Canto traballaron os nosos deputados?

Houbo un tempo en que a transparencia era un termo, un concepto, monopolizado polas pasarelas de moda. Mais agora, na época da renovación das mensaxes políticas con arrebatos gramscianos de pinta, Laclau e colorea; a transparencia é unha ferramenta do open data —e como tal, do open government—  posta en práctica tamén en Galicia, con máis debe que haber. O Parlamento de Galicia vén de publicar a súa memoria lexislativa do ano 2014 con información sobre a actividade da Cámara, como o número de reunións, procedementos lexislativos e solicitudes de información dos grupos, entre outros.

Porén, a diferenza da web do Congreso dos Deputados, os galegos non podemos coñecer á distancia dun clic o número de intervencións ou preguntas formuladas polos nosos representantes nos salóns do Pazo do Hórreo. Únicamente, a presidencia ofrece datos a nivel agregado e, de xeito excepcional, clasificados por grupos parlamentares.

O pasado ano, os deputados reuníronse en pleno 23 veces, polas 26 da mesa de portavoces e as 51 da mesa da Cámara. Se falamos das comisións, a de Economía, Facenda e Orzamentos foi a que convocou máis xuntanzas (39), seguida da comisión de Seguridade Viaria (34) e a de Sanidade, Políticas Sociais e Emprego (27).

Reunións das comisións

No eido dos procedementos lexislativos levados adiante polos grupos, foron aprobadas 13 leis, entre as que destacan a 1/2014 de lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, a modificación da 12/2013 de garantías sanitarias ou a 2/2014 pola non discriminación do colectivo LGTB. Vexamos o resto dos procedementos aprobados, nos que destaca o escaso éxito das propostas elevadas ao Congreso, aínda que prosperou a proposta do BNG sobre devolución das preferentes:

Procedementos lexislativos aprobados

Examinando os procedementos de control e impulso promovidos, hai un dato que non pasa desapercibido. O parlamento galego ten un auténtico enguedello burocrático: un total de 3618 proposicións non de lei atópanse en fase de trámite. Con todo, hai que dicir que os grupos presentaron 2455 durante o último curso parlamentar.

Procementos de control e impulso

Asemade, a institución emitiu 7 declaracións institucionais que, como tal, teñen un alto poder simbólico. Dúas delas fan referencia a Palestina, sobre o recoñecemento do Estado palestino e o seu pobo. As restantes, son unha conmemoración ás vítimas do Holocausto polo seu día, un comunicado sobre o rapto de nenas en Nixeria por parte de Boko Haram, o apoio ao .gal, así como ao xeito, á pesca tradicional e unha solicitude de indulto a Ana María González Outerelo e Tamara Vidal García, condenadas a tres anos de cárcere por participaren nun piquete durante unha folga en 2010.

Como diciamos con anterioridade, a única posibilidade de analizar a actividade de cada grupo nesta memoria é mediante as solicitudes de información (datos, informes, en definitiva, respostas ás preguntas dos deputados) que dirixen á presidencia do Parlamento e que esta, ao abeiro do artigo 9 do regulamento, está obrigada a facilitar.

É aquí onde se constatan as diferenzas entre o partido do goberno e a oposición. O Partido Popular só realizou en 6 ocasións requerimentos de información. En cambio, o grupo socialista presentou 517 solicitudes, 28,7 de media por cada un dos 18 escanos que se sentan no hemiciclo. Alternativa Galega de Esquerda fixo 53, que dá como resultado 6,6 peticións por cada parlamentario. Neste caso, dos 9 cos que principiou a lexislatura, o grupo reduciuse a 7, trala marcha de Carmen Sueiro e Consuelo Martinez, esta en novembro do pasado ano. De aí que, para elaborarmos a media, tiveramos en conta a 8 deputados. Por último, o BNG solicitou 44 veces información, arredor de 6,2 por escano; por ningunha do Grupo Mixto.

Solicitudes de información

Podermos fiscalizar a tarefa pública dos deputados da Cámara galega non debería ir da man de lembrar que é precisamente eso, pública. A transparencia é o último exemplo dun tren que collemos tarde e mal. Coñecer a actividade parlamentaria co máximo detalle achega máis a polítca aos cidadáns que calquera slogan baleiro de campaña, mais coido que non tomaremos nota de inmediato.