Léon Degrelle: A lenda do fascismo belga que viviu en España

Se voltásemos cara o século XX agora mesmo e fósemos obrigados a mencionar o primeiro que se nos ocorrese polas nosas cabezas ante as palabras fascismo e gastronomía tomando como referencia diferentes países, os resultados poderían ser diversos, mais algúns curiosos. Por exemplo, no caso de Italia, moitos de nós pensariamos en Mussolini e na pizza ou na pasta, mentres que de España poderíamos imaxinarnos a Franco e a paella ou a tortilla; e de Alemaña, Hitler e a cervexa. Sen ánimo de fomentar tópicos que mesmo poden xerar unha máis que comprensible repulsión polos propios cidadáns dos devanditos Estados. Pero o que non pode faltar nesta orxía gastronómica é o chocolate, concretamente, aínda que para gustos cores, o belga. Iso sí, en canto a fascismo…? A resposta a esta cuestión atopámola nun nome e a súa historia correspondente: Léon Degrelle.

Criado nunha familia católico-burguesa natural de Francia pero emigrada en Bélxica pola expulsión de xesuítas debido ó goberno daquel entón, Léon Joseph Marie Ignace Degrelle tivo desde o seu nacemento en 1906 como principal influencia a relixión desde pequeno ata o punto de afiliarse a Acción Católica en plena vintena para máis adiante traballar nunha modesta editorial católica-Cristus Rex-. Dita fe reflectiuse de xeito moi claro durante a súa estancia en México como corresponsal para cubrir a Guerra Cristeira entre o goberno mexicano e a Liga Nacional da Liberdade Relixiosa debido a un grito das gorxas procedentes do bando cristeiro que escoitou con total admiración : “Viva Cristo Rei e Santa María de Guadalupe!”.

Léon Degrelle xunto a bandeira do partido rexista(Fonte: elministerio.org.mx)

Rescatado polas SS, Degrelle uniuse á causa nazi  e foi un dos amigos máis íntimos de Hitler

Debido a todo isto no ano 1934, ó pouco de voltar de México, Degrelle tomou a decisión de mergullarse na política afiliándose no Partido Católico belga, do cal saíu o ano seguinte indignado pola corrupción existente e fundou o Partido Rexista, baseado no fascismo clerical, o corporativismo e en grande parte no nazismo. E dígolles en grande parte debido a que incorporou ó seu discurso posturas antisemitas semellantes ás propias do movemento nazi e tamén debido ó feito de que foi rescatado do campo de concentración de Vernet; en Francia, polas tropas de Hitler no 1940, onde permanecía preso pola detención das autoridades belgas, as cales extraditárono á patria francesa ó establecerse un novo goberno en Bélxica e consideraron a Degrelle como unha ameaza traidora para o país-. Ademáis, a consecuencia deste rescate por parte das forzas nazis alemás desembocaría na inmersión por parte de  Degrelle nas Wafen SS, concretamente na Lexión Valonia-composta de granadeiros voluntarios e formada debido ó inicio do intento de invasión nazi á Unión Soviética-, chegando a ser o soldado non alemán máis importante do Terceiro Reich ata o punto de que o propio Adolf Hitler chegou a afirmar que, de ter un fillo, gustaríalle que fose como Degrelle.

Léon-Degrelle-being-decorated-by-Adolf-Hitler-262x300

Hitler saudando a Degrelle: o fillo que nunca tivo(Fonte: ihr.org)

 Refuxiado en España tras a Segunda Guerra Mundial, Degrelle levou unha vida luxosa en Andalucía

Tras unha guerra sanguinolenta na que morreron máis de cincuenta millóns de persoas como foi a Segunda Guerra Mundial, Degrelle tivo que fuxir de Oslo no avión do Ministro de Guerra e Armamento —Albert Speer— para refuxiarse en España, onde chegou de milagre tras quedar o seu avión sen combustible e precipitarse sobre a baía de San Sebastián. Unha vez dentro da España franquista, Degrelle recibiu asilo político por parte do réxime-do mesmo xeito que o recibiu Pierre Laval, principal colaborador da Gestapo e xefe da Milice en Francia-. Ademáis, coa fin de non levantar sospeitas —o bando dos Aliados reclamaba a cabeza de Degrelle por parte de Franco— o fascista belga cambiou o seu nome polo de José León Ramírez Reina. Con esta falsa identidade e co paso dos anos Léon Degrelle convertiríase, entre outras cousas, no líder dos nazis en España e no director dunha empresa constructora mediante a axuda da Falanxe Española, polo que pasaría o resto da súa vida entre luxos no sur español-concretamente Andalucía- ata o ano 1994, cando morreu supostamente con oitenta e sete anos no Sanatorio Parque San Antonio de Málaga.

En definitiva, resulta curioso non soamente o feito de que un criminal de guerra estivera refuxiado no Estado español durante grande parte do Franquismo ata os nosos días, senón tamén que este home que chegou a ser amigo de Regé-autor das obras do célebre Tintín- e que foi denunciado por negar a existencia do Holocausto non ocultase as súas ideas racistas, intolerantes e baseadas na violencia e a opresión; todo nunha vida posbélica chea de luxos.

Xa que iniciamos o artigo cunha pregunta, cómpre finalizalo con outra máis: os extremismos ideolóxicos están en igualdade de condicións en España ou hai un bando dentro deste complexo e polémico universo que se atope máis beneficiado que o outro? A resposta correspóndelles a vostedes.