Arrhythmia: “Hai cousas que che ferven e escupilas aforranche psicólogos”
Onde todo empeza “fala da conciencia de cada un, do que non che deixa durmir polas noites”, afirma Alberto, voz e guitarra, que xunto con Álvaro á percusión e Maci ao baixo forman Arrhythmia. Os lugueses veñen de estrear o segundo single do II ou Sen medo a rachar o voso ceo, o seu novo EP. Están a preparar un verán no que os poderemos ver en diversos recunchos da xeografía galega namentres achegan cada fascículo deste último traballo.
Defíneme un pouquechiño aos Arrhythmia.
Arrhythmia é un trío de rock. Esta é a típica, éramos un grupo de amigos que nos xuntabamos no local de ensaio para tocar. Ao principio chegamos a ser cinco, pero a cousa foise cribando e quedamos nós os tres. Recordo un día en concreto, alá polo 2011, que nun bar decidimos pensar o que queríamos facer, qué grupos de referencia tiñamos. A partir de aí empezamos a tocar, sen ningunha pretensión, e comezaron a sair os temas que gravamos no III.
O II ou Sen medo a rachar o voso ceo é a continuación do III. O próximo será o definitivo desta triloxía e parece que vai extraer as conclusións de tódalas cancións que a compoñen.
A idea partíu do III, que se chamou así porque eran tres cancións e nós somos tres. Aquí todavía non tiñamos o estilo 100% definido. De feito Ninguén é moi distinto do que estamos a facer agora, é máis rock clásico. Vimos que o tema que nos fixo saber o que nos molaba facer, Diñeiro, funcionaba, e que a resposta do público era boa; pensamos que tiñamos que continuar. Cando cheguemos a facer o I esperamos que alí sexa Arrhythmia de verdade. Este II é un proceso aberto, porque a nosa idea é gravar cinco temas pero temos como sete ou oito que poderían entrar perfectamente. Máis que unha continuación é unha evolución. En nada sairá o terceiro tema, o que nós pensamos que é o mellor de todos e vai ir acompañado dun videoclip. Estamos case convencidos de que cando saquemos o I poderemos xuntar os tres e pensar nunha edición física.
Este novo volume foi totalmente autoproducido, cunha lixeira diferenza do anterior. Como foi a experiencia?
O anterior foi autoproducido a nivel de que ninguén nos axudou a producilo. Fumos a gravar ao Estudo Abrigueiro. Como temos a sorte de que Álvaro, o noso batería, traballa no audiovisual e Maci e máis eu levamos tempo nesto, sabíamos como queríamos soar. A nosa idea principal era gravalo porque non dispoñiamos de medios e logo mesturalo e masterizalo nós. Co II fixemos unha inversión en material para podernos gravar nós mesmos, en lugar de invertir nun estudio. Gravamos as baterías nun local que acondicionamos e as guitarras, baixos e voces na casa. Aos veciños de Álvaro debémolos de ter queimados. Como temos a capacidade técnica por coñecementos pensamos que aínda que perdamos un pouquiño de calidade en tanto dos materiais que teríamos nun estudio, gañaríamos en tempo e en facelo á nosa maneira para que soe como nós queremos. Tanto nos pasa esto coa música como con todo o material audiovisual: o logo, os videos, a cartelería… Facémolo todo nós porque Álvaro traballa no medio e Maci e máis eu na informática. Calquera cousa que sae de Arrhythmia agora mesmo é 100% Arrhythmia.
A banda ten un son bastante característico, no que se notan as influencias do stoner rock. Etiquetádesvos nalgún estilo ou sodes dos que escapan diso?
É fodido etiquetarse porque somos tres e cada un ten a súas influencias; aínda que coincidimos en moitas está claro que non escoitamos a mesma música. A min particularmente o stoner me mola mogollón pero temos moitas referencias. Á hora de compoñer as referencias saen soas. Se ti escoitas moito a unha banda ou un estilo o que che vai saír é similar. No momento de producir e mesturar si que collemos referencias moi concretas, catro ou cinco bandas coas que queremos soar o máis achegado posible dentro das nosas posibilidades. Poñerlle unha etiqueta? É rock, logo ponlle o que queiras: stoner, hard rock, algunha pincelada de punk…
Cales son algunhas desas influencias?
A nivel compositivo, eu penso que nos inflúen xente como Foo Fighters ou Berri Txarrak. A nivel de son, nesta viaxe intentamos coller o novo disco de Muse. É moi complicado soar como eles pero teñen un formato de trío que nos axuda como referencia. Aínda que non teñen nada que ver co que facemos nós, si podemos coller as texturas. Ao final isto é todo unha gran mestura. Sei que somos unha banda do país e que cantamos en galego pero penso que estamos bastante alonxados do termo bravú e do típico que se fai aquí.
Sufrimos a “síndrome do código postal”, ser máis recoñecido fora da túa casa que nela
Cantar en galego é unha seña de identidade para o grupo?
