracia, que ten moitas eivas, pero que a pesar de todo fainos sentir orgullosos da xente que nos 60 e 70 militou no partido comunista e nos grandes sindicatos.

De cara ás autonómicas, cres que é posible unha marea galega que chegue á Xunta?

É un proceso que ten que darse con sentidiño como din por aí na Coruña (ri). Non podemos errar, é unha oportunidade única de que a democracia por fin se implante nun sistema político que a ten moi desvalorizada. Ferrol en Común xa tivo este debate nunha asemblea aberta e todo o mundo está para aportar. Dende aquí o noso gran de area para que esa marea teña lugar. Se ben Santiago, Coruña e Ferrol han ser parapetos contra o sistema, o que non nos interesa é crear un escudo. O obxectivo é cambiar o sistema por completo e que as candidaturas de unidade popular vaian crecendo. Eu milito nun partido político e creo que é o momento de que os nosos intereses particulares queden a un lado para poñernos do lado da cidadanía todos por igual: Podemos, BNG, Ferrol en Común… Creo que todos queremos estar incluídos e deixar a un lado a nosa marca para estar centrados no cambio de sistema.

“Se ben Santiago, Coruña e Ferrol han ser parapetos contra o sistema, o que non nos interesa é crear un escudo”.

 

En caso de que se produza un acercamento do PSdG cara estes movementos, verías posible a integración deste na marea autonómica?

(Resopla e ri) A condición aquí para pactar co PSOE foi un programa político concreto que se fará público nestes días. Houbo cesións, pero o programa é un programa radical de cambio e centrado nas persoas. Para que o PSdG entre nunha marea moito terían que rectificar a nivel nacional e estatal. Eu non podo deixar pasar que o PSOE foi cómplice desa reforma da Constitución que antepón o pago da débeda ó do gasto social. Polo tanto, ten que facer un cambio de rumbo moi importante para poder sentirse parte desta unidade popular porque creo que é un artefacto político que se move moi lento, cunhas rodas de engrenaxe medio oxidadas e vai ser moi complicado. Eu sei que hai una parte das bases do PSOE que está reclamando ese cambio, pero realmente o teñen moi difícil…

Podemos amosouse contrario á proposta de Alberto Garzón de renunciar ás súas siglas. Cres que haberá máis partidos que si renuncien ao seu nome?

Podemos fixo a súa manifestación ao respecto e aínda queda moito camiño por percorrer. Pero hai que ser responsable e ter altura de miras. O papel de Podemos vai ser moi importante, pero ningunha forza política debería capitalizar isto se realmente queremos que triunfe, e así o amosaron os datos das eleccións.

O domingo pasado veu por Coruña Vicenç Navarro, un politólogo que está a sonar moito, e falou con Xulio Ferreiro e Martiño Noriega. Díxolle que o que máis temen as elites das candidaturas populares é que piden cousas realistas e non revolucións utópicas. Cales son as elites que atoparedes en contra aquí en Ferrol?

Por desgraza en Ferrol as elites son moitas. Nesta cidade a situación de crise está elevada ao seu máximo expoñente. Temos a taxa récord de tódalas cifras negativas: paro, pobreza, perda de poboación… Por outra banda, moitos dos servizos públicos están privatizados: o lixo, o auga; e tamén servizos menores como o socorrismo, a axuda no fogar… Principalmente esas elites son as grandes multinacionais, que son as que detentan o poder de facto nesta cidade. Falo en particular de Florentino Pérez, dono do grupo empresarial onde están Urbaser (empresa que se encarga da recollida de residuos) e Clece (encargada da axuda a domicilio), que son as aves rapiña dos grandes servizos públicos da cidade.  Por outra banda, no sector naval tamén hai voitres que andan planeando convertir o público en privado coa colaboración implícita do goberno central, que está deixando morrer estes estaleiros. Non temos carga de traballo e non incrementa a plantilla por falta de vontade política.

“Estou moi orgulloso de ser militante de Esquerda Unida, como Martiño Noriega é militante de Anova”.

