Interfecto, e a madurez das webseries galegas

1_zps128cd036

Tres mortos en tan só un mes e unha estraña relación coa Igrexa é dabondo para que un detective recorra a métodos menos ortodoxos que os que impón a administración. Iso é o que vemos cando Salvador pide axuda a Pedro, un xornalista en paro. Son dous dos protagonistas de Interfecto, unha serie web galega de suspense que busca facerse oco nun terreo dominado principalmente polo humor. Interfecto bebe de moitos referentes da ficción norteamericana e europea, pero transcorre en Celanova. A publicidade ten unha máxima que é “pensa local, actúa global”, e Interfecto cúmprea con creces: transcorre en Celanova, na Galicia profunda, pero trata temas tan universais coma o engano ou os celos. Pinta ben, non si?

O equipo artístico de Interfecto

O equipo artístico de Interfecto | Imaxe: Interfecto

A súa ubicación en Celanova non é casual: foi gravada o pasado verán ao abeiro dun obradoiro audiovisual que organiza todos os anos a Universidade de Vigo cos seus alumnos de Comunicación audiovisual. Supón todo un reto, tal e como nos contou a directora da serie, Biby Jacob: “Unha condición para levar a cabo este proxecto era que a rodaxe debía comezar un luns e a estrea dos capítulos comezarían o luns seguinte: unha semana para gravar, editar e postproducir todo. Apenas durmimos e acabamos agotados”. Igual estes números non vos din nada, pero a alguén que traballa no audiovisual poñeranlle os pelos de punta: normalmente transcorren semanas e incluso meses entre a gravación e a estrea deste tipo de produtos! A présa por sacala á luz ten tamén a súa explicación, e é que a proxección dos capítulos desta webserie é un dos  pratos fortes do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que é un curso, esta vez si, ao que todo o mundo pode asistir a coñecer as últimas novidades do audiovisual galego e a ter encontros de cerca cos seus protagonistas. O curso vai cara a súa duodécima edición, mais o obradoiro no que naceu Interfecto é algo máis moderno, malia ter incubado xa outra webserie que vai pola súa segunda tempada.

Pero volvamos ao tema que nos trata. Pese a que interfecto leva meses gravada, acaban de facer algo así como unha segunda estrea, deixando que estes meses servisen para repousar o produto e para corrixir pequenos erros que eran froito do pouco tempo que tiveron na primeira versión. O primeiro que chama a atención de Interfecto é o seu acabado profesional, que dista das habituais curtas de escola (e, por que non dicilo, de moitas series web que pagan así, en certo sentido a súa falta de experiencia).

Fotograma da serie

Fotograma da serie | Imaxe: Interfecto

Outra das cousas que chaman a atención, especialmente para os que temos interese pola lingua, é que os personaxes son bilingües, como representando unha realidade. Este tipo de recursos na ficción son cada vez máis comúns e persoalmente penso que é interesante para a trama, posto que dá maior volume aos personaxes e nos achega á nosa unha determinada realidade social.

O equipo ao completo

O equipo ao completo | Imaxe: Interfecto

O equipo que conformou a gravación soubo traballar en conxunto e dar lugar a un guión que probablemente é un dos aspectos máis traballados da obra, o cal é de agradecer para nós, os espectadores. A trama atrapa dende os primeiros minutos e detalles como contar con actores profesionais ou con banda sonora orixinal (da man de Beryer) fan de Interfecto unha das series web imprescindibles do panorama galego. “E incrible o que está pasando en Galicia e no resto de España coas webseries. Sobre todo porque en xeral se trata de traballos sen ánimo de lucro a cargo de xente moi nova. Penso que a mocidade estamos demostrando que temos moitas ganas de facer cousas e capacidade para facelas ben” cóntanos Biby. O que si podemos afirmar é que tralo auxe dos últimos anos, cunha boa chea de series web que saíron á luz na nosa comunidade, cada vez vemos traballos máis redondos, coma este, onde se está demostrando que non vale todo e que internet é un escaparate cada vez máis esixente.

 

Malia as súas bondades, Interfecto aínda ten que pulir pequenos detalles e engadir subtítulos a outras linguas para acadar un produto final redondo, pero a verdade é que é, sen dúbida, unha das mellores webseries galegas que hai na rede arestora. A súa continuidade, por desgracia, aínda non está garantida: “Desde que comezamos a preparar a rodaxe sabíamos que 3 capítulos de 10 minutos era moi pouco para desenvolver a historia que os guionistas tiñan na cabeza, así que sempre se contou con facer una segunda tempada. Pero aínda temos moito traballo por diante para que sexa posible. Gustaríanos que a nova tempada contase con máis capítulos e dispor de máis tempo para levala a cabo”. Nós, dende Compostimes, desexamos que cada vez sexa máis real esa segunda tempada e que Salvador, Pedro e compañía acaben sacándonos a todos as vendas dos ollos. Polo de agora o único que podemos facer é agardar esa continuación seguíndoos no seu Facebook ou Twitter.