Volando voy, volando vengo (con localismo yo me entretengo)

O famoso localismo ten moito que ver coa telebasura: practícano moitos máis dos que recoñecen abertamente que o fan. Escoitamos moitas encendidas soflamas a prol da multiculturalidade e do cosmopolitismo de boca de quen defende a capa e espada que o seu concello é o mellor do mundo. Tamén —sería inxusto recoñecelo—, el arriba firmante escribe sen reparo este ardoroso artigo, pero tamén esboza un medio sorriso de superioridade ao ler as fabulosas estampas da “Atlantic City” de Luis Pousa ou se ten sorprendido a si mesmo levitando cara á Punta Herminia nunha mañá de San Xoán.

En si, o localismo (“preferencia por un lugar ou comarca determinados”, segundo a RAG) non é malo. Máis ben é inevitable e consubstancial ao ser humano, máis aínda se ese Homo Sapiens resulta ser galego e está tocado polo meigallo da morriña. O único que o distingue doutros sentimentos mellor considerados, coma o nacionalismo, é a magnitude. Cando o localismo se volve virulento e perigoso é cando se manifesta combinado coa pantasma fascistoide da autarquía. Cando o amor pola nosa terra nos leva a considerar que temos o dereito indiscutible de telo absolutamente todo ao lado da casa: a universidade, o traballo dos teus soños, o amor da túa vida.

Hai unha diferencia entre quen se cre no dereito atopar a muller dos seus soños sen saír de Lobios (por exemplo) e quen reivindica amargamente estudar Enxeñaría Aeronáutica dentro das lindes deste fermoso municipio do Xurés: que o primeiro pagará a súa frustración do seu propio peto e o segundo pode verse na tentación de satisfacer a súa reclamación tocando a carteira dos outros.

infografia-aeroportos-el-pais

Infografía sobre os resultados económicos dos aeroportos españois, publicada en El País (preme para ampliar)

A reivindicación de moda entre os localistas máis autárquicos e máis intrusivos é a dos aeroportos, que rivalizan co fútbol na lista de motivos de cisma entre os galegos. Nunca vistes unha disputa tabernaria polo número de rutas de cada aeroporto galego? A xulgar polos nosos medios de comunicación, o tema está extremadamente candente. Este mesmo sábado atopamos na prensa os seguintes titulares:

Faro de Vigo:Lavacolla repite en 2014 como el aeropuerto gallego con más pérdidas“.
El Correo Gallego:Hasta sesenta vuelos al día en Lavacolla por Semana Santa“.
La Opinión:Alvedro registra 6,1 millones de pérdidas, casi la mitad que el aeropuerto de Vigo“.
E, por riba de todos, El Progreso, ecuánime —mentres non se poña a pular polas Rozas—:Los aeropuertos gallegos acumulan 32 millones de pérdidas el año pasado“.

32 millóns de euros do peto de tódolos galegos. Mentres os alcaldes, algúns máis que outros, sacan peito do número de liñas aéreas que chegan ao seu terruño, a maioría dos cidadáns non escolle o seu vó dependendo se o aeroporto lle queda a 20 ou a 80 quilómetros da casa, senón a canto máis lle custará ao seu pobre peto, asaltado durante o flirteo con Air Europa, Volotea ou Ryanair.

Mentres uns alcaldes subvencionadores critican outros alcaldes subvencionadores por subvencionar mentres critican que outros o fagan —é tan enrevesado e estroboscópico como parece—, os pescadores máis hábiles pescan en río revolto. Silenciosamente, o Sá Carneiro do Porto, un dos seis aeródromos de Portugal (en España hai case 50) enche cada día os buses que levan desde Vigo ata as súas mesmas portas. Espero que, algún día, algún aeroporto galego teña un orzamento desmesurado, unha cantidade de liñas que quite o hipo, pero ningún pasaxeiro montado nos avións. Só para ver se algún reflexiona… e para ler os titulares dese día.