Despois hai outras elites que son ben diferentes. Ferrol sempre estivo moi polarizado: por un lado os militares e eclesiásticos e, polo outro, o Ferrol da loita obreira. Eu creo que a situación ten que normalizarse. Agora mesmo xa non somos cidade departamental. Temos que facer un goberno onde todo o mundo se sinta representado, sen facer grandes alardes a esas clases sociais. Queremos que todos sexan iguais poñendo en marcha a redistribución e a xustiza social.

O Ferrol que vén

subvención ás Cofradías de Semana Santa foi un tema polémico estes días. Esta cuestión polariza á cidadanía. Tendo en conta que no voso programa levades o compromiso de facer consultas cidadás, por que non consultar aos ferroláns se queren subvencionar ás cofradías?

Neste caso xerouse un debate artificial. Esa declaración é un corte de cinco segundos dunha entrevista moi longa. Con iso fíxose unha gran noticia, un gran titular. Non digo que haxa interese mediático, pero ás veces estas noticias rechamantes, en lugar de centrarse no prioritario, céntranse no anecdótico. Hai que pular pola normalidade democrática. Somos un estado laico e aconfesional e nesta circunstancia non ten nada de extraño que non se subvencione unha actividade relixiosa. Algunha fonte interesada tamén di que queremos prohibir a Semana Santa ou que non imos apoiar ese evento. Nós imos recoñecer o seu interese e apoialo a través doutras actividades que fomenten o turismo. Pero cremos que a Igrexa ten grandes beneficios fiscais e fondos máis que suficientes para financiar o evento. Tampouco quero incidir neste tema, aínda quedan moitos meses e xa veremos como se desenvolve todo. Considero que hai asuntos que non merecen consulta porque forman parte da normalidade democrática. Se somos laicos temos que ser consecuentes con esa decisión. Calquera actividade relixiosa, sexa da Igrexa Católica o doutra, estou completamente en contra de que sexa financiada polo Estado.

Vai o dique flotante a reconfortar a ese Ferrol naval que se sinte derrotado? Volveremos aos niveles de emprego do pasado nalgún momento?

O naval non está así de mal nin por cuestión de azar nin diso que chaman “crise”. En países como Holanda ou Dinamarca, con salarios moito máis elevados que os nosos, están a plena ocupación. O sector naval público pagou un prezo moi alto dende a entrada na Unión Europea. O dique flotante non é unha solución definitiva, pero axudaría a paliar a situación actual. Daría case mil postos de traballo para case dous anos e permitiría a reparación dos estaleiros. O que falta de verdade e se escapa das nosas mans é un plan estratéxico de futuro que contemple que se fagan barcos que a Armada xa ten demandado así como que se diversifique a produción. Nada disto se fixo, e todo para que multinacionais se fagan con eses “terreos ociosos” como di Feijoo (ri).

“O naval non está así de mal nin por cuestión de azar nin diso que chaman “crise”.

Ⓒ Marta R. Suárez

Ⓒ Marta R. Suárez

Ferrol ostenta o dubidoso honor de ser a cidade co transporte público máis caro das grandes cidades galegas. Ides poñer en marcha algunha medida para mellorar o servizo?

Non é só o máis caro, tamén é dos máis deficitarios. A gran maioría dos barrios non ten conexión cos servizos de residencias nin conexión entre si. Trátase dunha acción prioritaria que pasa por reverter ese servizo que prestan Monbus e Tranvías de Ferrol atendendo aos seus beneficios máis que aos do interese público. Dende o Concello queremos renovar todas as liñas para dar satisfacción a todos os barrios e á poboación envellecida que temos. A nosa proposta é unha rede circular, que aínda que sabemos que non é rendible economicamente, poderíase paliar, por exemplo, metendo os buses por Navantia e polígonos industriais nos que hai milleiros de traballadores que recorren a transporte privado.

“Ferrol é o polo industrial do norte de Galicia”.

Aínda que RENFE escapa ás vosas competencias, se tiverades un goberno afín na Xunta nos próximos anos poderían ser distintas as cousas?

