Universidades, paguen a taxa

A Asociación de Editores de Diarios Españoles (AEDE) pide a actuación da Administración central e da Unión Europea para evitar o peche de Google News en España. Semella un titular de El Mundo Today. Evitar o peche e, de paso, conseguir que aboen o xa famoso canon AEDE, aplicado ás páxinas de ligazóns de contidos. Vendo como resultaron os intentos de facer pagar a Google noutros países da UE, a entidade non debería ter moitas esperanzas.

Ministro Wert eldiario.es

A Administración central aprobou o 30 de outubro unha lei moito máis restritiva, e máis ambigua se cabe, que a anterior. Os dereitos que esta lei busca defender serán considerados irrenunciables. Todos eles xorden do dereito de propiedade intelectual, e serán controlados por entidades de xestión como AEDE, que actuarán representando ós suxeitos dese dereito.Estas entidades son a miudo criticadas pola súa pouca transparencia e a súa forma de actuar. Debido a que os dereitos que defenden son irrenunciables, o feito de que o creador dalgún tipo de contido non esté rexistrado nunha entidade non impide que esta realice unha demanda no seu nome. Medios como Info Libre ou 20 Minutos amosaron a súa disconformidade respecto á nova lei. O dereito á protesta é o que lles queda, as entidades de xestión e o goberno xa actuarán por eles. Vantaxes da maioría absoluta.

Entre estas entidades de xestión atópase o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), que protagonizaba o mes pasado numerosos titulares tras levar á xuízo á Universidade Autónoma de Barcelona. A universidade deberá pagar á entidade en compensación polo uso de material didáctico que estaba suxeito a dereitos de autor. CEDRO representa ao sector editorial, entre o material que rexistrou a entidade atópanse dende novelas ata libros de texto e partituras musicais. Entre as taxas que administra atópanse aquelas que compensan a copia de textos ou a publicación de fragmentos de obras. Estas afectan especialmente á comunidade universitaria. É que a menos que a universidade sexa titular dos dereitos de autor das obras empregadas e distribuídas ao alumnado, ou chegue a un acordo cos seus autores, deberá remunerar aos creadores das obras para compensalos polo seu uso. Sempre, por suposto, a través das entidades de xestión.

Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da USC/ usc.es

Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da USC/ usc.es

Ademáis, e debido ao uso cada vez maior das aulas virtuais polas universidades para colgar mateial, CEDRO apoiou o establecemento dun canon de compensación aos autores. Este canon aplicaráse aínda que os contidos empregados polos mestres sexan de libre acceso. A taxa súmase á outra xa existente, que grava ás universidades a reproducción de material didáctico mediante fotocopias. Os centros deben aboar anualmente 4,12 euros por cada alumno matriculado. A este pago súmase o novo- tamén anual- polo uso de contidos dixitais de 5 euros por cada estudante. Segundo iso , a Universidade de Santiago de Compostela debería pagar 150.800 euros, a Universidade de Coruña 108.000 euros e a Universidade de Vigo 112.000. Semella pouco dentro dos orzamentos universitarios, pero temos que entender estas cifras no marco dos recortes en Educación que se veñen levando a cabo dende 2008, así como a restrición que supoñen para o libre acceso á cultura e á información no ámbito académico.

Esta nova lei deixa nas mans de entidades como CEDRO a exclusiva xestión dos dereitos de autor, baixo a vixianza dunha Comisión formada polo propio goberno que a aprobou en solitario. Unha lei que actúa en nome dos suxeitos dos dereitos que di defender, sen ter en conta a súa opinión ou desexos. Unha lei que supón un retroceso mais. E non todos nos podemos permitir actuar como Google.