Dous anos de PIC

“No 2012, realizouse unha asemblea o en Compostela sobre as Cooperativas Integrais. Queríase realizar unha Cooperativa Integral Galega, pero o proxecto non foi para diante.” Ana Fernández.

“Inspirábanos a CIC (Cooperativa Integral Catalana) . O seu cofundador, Enric Duran, pedira prestados mais de 500.000 euros a distintos bancos, que invertera en organizala.  Aproveitando a figura legal xa existente da cooperativa creou subgrupos dentro da mesma, englobando distintos proxectos. Eles teñen a súa propia moeda, os seus propios servizos sanitarios… Nós intentamos reproducir un pouco o que se estaba a facer. O 25 de xuño de 2012 houbo unha xuntanza tentando organizar un proxecto similar a nivel galego. Isto non rematou de callar porque esas unións eran moi complexas. Houbo grupos, como na Coruña ou en Compostela, que decidiron apostar mais polo local. Crear unha comunidade, que é como nacemos nós, que empregase unha moeda social: a landra.” Víctor Casas.

“A nosa idea é que terían que ser proxectos locais, que haxa confianza, proximidade…Co paso do tempo se houbera outras moedas dentro de Galicia, poder facer cambios de moeda social a moeda social. ” Paula Souto.

Ana, Victor e Paula forman parte do PIC (Proxecto Integral Compostela), unha iniciativa nada en Santiago de Compostela que o pasado mes de xaneiro cumpriu dous anos. Dous anos que decidiron celebrar por todo o alto o próximo sábado na Gentalha do Pichel. Con motivo deste aniversario, e intentando comprender con maior profundidade o funcionamento da landra, reúnome con eles para que me falen da súa experiencia.

Victor: “As moedas sociais, locais ou complementarias rompen un dos monopolios do Estado, que é a emisión de moeda. As moedas teñen catro características: mecanismo de intercambio, forma de transacción, depósito de valor e que son fundamentalmente anónimas. As moedas sociais non son nin anónimas nin están pensadas para ser depósitos de valor. O obxectivo da moeda é dinamizar o mercado”.

Unha moeda social é unha forma alternativa de realizar un intercambio de bens e servizos. No ano 2012, as landras uníronse ás demais comunidades que decidiron empregar moedas sociais nos seus intercambios, moedas virtuais. Unha medida animada pola crise e a busca dunha maior independencia das moedas estatais. Dentro da Unión Europea, España é un dos estados que conta con mais proxectos deste tipo. A diferencia dos Bancos de Tempo, que realizan intercambios en horas, ou dos trocos, os usuarios da moeda social danlle un valor ao ben ou servizo que ofertan.  Este valor, dado en moeda social, adoita empregar un equivalente, que é case sempre a moeda estatal. Así funcionan as landras. “É unha forma mais sinxela de que a xente lle poña un valor á súa oferta, ao guiarse un pouco polos euros”. Ana explica que esta equivalencia emprégase tamén noutras iniciativas que usan moeda social en España. “A persoa que fai a oferta pode pedir só landras, ou marcar unha porcentaxe do prezo total do adquirido en landras”. O prezo non sempre vén marcado, en ocasións pódese negociar directamente entre  quen oferta e o comprador. “Cada 6 meses revisamos e modificamos o sistema en función ás nosas necesidades. Nós partimos dunha figura: o prosumidor. Entendemos que toda a xente ten capacidade de producir e de consumir, tanto produtos como servizos”.

Mapa moedas sociais

Os intercambios rexístranse no Sistema de Intercambio Comunitario (CES), do Ana aclara o seu funcionamento, “é un programa de libre aceso e bastante sinxelo de empregar. Cando formas parte do Proxecto creas a túa conta e podes ver os produtos e os servizos que ofertan os membros. As transaccións realizadas entre membros do PIC rexístranse no CES e son visibles para todos. O teu saldo en landras tamén é se pode ver”.

Os membros do PIC decidiron establecer un límite de acumulación das landras: un usuario non pode ter mais de cincuenta landras. Da mesma forma, non se pode acumular  un saldo negativo de máis de cincuenta landras. E que sucede se alguén retén durante moito tempo as landras, ou ten un saldo negativo durante meses sen ofertar nada? A pregunta é inevitable. Así coñezo como funciona o sistema de ‘oxidación’ dunha moeda social. O saldo dunha persoa que leva demasiado tempo sen gastar landras ou sen obter landras oxídase, perde unha porcentaxe do seu valor. Esta porcentaxe pasa a un depósito común, e nas asembleas decídese que se fai coas landras acumuladas.

O PIC foi evolucionando nestes dous anos, nos que se fixeron varias modificacións ao proxecto inicial. Ós integrantes iniciais sumáronselle tamén pequenos comercios locais, postos no mercado compostelán de Belvís e tamén bares de Compostela.

Mercado Lusco e Fusco

Víctor: “O que fixemos ao principio foi darnos a todos o que chamamos un crédito mutuo, que eran quince landras. Para que fose mais doado comezar sen endebedarse. Para ter estas quince landras había que participar activamente nas asembleas, pertencer a un dos grupos de traballo… Empezou a haber certo nivel de xente que quería entrar, e a lentitude do proceso fixo que decidísemos que se comezase con cero landras.  Era moito mais sinxelo”.

Os cambios dentro do proxecto incluíron unha autonomía cada vez maior do uso da moeda social. Xente que non participaba nas asembleas nin nos grupos de traballo mostrouse interesada en participar nos intercambios con landras, e os membros do PIC decidiron concentrarse na iniciativa da moeda social. Ana explica que no comezo  “tiñamos o grupo de traballo de moeda, un grupo de traballo de horta, un grupo de comunicación… A idea inicial era que nós tiveramos unha horta para cultivar e poder ofertar os produtos en landras. Pero non chegou a callar.” Aínda que a iniciativa da horta non chegase a funcionar, os membros do PIC amósanse optimistas. “Esperamos poder chegar a retribuír as actividades de membros do PIC en landras. Eu, por exemplo, ao levar a comunicación e a organización do grupo de consumo recibo unha pequena cantidade de landras.”

O grupo de consumo é outro dos avances realizados dentro do PIC. Trátase dun grupo de xente do proxecto que se compromete a realizar intercambios de forma semanal. As peticións fanse por teléfono ou a través da páxina do PIC, e os membros do grupo reúnense cada xoves para facer entrega dos produtos. Isto non só aumenta as transaccións, senón que tamén humaniza o intercambio, facéndoo moito mais próximo. A pesares de que os integrantes do PIC recoñecen que desexarían que o número de usuarios de moeda social medrase, tamén é certo que iso faría mais distantes os intercambios. Aínda que, en comparación coas grandes superficies —centros comerciais, hipermercados— estas relacións seguirían sendo máis próximas. Para Paula “a idea é que terían que ser proxectos locais, que haxa confianza entre os membros. O principal é asentar o PIC a nivel local. Cada vez participan mais persoas, ofrecendo cousas moi diferentes”. Nesta variedade de ofertas radica para Víctor outro punto forte da moeda social, tal vez menos visible para o que comeza a empregala: “Hoxe por exemplo entrou un novo membro, e ademais de ofertar un produto solicita a alguén que coide dos seus fillos. E este é un aspecto importante da participación no PIC. Revaloriza actividades que no mercado laboral non serían tidas en conta, ou que están moi pouco valoradas”. Outra das iniciativas recentes levadas a cabo polo PIC foi o landracarro, unha oferta mais que busca que “veciños con rutas habituais en Compostela ou na comarca reciban landras a cambio de levar a outros pasaxeiros.”