Zënzar: “Sentímonos moi a gusto coa xente que lle canta e berra ao poder”
Levan ás súas costas máis de 25 anos percorrendo os escenarios da xeografía galega e seguen ao pé do cañón. Os Zënzar estrean o sábado en directo o seu novo traballo, “Camiñando entre serpes”, un conxunto de once cancións que xiran arredor da vida, do amor, dos temas sociais e da morte, como é habitual na carreira dos cercedenses.
Bocixa, vocalista da banda, fala sobre o grupo, o novo álbum e os amigos do rock and roll nesta entrevista.
Zënzar tedes un novo disco, “Camiñando entre serpes”. Cómo xurdíu este traballo?
Nós dedicámonos a facer cancións en lugar de discos. Vai todo de xeito casual. Mario e Paco son, sobre todo, as persoas que compoñen as músicas. Logo, entre todos, ímoslle dando forma ás cancións e facemos os arranxos. Cando vemos que temos pezas que nos molan propoñemos de lanzalas para gravar.
Contades con varias colaboracións en “Camiñando entre serpes”:
As colaboracións no disco sempre son de amigos, nunca buscamos a colaboración do personaxe famoso. Hai letras de amigos como Xavier Pardeiro, Vituco Neira e Fosi. E nas músicas colaboran Xosé Manuel Ares á gaita e tamén Xan (saxofón), Miguel (guitarra) e Vituco (voz) de Ruxe Ruxe.
O fotógrafo Juan Luís Rúa foi o encargado de poñer a nota visual ao álbum. As fotografías parecen mostrar unha etapa moito máis madura da banda, coinciden estas cunha evolución do son nas once cancións que compoñen o traballo?
Dende que Paco entrou no grupo no disco “Sigue e dalle”, creo que si houbo unha evolución que deixou que entraran outros sonidos de metal e rock duro. Zënzar non temos un estilo definido. Nos últimos anos é certo que coidamos un pouco máis a letra e os arranxos. Tamén somos un pouquiño máis maiores e estamos máis na historia de música. O rock and roll é moito máis que música. E, se iso é madurez, pode ser que se mostre esa evolución. Se cadra esa imaxe non foi unha imaxe que nos buscaramos, senón que foi cousa do autor das fotografías.
O primeiro single, ‘Cortina’, fala sobre a problemática que está a vivir o rural galego, cun éxodo de poboación de cara aos núcleos urbanos que vós comparades co que aconteceu no Xapón.
Nós o que queremos dicir con ese vídeo e que calquera parte do planeta pode estar vivindo as mesmas situacións malia que, a priori, as culturas sexan ben diferentes e o territorio tamén. Neste caso utilizamos a letra de Díaz Castro que se refería a un cambio na forma de vida dunha tribo como é a tribo galega e nun territorio que é, digamos, o do sol poñente: somos a fisterra de Europa. Xapón, aínda que é todo o contrario, tamén ten os mesmos problemas. Visualmente pretendíamos facer algo que nos satisfacera no videoclipe.
En ‘A xente fala’, canción que abre o disco, tocades o tema do feminismo e do dereito a decidir na cuestión do aborto. Nun momento no que parece que estamos retrocedendo máis de corenta anos en materia dos dereitos da muller, cal é a vosa mensaxe en torno á polémica proposta de lei do aborto?
O que está pasando é moi grave, porque se cadra para unha adolescente é moito máis aconsellable non ter un fillo ou unha filla, que telo. Nós mesmos somos conscientes de que tal e como está transcurrindo todo hai un exceso de propaganda que nos arrastra a unha determinada vida e fai que nos esquezamos de reivindicar os nosos dereitos. Creo que debería haber unha protesta xeralizada con todo o que está pasando. Aínda que a responsabilidade vaia para os dous xéneros, quén vai a cargar coas consecuencias nun alto grado é ela.
Sodes unha agrupación comprometida con todo o que se fai a nivel cultural no país. En qué momento credes que se atopa Galiza no panorama da industria musical?
Galiza leva moitos anos cunha morea de xente con tremenda formación musical. Non só no rock, senón en tódalas escolas de música, conservatorios, bandas… Estamos rodeados de xente moi nova con moito nivel. Dende que empezamos a facer rock ata hoxe en día, creceu moitísimo a cantidade de propostas de artistas de música en galego. Iso é un gran pracer.
Con qué artista ou grupo compartiría Zënzar unha noite de rock and roll?
Sentímonos moi a gusto coa nosa xente, coa xente que vive o rock en galego, coa xente da música que lle canta e berra ao poder. Somos conscientes de que en Galiza hai un montón de bandas e sempre estamos encantados de compartir escenario con elas. Sen dúbida, temos aos nosos grupos preferidos, tanto galegos como non galegos. Nunca pretendemos ser unha banda comercial fora do país nin quixemos saír a fora. Estamos moi cómodos na posición na que estamos. Temos moi bo rollo con xente como Ruxe Ruxe, cos que pretendemos compartir música neste ano 2015.
Como se consegue aguantar máis de 25 anos sobre os escenarios? Existe algún segredo ou fórmula máxica?
Non hai segredo nin fórmula. O único é que che guste o que fas e que non haxa presión para chegar a nada concreto máis que querer dicir cousas e pasalo ben; disfrutalo tanto no palco como abaixo del e, sobre todo, non acumular tensións e descargar día a día.
Cóntame sobre a presentación do álbum. Por qué escolléchedes a Sala Josfer de Mesón do Vento? Quén vos acompañará?
Escollemos a Sala Josfer porque no momento que estamos a vivir de restricións e de ataque á cultura apenas hai salas decentes para tocar. Ademáis a nós gústanos presentar disco na casa. Esa sala existe dende os anos 80, foi onde medramos. Acompañaránnos Os do Xalo, que é unha banda de amigos. Algúns deles están noutros grupos de rock, outros non, pero a todos nos une a música popular e neste caso estarán facendo unha pequena foliada previa. Tamén estará Xenderal, un músico ao que vimos medrar e que estivo sempre ao noso carón. El vai pechar a presentación, que máis que unha presentación, é unha festa con toda a nosa xente, a que sempre está con nós e nunca falla.
Zënzar + Os do Xalo + Xenderal.
Sala Josfer (Mesón do Vento). Sábado 9 de maio. Apertura de portas 21:30 horas.
Entradas nos puntos de venda anticipada a 7€ sen CD/10€ con CD; 12€ con CD na billeteira.