Abride bibliotecas e han pechar os cárceres
Como cada mes de maio en Santiago de Compostela, nas últimas semanas os universitarios acumulamos subliñadores amarelos, baleiramos de Monster os andeis dos Gadis e marchamos na procura dun prezado posto de biblioteca onde intentar salvar o cuadrimestre nunhas poucas horas. Ante este previsible incremento da demanda, as papelerías e os supermercados adaptáronse rápido ao libre mercado, asegurándose de estar ben surtidos de rotuladores e bebidas enerxéticas. A pesar de contar con economistas de prestixio, a Universidade, pola contra, preferiu pensar que as leis da oferta e a demanda non se lle aplican ás salas de estudio da Biblioteca Concepción Arenal e a Facultade de Farmacia.
Aínda que o período oficial de exames remata o 5 de xuño, tal e como informa a propia páxina web da USC nos escasos momentos en que está operativa, o horario extraordinario de apertura das bibliotecas rematou o pasado 30 de maio. A Biblioteca Concepción Arenal (“Conchi” para os amigos e a familia) retomou así as súas horas habituais de apertura, deixando a moitos universitarios sen un lugar para estudar nesta última semana de exames. A necesidade de que a universidade seguise facilitando postos de biblioteca durante a noite moveu a moitos estudantes recentemente a dirixirse á Oficina de Reclamacións. A resposta que recibiron foi a seguinte:
Estimado alumno/a:
Achegámoslle o informe emitido pola directora da Biblioteca Universitaria en relación coa súa queixa respecto do horario das bibliotecas en época de exames:
“Na páxina web da Busc, pódese comprobar que a oferta de apertura de espazos de estudo adáptase ao calendario de exames. A partir do 1 de xuño, con menor demanda de prazas permanece aberta ata as tres da mañán a sala de lectura de Farmacia. O resto de bibliotecas (21 puntos de servizo) abren de 8.30 a 21.30.
A oferta establécese tendo en conta ademais do calendario de exames, as estatísticas de ocupación das bibliotecas e as propostas que os representantes dos estudantes en reunións periódicas nos fan chegar.
Polo tanto non é certo que non haxa bibliotecas abertas en período de exames. É máis, esta oferta esténdese ata ben entrado o mes de xullo”
O informe da Biblioteca Universitaria remítese ás estatísticas de ocupación da Conchi do ano 2014, onde, efectivamente, apréciase unha menor demanda de prazas a partir do 1 de xuño . Non obstante, este descenso é atribuíble a que o período de exames rematou o ano pasado o 31 de maio, e non o 5 de xuño como marca o calendario lectivo de 2015. As estatísticas do 31 de maio deste ano, último día de horario extraordinario das bibliotecas, mostran que ás 2:30h da mañá había na Conchi máis de 200 persoas estudando. Sumadas aos case 250 estudantes hipercafeinados chapando en Farmacia á mesma hora, parece xustificado que mantivesen abertas as súas portas. Demanda había, faltou vontade.
Como medida de protesta e de presión, durante a tarde do luns difundíronse a través de Whatsapp mensaxes expoñendo a problemática da situación e animando aos estudantes a permanecer dentro da Conchi máis alá das 21:30h, a hora de peche. Os convocantes citaban como precedente o acto de protesta protagonizado en xaneiro por un grupo de estudantes de MIR, PIR, FIR e sexto de Medicina. A idea de permanecer nunha biblioteca universitaria fóra de horario, aínda que simple, xa se revelara eficaz en reivindicacións estudantís tan salientables coma o Peche Historia, que confirmou que non hai mellor acto de protesta que seguir estudando.
Son as 21:00h e no segundo soto da Conchi respírase normalidade. Cen cabezas concéntranse en repasar, facer esquemas e lamentarse por non ter comezado a estudar antes. Ás 21:10h as luces do teito apáganse e vólvense acender, sinal universal de que a biblioteca pecha en vinte minutos. Algúns recollen o seu rebumbio de apuntes, manuais e exames doutros anos e soben cara a saída. Outros quedamos no noso sitio e comezamos a mirar arredor, buscando algunha mirada cómplice que nos confirme que non estamos sos na nosa reivindicación. Seguimos subliñando os apuntes.