Non, é unha seña de normalidade. Eu fago as letras e vivindo nunha cidade como Lugo que aínda que non é das menos galego-falantes tampouco é como quén vive nun pobo. Tiven a sorte de que na miña casa sempre se falou galego. Si que é certo que ao principio cando comezas a tocar planteaste o tema do idioma e probas cousas. Se ti pensas en identidade ou en intentar triunfar cun idioma concreto non escollerías o galego, que si abre certas portas a nivel de festivais de aquí, pero é máis complicado saír a outro festivais do Estado. Aínda que hai xente demostrando todo o contrario, como Terbutalina ou Nao.
Sodes de Lugo, que me podedes contar do movemento musical nesta terra?
En Lugo podemos separar dous factores: as bandas e os espazos. A nivel de bandas hainas moi boas como Oceans Garden, Cats & Monkeys, Hollywater… Tamén de Lugo sairon varios dos Guerrera. Que ocorre en Lugo? Faltan espazos e programacións, o que provoca que falte público. Temos a sorte de ter o Clavicémbalo, onde si se programa habitualmente, pero é practicamente o único. Hai mogollón de sitios que abren e pechan ou acaban tirando polos monólogos e os acústicos porque a policía ven petar na porta. Está fodido desenrolarse como banda. Nós sufrimos a “síndrome do código postal”, que é que sexas máis recoñecido fora da túa casa que na túa propia casa.
Moitas das letras de Arrhythmia tocan temas político-sociais. Sendo unha banda tan comprometida coa sociedade, que mensaxe quereríades transmitir con motivo das vindeiras eleccións municipais?
A min gustaríame de entrada escapar das siglas, porque as siglas comprométenche. O que está claro é que hai cousas que non están a funcionar ben, neste Estado e neste país dende hai moitísimo tempo. Hai pouco saíu a noticia de que César Strawberry, o de Def Con Dos, foi detido por alentar ao terrorismo. Eu penso que terrorismo que hai actualmente é maiormente un terrorismo de Estado. É un terrorismo que nos ten agazapados. Penso que hai que berrarlles. Sen meternos en siglas, cando ves unha inxustiza, ferveche, e escribes sobre eso. O último tema que sacamos, Onde todo empeza, non fala nada de política, é un tema super persoal. Non temos por qué falar sempre de política, pero si que hai momentos nos que hai cousas que che ferven e che tocan a moral: escupilas aforranche psicólogos. Como agora mesmo que nos pechan o Planeta Furancho da Radio Galega Música, o último reducto de música 100% en galego, e pretenden que estemos calados?
Ademáis das música currades moito o apartado do deseño, por exemplo nos videclips.
Temos a vantaxe de ter a Álvaro pluriempleado. Agora no II decidimos quitar as cancións pouco a pouco, cada unha acompañada de algo: a primeira, Mensaxe, foi cun video con lyrics en deseño 3D; a segunda, Onde todo empeza, cunha imaxe con certo movemento; e esta terceira que imos sacar agora vai ser un videoclip á antiga usanza, con nós tocando. A nosa idea é quitar en cada tema unha imaxe, darlle un pouco máis á xente. Se subiramos esas cancións solo a un Bandcamp creo que teríamos moitísimas menos reproduccións das que temos.
Qué pensades sobre o cambio radical no estilo de música dun grupo posicionado?
É naturalidade. Se ti como persoa individual, cambiaches de gustos é normal. A min pasoume, cando tiña 14 anos tiña uns gustos e aos 17 tiña outros. Se iso lle pasa a unha única persoa, imaxina a unha banda. Creo que é super positivo evolucionar e non estar sempre facendo o mesmo. Eu respeto a xente como Barricada que se pasou 30 anos facendo o mesmo, pero tamén respeto enormemente, aínda máis se me apuras, a unha banda que ten a capacidade de mutar. Penso que no caso dunha banda que está posicionada e sabe que se volve a facer o mesmo disco que o anterior vaino a petar outra vez porque ten un público establecido, teña as pelotas de decir “vou rachar e vou quitar un disco de electrónica” eso para min non é venderse, é reinventarse.
E xa para rematar, que plans de futuro ten Arrhythmia?
Estanos sorprendendo ata a nós. Temos dous festivais confirmados. Un en Monterroso, o Peneda Rock, que me fai moita ilusión porque é no pobo de miña nai onde pasei tódolos veráns da miña infancia, e o Castelo Rock, compartindo escenario con Soziedad Alkoholica, El Drogas e con Heredeiros, que me fartei a escoitalos cando era pequeno. Temos tres máis que aínda non se anunciaron. Queremos facer un Clavicémbalo como facemos todos os anos. E xa cara o inverno miramos de tocar nalgunha saliña. Gústanos ir a tocar a sitios onde podemos soar ben, non por nós senón pola xente que vai. Non nos gusta facerlle a alguén pagar unha entrada para escoitarnos nun sitio onde non hai nin un técnico de son e é todo un barullo. Queremos salas pero nas que se dean as condicións. Penso que mellor pouco e ben que moito e mal.