Chega un tempo apaixoante para a política. As eleccións xerais están aí e con elas chega a oportunidade de cambio. A partir de aí abrirase un novo abano de posibilidades co Ministerio de Fomento respecto aos trens de cercanías. Hai territorios ocupados por Defensa en Ferrol que queren empregarse para especular inmobiliariamente na construción do dique flotante. A partir de novembro vaise producir un xiro radical das políticas e Ferrol vai conseguir moita máis atención da que tivo nas últimas décadas.

Que plans ten Ferrol en Común para potenciar a industria do porto de Ferrol? Como facer para que sexa sostible e respectuoso co medio ambiente?

Ferrol é o polo industrial do norte de Galicia. Hai que loitar contra a descomposición total do tecido industrial que levamos sufrindo dende hai anos. A sustentabilidade tamén é imprescindible, polo que no noso programa incluímos que o porto exterior non sexa conectado co trazado que actualmente se propón. Conectar unha vía de tren coa estación de trens nese trazado sur vai dexenerar a actividade da ría de Ferrol completamente. Tanto PSOE, como BNG e máis de trinta entidades sociais e veciñais estamos de acordo en tratar de paralizar este trazado que obstaculizaría o marisqueo. A maiores, nos temos informes que din que a solicitada creación dunha terminal de contedores que crearía tanto suposto emprego, non xeraría tal actividade na realidade. Agora xa está feito, pero ter aquí dous portos exteriores nun radio de quince quilómetros é un erro.

No seu programa defende a re-municipalización da xestión do agua en Ferrol. ¿Como planean levalo a cabo cos obstáculos que isto implica?

Un dos puntos máis complicados é que hai un contrato de longa duración, en mans dunha das empresas de Florentino Pérez. Hai que revisalo, comprobar os incumprimentos que houbo e en canto poidamos ver o gasto que suporía a re municipalización, facer un equilibrio. Dende logo, habería que facer unha consulta popular para que a xente decida libremente o que quere en función da información da que dispoñamos. A idea de fondo que temos é que o auga é un ben común, un dereito e sempre deberá estar na órbita do público.

Non teme que un cambio de Goberno tire con todo o traballo acadado nese eido?

Eu creo que mesmo o Partido Popular e o Partido Socialista estarían de acordo en que o servizo se prestaría moito mellor dende o público e que non pode deixarse en mans doutros as decisión que se tomen en torno a un ben público como este. É unha das nosas máximas ambicións, recuperar un sector que leva demasiados anos controlado por URBASER, con unhas contas de dubidosa credibilidade. Será unha loita moi dura porque teñen moitos máis recursos ca nos, pero é necesaria.

“Acordamos non tratar con bancos que executen desafiuzamentos sen dar ningún tipo de solución de vivenda”.

Que medidas porá en marcha o Concello contra os desafiuzamentos? Sodes partidarios de non tratar con bancos que executen desafiuzamentos?

Queremos facer de Ferrol unha cidade libre de desafiuzamentos. No programa de mínimos que temos pactados co PSOE acordamos non tratar con bancos que executen desafiuzamentos sen dar ningún tipo de solución de vivenda. Aquí temos a sorte de contar co gran parque de vivenda pública de Recimil, un pouco máis de mil vivendas, moitas delas baleiras. Hai que apostar por rehabilitar Recimil e darlle unha oportunidade a toda a xente que está metida no círculo vicioso de desemprego, desafiuzamento, falta de asistencia… 4.705 persoas en Ferrol non reciben ningunha prestación e se ven condenadas a existir nesa miseria.

Que futuro lle espera a un Ferrol Vello que viu caer a casa de Carvalho Calero con impotencia?

Temos un proxecto que consiste en trasladar o peirao carboeiro e todas as naves alí instaladas ao porto exterior para crear unha gran zona verde nos arredores. Logo, para a zona “postapocalíptica” de degradación, temos intención de crear unha empresa municipal de vivenda centrada na adquisición directa de vivenda e a súa rehabilitación, así como xerar emprego a través da formación en artes e oficios. É un proxecto ambicioso, pero sabemos que no vindeiro Plan Urbano 2015-2019 todo o investimento vai estar destinado á rehabilitación de vivenda e estou segurísimo de que en catro anos a faciana do Ferrol Vello será ben distinta á actual. Isto é o que demandan os veciños fronte á xentrificación que se estaba impulsando ata agora. Queremos un Ferrol Vello para que a xente da zona poda disfrutalo para vivir, non só para que profesionais liberais fagan negocios con el.

