Historias lusas para non durmir

Na Europa do Sur hai seis anos que é inverno. Portugal, España, Italia e Grecia practican a maiéutica –os diálogos de Sócrates— para descubrir cada un a súa propia verdade no espello do outro. Pablo Iglesias e Beiras ollan para Alexis Tsipras. Pedro Sánchez e Matteo Renzi, novo blairismo en mangas de camisa. E Mariano baila con Passos Coelho ao ritmo simétrico que impón ser o “partido da orde”: Nada con nós, sen nós, nada.

Portugal celebra o 374 aniversario da súa independencia do Reino de Castela sen algueirada. A crise retallou os días festivos no país da saudade. No 1580, corenta aristócratas –Os corenta conjurados— erguéronse contra a casa dos Habsburgo dacabalo do liderado de João Pinto Ribeiro e as reminiscencias xesuítas do Padre António Vieira e o doutor André de Almada. É o primeiro de decembro de 1640 e Filipe IV de España e IV de Portugal , “o Rei Planeta”, ten varias frontes abertos. Un, os lusos entran no Pazo da Ribeira e reteñen á Duquesa de Mantúa baixo berros de “liberdade”: Dous, a coñecida como a Revolta dos Cataláns sufocada posteriormente co tratado dos Pirineos. Portugal, España e Cataluña. En Iberia os cambios de rumbo son só de dirección.

Voltamos. Ao sur do Miño, as conxuras do 2014 son diálogos introspectivos.Os lusos preguntan: ti tamén, Sócrates? Sen demasiadas esperanzas de que a misiva salte os muros do cárcere de Évora, onde o antigo primeiro ministro, José Sócrates, cumpre prisión preventiva por delitos de fraude fiscal, branqueo de capitais e corrupción. É el. O adolescente engaiolado polos cravos da Revolución do 74 que medra no PS. O enxeñeiro civil agarimado polos deuses arbitrarios do carisma que foi a París a estudar Teoría Política e, quen sabe, ver en perspectiva unha hipotética presidencia da República, como apostaban algunhas quinielas. Sócrates. Ferido pola forma na que abandonou São Bento, o seu criterio comezaba a recuperar crédito e na televisión pública lusa, na RTP, as súas aparicións eran máis frecuentes. “Fun obrigado a pedir o rescate”, laiouse nunha entrevista en 2013.

socrates ionline

Sócrates, o mandatario pendente do xuízo dos tribunais e dos portugueses | Ionline

“Todos saben como lamento esta decisión que adopto en defensa do interese nacional. Loitarei para que teña os mínimos custes para a poboación”. Abril de 2011. A decisión é o rescate de 80.000 millóns de euros solicitados á UE e as palabras son do ex xefe do executivo portugués. En España, a espada de Damocles leva 11 meses no lombo de Zapatero tralo “custe o que me custe” de maio de 2010. O Sur pecha os ollos para se protexer do golpe. Está a piques de comezar a fase tecnócrata da crise, a de Papademos en Grecia e Monti en Italia. A dimisión de Sócrates chega despois que o Parlamento torcera a cara ao seu plan de axuste.

O traslado a París emula á frase de Ingrid Bergman a Humphrey Bogart en Casablanca, cando os nazis están ás portas da cidade: “Oh, Rick! O mundo derrúbase e nós namorámonos” Portugal esmorece e Sócrates vive á francesa, escribindo o seu libro “A confianza no mundo: Sobre a tortura en democracia”, no reduto socialista de Hollande. Mais, aínda ten tempo de compartir mesa co fiscal xeral dous días antes de entrar no calabozo.

Conta Javier Martín, correspondente de EL PAÍS en Lisboa, que os amos caeron. Que o país era unha bicefalia dirixida polo socialista e o banqueiro do Espirito Santo, santo e seña de Portugal, Ricardo Salgado. Porén, a podremia da corrupción cernou o binomio. Eran os DDT –Dono Disto Tudo—. A fin do imperio, como resumiu de forma excepcional o diario local Público, saldouse coa detención do banqueiro o pasado mes de xullo e cunha comparecencia parlamentaria o vindeiro 9 de decembro. O BEP era o maior banco privado do país. Unha entidade con 150 anos de historia que hoxe está condenada pola Xustiza portuguesa por agochar bonos de Lehman Brothers, entre outras falcatruadas empresariais que puxeron na diana da quebra ao banco.

DDT ricardo salgado

Ricardo Salgado, derradeiro emperador

Os naipes do Portugal socrático caen da forma en que o Coronel Bill Kilgore, en Apocalypse Now,  pousa as cartas da morte sobre os cadáveres dos civís asasinados pola mariña: “É para que o saiban os Charlies (Vietcong)”. A venda de Portugal Telecom (PT), a xoia da coroa, á brasileira Oi, está no limbo memorístico, a piques de saír da zona de shock e entrar no terreo do trauma colectivo.

En política, con frencuencia, detrás de cada amigo hai un inimigo común. Neste caso, trátase de Carlos Alexandre, o xuíz responsable do Tribunal Central de Investigación Criminal e o primeiro en fixar prisión preventiva para Sócrates e tres millóns de fianza a Salgado, no marco da operación Monte Branco. Alexandre, fillo de carteiro, é protagonista da mística habitual que arrodea aos chamados “superxuíces”. Atribúenlle a frase: “Comigo, a verdade falará máis alto que o diñeiro”.

Mentres, os socialistas, que acaban de pechar o seu XX Congreso, fan ao igual que Portugal, expiación de culpas. O socialismo europeo, afeito en grande medida á zona de confort do sistema, atravesa unha metacrise. O seu caladoiro tradicional de voto esfarélase como o azucre no café: sen punch entre os novos, precarizada a clase media e sen poder de reacción ante movementos de esquerda de novo cuño, máis áxiles e menos burocratizados. Con todo, aínda conservan posibilidades de éxito, cun novo xefe de filas que xestione o furacán. António Costa, 53 anos, alcalde de Lisboa, ex de case todo, vén de gañar as primarias a dirixir o PS no mes de setembro. Menos agraciado para a pantalla, pediu ao partido que o caso Sócrates ficara á marxe: “Hai que separar a política dos sentimentos”. O importante para Costa era que Francisco Assis, eurodeputado e aspirante en 2011 a liderar o PS, e o antigo sindicalista Joao Proença deixaran de afiar os coitelos e ensinar as feridas do segurismo –os fieis ao anterior secretario xeral, António José Seguro—. Pero, dende hai meses, o consenso no Partido Socialista conxúgase en condicional.

1 d. S (despois de Sócrates e todo o que aquela época significaba). 2015. Segue a ser inverno no Sur de Europa. Albíscanse treboadas.

Imaxe destacada: AP/Francisco Seco