Ás 21:20 vaise a luz. Ninguén parece reaccionar, non levantamos a vista dos papeis. O silencio só se rompe polo fluír da fonte do terceiro soto e a ocasional tose. Un dos traballadores da biblioteca baixa a falar cos estudantes, que somos arredor de oitenta. Explicámoslle a situación medio a escuras, facéndoo partícipe da nosa indignación polo recorte no horario extraordinario. A conversa é distendida, os intervenientes falan en orde espontánea. Tras algunha broma pola parte do funcionario, recoméndanos que todos subamos ao primeiro soto e concentremos aí a nosa protesta. Unha vez instalados alí, faise a luz. Aplausos. Nunca antes na historia da USC estudar na Conchi soubera tanto a triunfo.
Explicámoslle a situación a un dos traballadores da biblioteca, facéndoo partícipe da nosa indignación polo recorte no horario extraordinario.
Pasan os minutos, pasan as follas. Baixa un segurata e pregúntanos se estamos manifestándonos en protesta. Ante a nosa afirmativa, a súa lacónica resposta é “vale, seguide”. Segue facendo a ronda. A sensación xeral é que os gardas de seguridade comparten a nosa reivindicación, pero que aquí, os que máis e os que menos, somos todos uns mandaos. Respectuosamente, ofrécennos ampliar a toda a noite o horario de apertura de Farmacia, que segundo eles supón un menor consumo eléctrico para a USC. “Farmacia é un lugar de estudo terrible” replica unha moza. Insisten que os horarios da biblioteca foron aprobados no Claustro polos representantes do alumnado, pero a nosa posición é clara: de aquí ninguén marcha ata as 3 da mañá, hora á que pechou a Conchi nas últimas tres semanas.
“Non ten lóxica” afirma Estela, estudante de Dereito. “Todos acabamos os exames entre o 3 e o 5 de xuño, o horario extraordinario debería continuar ata entón”. Opina que o aforo de Farmacia, 150 postos de estudo, é claramente insuficiente. Ángel, en terceiro de Medicina, levanta a vista dos seus apuntes de Neumoloxía para facer contas. “A USC ten 25.000 alumnos de grao, que pagan unha matrícula de aproximadamente 800€. ¿20 millóns de euros non é dabondo para pagar a luz da biblioteca 6 horas máis?”, pregúntase. Unha moza quéixase da ineficiencia da USC: “Primeiro o do campus virtual, e agora, isto”, di referíndose á avaría que sufriron hai unha semana os sistemas de almacenamento de datos e as redes wi-fi da universidade.
“Non ten lóxica. Todos acabamos os exames entre o 3 e o 5 de xuño, o horario extraordinario debería continuar ata entón”.
Xa pasan das 22:30h, e a pesar da indignación xeneralizada no primeiro soto o ambiente é de estudio e concentración. A seis metros sobre terra, na entrada da Conchi, un grupo de estudantes protesta. Queren entrar á biblioteca para unirse aos seus compañeiros ou para recoller os apuntes que deixaran horas antes, ignorantes do cambio de horario, pero non lles deixan entrar. Un mozo, nervioso, explícalle ao garda de seguridade que deixou abaixo o seu portátil, e que necesita ir recollelo. Finalmente, permítenlle entrar para que recupere o seu ordenador e de paso recolla os apuntes do seus amigos.
Os gardas de seguridade, que declinaron facer declaracións, están ao teléfono cos seus superiores. A súa expresión é seria. Eles mellor que ninguén saben o inxusto de que teñan que manexar unha situación que non é culpa deles, senón que é froito da mala planificación por parte da Universidade. No momento de publicación desta crónica, a problemática do recorte do horario extraordinario de bibliotecas aínda non se resolvera.
Se Concepción Arenal vivise hoxe ben podería actualizar unha das súas citas célebres e aconsellarnos: “Odia o exame, compadece ao estudante”. Rememorando o espírito da xurista que dá nome á biblioteca do Campus Sur, non parece desproporcionado que os estudantes lle pidamos á USC un chisco de compaixón. Mentres tanto, todos vós podedes dirixir as vosas queixas á Oficina de Reclamacións.