O reto de gobernar en bipartito

No tema dos pactos, o PSOE, encabezado por Beatriz Sestayo, dixo o mesmo día das eleccións que serían responsables e que facilitarían un goberno de esquerdas. Quedou esa responsabilidade diluída por un problema de quen queda con cada cadeira?

Non. Polo menos pola nosa banda consideramos que o máis importante, que é un programa político de mínimos, xa está feito.  Máis que repartir as cadeiras, toca distribuir as tarefas. Eu sempre apostei por compartir as concellerías e facer un goberno de unidade real. Non queremos, como pasa nalgunhas administracións, que isto se converta nun xogo de gobernos paralelos. E quizáis ao PSOE cústalle máis adaptarse a este modelo. Pero eu creo que chegaremos a un pacto estable. Estes catro anos debemos actuar con unidade e con responsabilidade, centrándonos na cidadanía e non nos nosos intereses partidistas.

Seguindo co tema do PSOE, ti redactaches unha carta aberta publicada en Ferrol360 na que criticabas duramente ao bipartidismo. Chegaches a falar de “falseamento da democracia” e de “oscurantismo”. Non cres que moitos dos teus electores estarán decepcionados de que agora pactes cunha pata do bipartidismo?

A situación sería ben diferente se nós estivéramos por debaixo do Partido Socialista. Creo que hai que facer esforzos porque a outra alternativa sería permitir que goberne de novo o PP. Eu creo que ese partido é o dos recortes sociais e penso que afundiu aínda máis a Ferrol. Non quero inmiscuirme na política do PSOE, pero o certo é que está ante un momento histórico. Sempre o comparo con Grecia. Cando o PASOK quixo facer un goberno de concentración coa  dereita, abocouse á súa desaparición.

Ⓒ Marta R. Suárez

Ⓒ Marta R. Suárez

Teñen que facer unha reflexón profunda. Estamos nun novo tempo onde a esquerda debe agruparse. A política centrista que emprendeu o PSOE xa non vale, agora hai que posicionarse claramente na esquerda e reivindicar valores como o ben común, a xustiza social e a loita contra os intereses deses mercados, que teñen nomes e apelidos, e que están dirixindo as nosas vidas.

No outro lado dese posible pacto está o BNG. O seu cabeza de lista, Iván Rivas, acusouvos de depender da administración central. Coa vitoria de Ferrol en Común perdeu o nacionalismo?

Non, eu creo que gañou. Dentro de Ferrol en Común temos un partido nacionalista, que é Anova. E no tema das organizacións estatais, que é un argumento moi recorrido polo BNG, Esquerda Unida de Galicia ten unha definición ben clara do que é. Temos autonomía respecto a Esquerda Unida federal. Pero Ferrol en Común non é nin Esquerda Unida nin Anova, é moito máis que iso. Temos tamén un conxunto de xente que non ten adscrición política. Incluso xente do BNG que participou en gobernos de Ferrol estivo nas asembleas apoiando a nosa candidatura. Con todo o respecto ás decisións que tome o BNG, eu creo que, aínda que non entre neste goberno, vai ser leal e construtivo. Sobre todo, penso que vai estar con nós nos grandes problemas desta cidade.

“Ferrol en Común non é nin Esquerda Unida nin Anova, é moito máis que iso”.

Rey Varela, o alcalde saínte, afirmou que está a ser un traspaso de poderes modélico, ti como o valoras?

Pode decirse que é modélico nas formas. Rey Varela é unha persoa educada e dialogante e eu tamén o son. Pero ben, foi un traspaso de vinte minutos. Non é que non lle dea credibilidade, pero nós aparte dese traspaso de poderes imos pedir unha auditoría interna do concello. Ademais hai moitas situacións que nos preocupan porque, a raíz da derrota electoral, este concello estivo paralizado. Hai temas moi urxentes e o luns porémonos a traballar. Se hai algunha irregularidade, obviamente, denunciarémola. Pero esperemos que non haxa.

Crees coma Esperanza Aguirre que os programas políticos non teñen importancia porque ninguén os lee?

(Risas) Eu non estou de acordo para nada con iso. O programa é un compromiso coa cidadanía e logo hai que render contas do que se cumpre ou non do programa. Os programas das eleccións municipais son moi ambiciosos porque moitas veces abarcan competencias que non son propias dos concellos. Non obstante, están para cumprirse e son o piar fundamental dun partido político.

“Espero que a xente participe nas asembleas de barrio e nos plenos”.

Non obstante, o voso programa non ten unha cuantificación de obxectivos ou unha planificación temporal. Iso poder levar a problemas de cara a fiscalizar o que facedes no Concello ano a ano…

Si, é moi complexo no sistema actual co escurantismo que hai que facer unha cuantificación económica das posibilidades que hai para aplicar un programa político. Se ben é certo que a parte programática ten moito de declaración de intencións, hai puntos concretos que son obxectivos a catro anos que ao final de lexislatura poderase valorar se foron cumpridos ou non. De todas maneiras, a nosa intención dende o primeiro día vai ser que a xente participe e se sinta codecisora nas políticas que se adopten e iso fai que todos sexamos responsables, non só os concelleiros senón toda a cidadanía de que ese programa se leve a cabo se é que conseguimos activar esa participación que neste momento de desapego é complicado. Aínda así, en Ferrol estase a vivir agora mesmo unha onda de ilusión e espero que a xente participe nas asembleas de barrio e nos plenos.

Un dos valores que os cidadáns reclaman aos políticos é a transparencia. No voso sitio web non puidemos atopar as cifras de gasto da campaña electoral, tedes pensado publicalas?

O orzamento non está publicado por unha razón de falta de loxística. A páxina web levábaa eu persoalmente e teño o tempo moi limitado. De todas formas non é algo que se oculte, gastamos pouco máis de 3000 euros financiados, principalmente, por aportacións individuais e por parte dos partidos políticos que forman parte de Ferrol en Común. Foi unha campaña moi austera: principalmente carteis. Non houbo grandes desembolsos. Creo que debemos ser a forza de Galicia que menos cartos invertiu conseguindo representación.

Vimos como Ferrol en Común cumpriu a promesa de despegar os carteis electorais, respondendo a unha queixa habitual dos cidadáns. Tivo boa acollida a iniciativa?

A iniciativa foi moi ben recibida nas redes sociais. Ademais, moita xente que non está vinculada a Ferrol en Común achegouse a axudar. Eu creo que é unha proposta que debería ser lóxica en toda organización. Nós, por desgraza, non temos a financiación suficiente para ter unha empresa que nos coloque carteis. A nosa campaña electoral foi feita a través de voluntarios. O despegado de carteis era case unha celebración de fraternidade máis que un traballo duro.

As relacións con Narón non son boas, e de feito as propostas de UPyD e Ciudadanos de unir aos dous concellos non tiveron ningún éxito. Fará o novo alcalde un esforzo por retomar boas relacións?

No interese cidadá de prestar o mellor servizo público é imprescindible a comarcalización de certos servizos públicos como transporte, saneamento, cultura… Dende aquí se levou unha política de confrontación, de case chauvinismo infantil que eu nin comparto nin comprendo. Unha das primeiras actuacións que imos ter é unha reunión co alcalde de Narón para impulsar a mancomunidade e crear unha comarca forte que preste servizos adecuados. Agora ben, o tema da fusión a min paréceme unha vontade dun partido que buscaba cancha onde non a tiña como UPyD. A proposta da fusión, en caso de ser feita, tería que vir de abaixo cara arriba e non ao revés porque un partido decida o que convén. É unha decisión da cidadanía e un debate artificial que agora mesmo creo que non está nin na mente dos naroneses nin dos ferroláns.

Entrevista por Marta R. Suárez e Adrián G. Placer.